Este luns Gonzalo Pérez Jácome chegou por primeira vez como alcalde á Casa do Concello de Ourense, onde asegurou que non atopou a case ninguén. Nas primeiras horas do día comezaron a transcender, a través da información da edición ourensá do Faro de Vigo, as grandes liñas do reparto de competencias no bipartito que Democracia Ourensana formará co PP. Os de Jácome actuarán como socio maioritario da alianza malia teren menos votos que un PP que, non obstante, arrincou dúas contrapartidas esenciais: a xa coñecida, o compromiso de apoio a José Manuel Baltar. E a ocultada o día da sinatura: a promesa de que DO non se presente ás eleccións galegas -en 2016 debutou nelas con 7.723 votos-.
Alén da formación do bipartito liderado por Jácome e do apoio a Baltar na Deputación o acordo tamén implica que DO non se presente ás eleccións galegas, como adiantou 'Faro de Vigo'
Pero, alén da vertente estritamente local, o acordo co que o PP outorgou a Jácome a alcaldía de Ourense a cambio de salvar o baltarismo e con el, a estabilidade dun piar fundamental do PPdeG nas eleccións ao Parlamento segue a ter unha derivada galega. A dirección dos populares galegos, que optou polo perfil baixo durante as negociacións, viuse obrigada este luns a pronunciarse ao respecto por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado. Tamén a través do propio presidente da Xunta e do partido, Alberto Núñez Feijóo, que durante a campaña do 26M considerara como "letal" para Ourense a posibilidade de que Pérez Jácome lograse a alcaldía á que vén de ascender cos votos do PP.
Segundo o número dous dos populares galegos, o bipartito de Democracia Ourensana co PP non responde a "un reparto de cadeiras", senón a un "programa" centrado "no crecemento económico" e na "mellora dos servizos públicos". Por iso di estar convencido de que vai resultar "moi positivo para os intereses de Ourense". Así todo, entre estes eloxios Tellado tamén sinala ao PSdeG para situalo como "culpable" último do acontecido ao non "aceptar" a "proposta" de que "gobernase a lista máis votada" no Concello e na Deputación.
Feijóo di "confiar" en que o "comportamento" de Jácome na alcaldía non sexa "como o que tivo na oposición"
Tamén Feijóo se dirixiu en termos semellantes aos socialistas para reprocharlles que non aceptasen gobernar o Concello a cambio de aceptar o mantemento de Baltar na Deputación. "Descubrimos que Jácome ía ser alcalde si ou si" porque se non pactaba co PP, pactaría co PSdeG, di Feijóo, quen sinala esta circunstancia como o motivo para "chegar a un acordo" de "estabilidade" nas dúas institucións aínda que implique poñer o bastón de mando nas mans do dirixente ao que consideraba "letal". Neste sentido, matizou Feijóo ao ser preguntado ao respecto nun acto da Xunta en Pontevedra, di ter confianza en que o "comportamento" de Jácome na alcaldía non sexa "como o que tivo na oposición". Nese caso, "eu o criticarei", avanza.
"Feijóo pecha o seu ciclo cun bochorno"
Os "malabarismos" dos populares para xustificar o voto a Jácome para a alcaldía e o posterior bipartito son sinalados polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para apuntalar a súa tese da fin do "ciclo de Feijóo". "Feijóo dicía que Jácome era letal e Jácome dicía que Baltar era tóxico", lembrou o socialista, dende cuxo de vista o propio presidente da Xunta e do PPdeG debera ter "valor" para explicar, pública e conxuntamente con Baltar e o novo alcalde, os termos exactos do "cambio de cromos" co que "traizoan o electorado de Ourense.
Caballero reta a Feijóo e Baltar a explicaren pública e conxuntamente con Jácome os termos exactos do seu "cambio de cromos"
"Feijóo pecha o seu ciclo político cun exercicio de indignidade política e cun bochorno e un esperpento que Galicia non merece", lamenta Caballero, dende cuxo punto de vista "milleiros de ourensáns se arrepinten do votado", toda vez que "os votantes do PP non queren a Jácome e os de Jácome non queren a Baltar", máis aínda tendo en conta o historial de "improperios e descualificacións" mutuas da campaña e dos últimos anos, acrecenta.
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve no acontecido en Ourense unha mostra do "devalo do PP". "A Feijóo non lle importa hipotecar o futuro de Ourense" outorgando o poder a quen vía "letal" con tal de manter o cacicato dos Baltar", di a líder nacionalista, quen coida que Feijóo está a demostrar que para el "a política é manterse no poder, caia quen caia e custe o que custe". Para o Bloque esta tamén é unha mostra do remate da etapa de Feijóo no poder.