-
Inés Rey, nova alcaldesa da Coruña cos votos a prol do PSdeG, da Marea Atlántica e do BNG. A nova rexedora tomou posesión do cargo subliñando o feito de ser a primeira muller que acada o cargo na historia democrática da cidade.
-
En Narón este sábado foi elixida como alcaldesa Marián Ferreiro, de Terra Galega, primeira forza da corporación. Ferreiro, que asumiu o cargo en 2017 en substitución de José Manuel Blanco, logrou no 26M 10 dos 21 edís da corporación municipal naronesa.
-
Arteixo (31.917 habitantes) convértese no concello galego máis poboado con alcaldía do PP, condición que ata agora ostentaba a cidade de Ourense. Carlos Calvelo revalidou este sábado o posto como alcalde de Arteixo grazas á maioría absoluta que obtivo nas urnas, con 12 dos 21 edís da corporación.
-
Fernando Suárez, elixido por cuarta vez como alcalde de Ribadeo polo BNG. "Traballaremos para dar conta da afouteza de Ribadeo e da súa singularidade en Galiza, e desde Galiza para o mundo", afirmou o rexedor, que conta con 7 edís na corporación que supoñen a maioría absoluta.
-
A socialista Elba Veleiro é xa a nova alcaldesa de Vilalba, concello natal de Fraga no que o PP nunca perdera e onde chegara a superar o 80% dos votos. Veleiro foi investida cos 8 votos do PSdeG, primeira forza, e cos 2 de Vilalba Aberta, formación coa que acadou un pacto de investidura.
-
Benito Portela foi reelixido como alcalde de Sada cos votos de Sadamaioría (6) e do BNG (2), un por baixo da maioría absoluta. Tras unha mañá de incertezas, nas que Sadamaioría, primeira forza, temía a eventual conformación dunha maioría alternativa, finalmente o rexedor recuncou no posto e asegurou, na súa toma de posesión, estar disposto a procurar maiorías co resto da esquerda do concello.
-
Ángel García Seoane revalida a alcaldía de Oleiros para Alternativa dos Veciños con 13 votos a prol, dous por riba da maioría absoluta. A formación logrou tamén desta volta a alcaldía de Carral con Javier Gestal, que cos seus 8 votos e os 3 do PSdeG puxo fin ao longo período do PP nese concello.
-
Manuel Ruiz Rivas recunca como alcalde de Ribeira polo PP. Foi investido cos 9 votos do PP, que foron dabondo grazas á súa condición de forza máis votada e ao non existir maioría alternativa que sumase maioría absoluta.
-
Abel Caballero recunca como alcalde de Vigo cos 20 votos a prol do grupo do PSdeG na corporación fronte aos 4 do PP, os 2 da Marea e 1 do BNG.
-
Miguel Anxo Fernández Lores, reelixido alcalde de Pontevedra cos 11 votos do BNG e os 4 do PSdeG. Ambas forzas gobernarán en coalición sobre o pacto que asinaron o pasado xoves.
-
Ana Ermida, nova alcaldesa de Barreiros polo BNG. Os 5 votos do BNG e o único voto do PSdeG sustentaron a elección da rexedora, primeira forza da corporación, que deixa de estar dirixida polo PP de Alfonso Puente, cuxa controvertida xestión urbanística marcou a vila na última década.
-
Ángel Mato, elixido alcalde de Ferrol co apoio do PSdeG, Ferrol en Común e BNG. O socialista é o novo rexedor ao lograr a maioría absoluta da corporación, na que a oposición será exercida só polo PP, con 12 edís, grupo máis numeroso.
-
Carlos López, novo alcalde socialista da Fonsagrada tras esixir a edil do BNG, Xosefa Ortiz, a renuncia do cabeza de lista do PSdeG e ata agora alcalde, Argelio Fernández, por considerar que mantivera o concello "abandonado". O voto do Bloque era imprescindible para a investidura, xa que do contrario o PP lograría a alcaldía.
-
Francisco Fumega repite como alcalde socialista do Carballiño. Desta volta o PSdeG da vila logrou maioría absoluta, con 9 dos 17 edís. Á constitución da corporación non asistiu o ex-socialista Pachi Vázquez, antigo alcalde da vila polo PSdeG, que neste 26M concorreu polo seu novo partido, Espazo Común, logrando 3 concelleiros.
-
Rafael Sisto, reelixido como alcalde de Teo cos votos de Son de Teo, PSdeG e BNG. Nas eleccións do 26M a formación de Sisto perdeu tres edís e quedou con 4, mentres que o PP logrou ser primeira forza, pero tras unhas complexas negociacións cos socialistas, o acordo de esquerda permítelle revalidar a alcaldía.
-
Xosé Sánchez Bugallo regresa á alcaldía de Santiago tras ser investido polos 10 edís do PSdeG compostelán. Grazas á súa condición de forza máis votada, puido ser elixido sen necesidade de maioría absoluta.
-
Lara Méndez, reelixida alcaldesa de Lugo cos votos do PSdeG e do BNG. A rexedora socialista apelou a unha cidade "máis orgullosa do seu" e anunciou "pontes tendidas" cara ao resto da corporación. Máis información, hoxe en Praza.gal
-
Gonzalo Pérez Jácome, novo alcalde de Ourense grazas aos votos do PP. "É a quinta vez que me presento a alcalde de Ourense e non hai quinto malo", afirma
-
O BNG, forza máis votada, gobernará Barreiros co apoio do PSdeG tras manter a edil socialista ata o último día a incerteza sobre a posible continuidade do PP. A socialista cobrará unha dedicación parcial tras reducir a alcaldesa o soldo que cobraba o anterior rexedor popular e repartilo con ela.
-
A pasada noite quedou tamén constituído o Concello de Láncara. Volveu ser elixido como alcalde o socialista Darío Piñeiro.
-
O Concello de Sober volveu quedar constituído ás cero horas deste 15 de xuño, recuncando así na 'tradición' de ser o primeiro do Estado en facelo, aínda que desta volta tamén se lle sumou o Concello de Láncara. O popular Luis Fernández Guitián volveu ser investido con maioría absoluta.
- Política Ao vivo
Os concellos elixidos o 26M botan a andar entre pactos de todo signo
Hemeroteca
-
Caballero recunca con "maioría absolutísima" fronte a un PP no que 16 candidatos renunciaron a tomar posesión
-
Bugallo volve á alcaldía de Santiago que deixou en 2011 para afrontar agora un goberno en minoría
-
Lara Méndez inicia o seu segundo mandato en coalición co BNG para lograr un Lugo “máis orgulloso do seu”
-
A esquerda repite mandato en Ferrol por primeira vez dende 1983
-
Lores inicia o seu sexto mandato en Pontevedra anunciando un "novo ciclo" na cidade sen "conformismo"