A esquerda repite mandato en Ferrol por primeira vez dende 1983

Ángel Mato, tras ser elixido novo alcalde de Ferrol CC-BY-NC-SA PSdeG

Ferrol é unha cidade eminentemente de esquerdas. Dende o século XVIII os estaleiros crearon nela unha alma obreira que marcou a súa historia. En xullo de 1936 Ferrol era unha cidade republicana, alí o Franquismo reprimiu con saña a protesta dos traballadores de Bazán en 1972 e en 1979, nas primeiras eleccións municipais, a esquerda obtivo 16 dos 25 edís en xogo. Nese momento Xaime Quintanilla, fillo do último rexedor republicano da cidade, fusilado en 1936, fíxose coa Alcaldía, cunha maioría que acrecentou en 1983. Foi a última vez que a esquerda puido gobernar dous mandatos consecutivos. 

Dende 1983 a esquerda non goberna a cidade en dous mandatos consecutivos; desta volta o socialista Ángel Mato substitúe a Jorge Suárez, de Ferrol en Común, á fronte da alcaldía

Desde entón a crise do sector naval, a reconversión industrial nunca completada, o desemprego e a emigración xeraron un malestar social que derrubou un Goberno municipal tras outro, nun movemento pendular de esquerda (PSOE, BNG, FeC) a dereita (PP). Pero esta vez o péndulo quedou no campo progresista. O socialista Ángel Mato converteuse en alcalde co apoio de Ferrol en Común e BNG, o cal agradeceu expresamente no seu primeiro discurso como rexedor.

Tras tomar posesión Mato evocou precisamente o pasado da cidade en clave de esquerda e a edís históricos que mesmo "deron a vida" polas súas ideas, lembrou. Carga de traballo para o naval, a mellora do tren Ferrol-Ribadeo, a fin do "illamento ferroviario" con relación ao eixo atlántico ou a "aposta polos servizos públicos de calidade" que "garantan a igualdade de oportunidades" serán, dixo, as liñas mestras dun mandato no que agarda contar coas achegas dos "dous alcaldes" que tamén sentan na corporación, Jorge Suárez (FeC) e José Manuel Rey Varela (PP).

Ángel Mato celebra o resultado electoral na noite do 26M © PSdeG-PSOE

Durante a campaña Jorge Suárez reclamaba que, fose cal fose a forza de esquerdas máis votada, os tres partidos debían facer un esforzo para impedir "como fose" un regreso da dereita ao poder, conformando ademais un goberno "sólido". As perspectivas son mellores agora. Ferrol en Común ofreceuse a entrar no goberno local, unha posibilidade á que o BNG tampouco pechou as portas. "A cidade necesita canto antes que ese pacto sexa firme e definitivo, cun goberno estable, para, seguindo o mandato da cidadanía, impedir o avance da dereita", defendeu este xoves Jorge Suárez na asemblea da súa formación. 

Ferrol en Común e BNG manifestaron a súa disposición a entrar no Goberno e Ángel Mato declarou que non desexa gobernar en solitario

No entanto, o PSdeG-PSOE preferiu deixar as negociacións para despois da investidura. Nos días posteriores ás eleccións, Mato afirmou que “non penso en gobernar en solitario. Para min é moi importante a estabilidade". A dirección do PSOE a nivel galego ve igualmente con bos ollos a constitución deste goberno de coalición e o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, celebrou hai uns días que "todas as forzas esquerda na cidade estean a remar na mesma dirección”. Con todo, máis aló de contactos "informais", privados e por separado entre socialistas e FeC e entre socialistas e BNG, non houbo máis avances. Haberá que esperar ás semanas posteriores á investidura e ao mes de prazo que o novo alcalde terá para formalizar o seu goberno.

Máis aló de contactos "informais", privados e por separado entre socialistas e FeC e entre socialistas e BNG, non houbo máis avances

O reto que este goberno ten por diante, sexa cal for a súa composición, non é pequeno. A crise que Ferrol arrastra desde os anos 80 fixo descender a súa poboación desde os 91.000 aos 67.000 habitantes. A falta de emprego e oportunidades empurrou aos seus mozos á emigración e envelleceu as rúas do centro: en 1998 había na cidade 29.000 menores de 30 anos, que hoxe non pasan de 15.000, case a metade. E a excesiva dependencia da debilitada industria naval fixo que a saúde económica de Ferrol dependa en exceso da voluble carga de traballo dos estaleiros da ría. 

O pasado mes de decembro o Consello de Ministros aprobou o contrato das cinco fragatas F-110 a Navantia Ferrol, un encargo que fora atrasado polo Goberno de Mariano Rajoy para beneficiar á empresa da que era alto executivo o ex-ministro Pedro Morenés. Con todo, os traballos de construción destes buques aínda tardarán máis de dous anos en comezar. Esta cidade de ferro e mar necesitará disto e de moito máis para reverter a súa crise. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.