O presidente da Xunta e do PPdeG di sentir mágoa por que non se estenda o "exemplo" do aínda titular da Generalitat valenciana entre "algúns" que "teñen moitas responsabilidades" nas consecuencias das riadas
O acontecido na Comunitat Valenciana, co anuncio da dimisión de Carlos Mazón un ano despois da súa actuación durante as riadas que causaron máis de 200 mortes e tras bater en primeira persoa coa dor e a carraxe das vítimas durante o funeral de Estado a pasada semana, ten ecos tamén na política galega. Tanto no Goberno e no partido que o sustenta, que aproban o movemento, como no resto de grupos, que se remiten á foto completa do ano.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondía este luns tras o Consello a preguntas da prensa que a súa posición é a "mesma" dos últimos doce meses, nos que compartiu con Mazón varios encontros presididos por Alberto Núñez Feijóo. "Escoitando as súas razóns creo que fixo o correcto e o axeitado", resolve o tamén líder do PPdeG.
"Sempre lles contestei o mesmo, a decisión de renunciar era unha decisión persoal" e "o presidente Mazón tomouna e anunciouna esta mañá", resolveu Rueda, quen di sentir "pena" de que "non cunda o exemplo" e "algúns" que "teñen moitas responsabilidades na DINA sigan actuando con esa soberbia escudados sempre no presidente Mazón". "Non sei o que farán a partir de agora", agrega sen poñer nomes.
"A dimisión chega un ano tarde e demostra a cara máis escura, indecente e inmoral do PP de Feijóo", coida a portavoz nacional do BNG
Rueda defende deste xeito os movementos de Mazón e tamén os de Feijóo ao respecto por "coherente de principio a fin". Inscribe tamén no ámbito da "decisión persoal" que o valenciano continúe ou non como deputado e, polo tanto, como aforado. "Agora cambiarán o foco e dirán que o problema é que segue de deputado", censura.
Ao acontecido durante o último ano e non só dúrante os últimos días remítense os líderes dos dous grupos da actual oposición de esquerdas no Parlamento. Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "a dimisión de Mazón chega un ano tarde e demostra a cara máis escura, indecente e inmoral do PP de Feijóo", mais tamén "reflicte ben como actúan" os populares "ante unha catástrofe: buscando culpables, faltando ao respecto ás vítimas, mentindo e aferrándose á poltrona".
Para a líder do Bloque, o aínda presidente da Generalitat Valenciana é "un exemplo de deshonra política", se ben o politicamente "realmente insoportable" foi ver "como o PP, con Feijóo á cabeza, o recibiu con aplausos" en diversos actos. "Se a calquera persoa de ben eses aplausos xa lle producen náuseas, non quero imaxinar o que sentiron as familias das vítimas" a respecto dunha "maneira de actuar" que "en Galiza coñecemos ben" porque a "vivimos de primeira man" tras o Prestige ou despois do accidente do Alvia en Angrois, sinala.
O líder do PSdeG censura que a "dimisión en diferido" de Mazón, "un caradura e un sinvergüenza", chegue mentres "aínda non deu explicacións do ocorrido"
Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, resalta que a "dimisión en diferido" de Mazón chega non só despois dun ano "sen explicacións nin asunción de responsabilidades", senón tamén tras "meses co aval político e o aplauso de Alfonso Rueda e Alberto. Núñez Feijóo". O mesmo Feijóo co que, resalta, o propio Mazón afirma que consultou e decidiu "non solicitar a Declaración de Emerxencia Nacional".
O aínda líder do PP e do Goberno valenciano demostra ser, a xuízo de Besteiro, "un caradura e un sinvergüenza". E, alén do xeito en que escenifica a súa marcha, o máis relevante é que "aínda non dese explicacións do ocorrido hai un ano".