O episodio comparable máis mortífero ata agora en Europa no que vai de século foran as riadas padecidas por Alemaña en 2021, con 197 falecementos
O catastrófico temporal que arrasou amplas zonas do sur-leste da Península, co centro da catástrofe na provincia de València, xa supera as duascentas vítimas mortais. As autoridades da Comunitat Valenciana ratificaban contra o mediodía deste 1 de novembro que o balance oficial de falecementos se sitúa xa en 202 persoas mentres continúan os labores de busca e rescate, polo que os gobernos dan por feito que esa cifra continuará aumentando. Así o evidencian as actas do Centro de Coordinación Operativa da Generalitat Valenciana que, segundo informa elDiario.es, contabiliza xa unhas 70 mortes máis pendentes de levantamento oficial de cadáveres.
A gran cifra de falecementos converte as riadas do pasado martes nas máis mortíferas acontecidas en Europa no que vai de século. Como informaba infoLibre nos últimos días, ata agora o episodio meteorolóxico comparable máis mortífero do continente no século XXI foran os asolagamentos padecidos por Alemaña no verán de 2021. o reconto oficial de vítimas mortais naquela catástrofe fora de 197, segundo o Centro de Investigación sobre Epidemioloxía das Catástrofes da universidade belga de Lovaina.
As mortes son a cara máis tráxica dun acontecemento con innumerables vertentes que, en rigor, aínda non rematou. Non en van, a Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) que deu lugar ao virulento temporal segue atinxindo a outros puntos do Estado con especial incidencia puntos do oeste Andalucía , norte da Comunitat Valenciana, sur de Catalunya e as Illes Balears, onde Aemet activou este venres avisos vermellos, laranxas e amarelos por fortes chuvias.
A emerxencia deixou paso á catástrofe infraestrutural e humanitaria, na que a recuperación de corpos sen vida debe combinarse coa asistencia de primeira necesidade ás persoas e labores como a retirada de coches amoreados nas estradas
Este é o contexto no que emerxencia deixou paso á catástrofe infraestrutural e humanitaria. Así, alertas dende diferentes puntos da Comunitat Valenciana reclamando medios de rescate, subministros básicos como auga potable e comida ou instando á recuperación de comunicacións terrestres ou telefónicas sucédense mentres a Generalitat Valenciana asegura ter despregados todos os recursos dos que dispón e o Goberno de España explica que os militares despregados na zona se elevan xa aos 2.000 a través da Unidade Militar de Emerxencias pero tamén dos exércitos de Aire e Terra e mais da Armada.
Os traballos das forzas de seguridade, o Exército, Protección Civil, os diferentes corpos policiais e persoal ao servizo das diversas Administracións teñen innumerables frontes. A principal, a asistencia directa á persoas, pero tamén outras accións clave xa non só para avanzar paseniño cara á recuperación dunha relativa normalidade que tardará en chegar, senón tamén para facilitar as operacións de rescate. Neste segundo obxectivo se encadra, por exemplo, a retirada de coches e camións amoreados nas estradas: máis de 1.000 turismos e 175 camións foran retirados xa ata o mediodía deste venres.
De xeito paralelo ás actuacións oficiais transcorren múltiplas iniciativas voluntarias, con imaxes tan elocuentes como as de centos de persoas cargadas con todo tipo de materiais avanzando, a pé, dende a cidade de València ás localidades máis afectadas. Ante estes movementos os servizos de Emerxencias da Comunitat Valenciana transmitiron o seu agradecemento, mais tamén evitar acudir con vehículos que poidan "colapsar as vías de acceso" e, paradoxalmente, acabar atrancando os labores en marcha. Este é o contexto no que o Goberno valenciano habilitou un sitio web no que centralizar inscricións de persoas voluntarias e "coordinalas".
Máis accións solidarias dende Galicia
De xeito paralelo ás actuacións oficiais transcorren múltiplas iniciativas voluntarias, con imaxes de centenas de persoas marchando a pé dende a cidade de València cara ás localidades máis afectadas. En Galicia, a Fegamp remitiu instrucións aos concellos sobre as necesidades máis urxentes dos seus homólogos valencianos
As accións solidarias coas vítimas da catástrofe en València e noutros puntos das provincias de Albacete e Cuenca seguen chegando tamén dende Galicia. Así, por exemplo, diversos concellos están a organizar recollidas de alimentos e outros produtos de primeira necesidade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) remitiu a todos os municipios e ás catro deputacións "indicacións actualizadas" sobre como proceder.
Así, para as recollidas de materiais e alimentos instan a dirixirse á Federación Valenciana de Municipios e Provinicias e atender ás súas peticións de que "auga, leite, friames, pan de molde, latas de atún, materiais de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas. Ao tempo, a Fegamp explica que solicitou á Xunta " unha reunión urxente para artellar os mecanismos de coordinación da solidariedade coas persoas afectadas pola DINA".
As imaxes de destrución, o reconto á alza de vítimas mortais, a despregadura de medios de asistencia e rescate e as devanditas accións voluntarias conviven neste panorama co tirapuxa partidario. Especialmente dende que, este pasado xoves, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo visitase a Comunitat Valenciana na súa condición de líder estatal do PP e, dende o centro no que se coordina a emerxencia, cuestionase os prognósticos meteorolóxicos da Aemet para xustificar o momento en que o Goberno valenciano, dirixido polo PP, activou as alertas para a cidadanía.