Temporal catastrófico na Comunitat Valenciana cun cento de mortes

Efectos do temporal na localidade valenciana de Picanya, nunha imaxe do serán do 29 de outubro © Ajuntament Picanya

Un cento de vítimas mortais. Cando menos 92, segundo o balance divulgado pola Generalitat Valenciana no serán deste 30 de outubro. Ata 95, tendo en conta falecementos en Castilla-La Mancha.

É a consecuencia máis tráxica do catastrófico temporal que atinxiu, sobre todo, ao interior da provincia de València, mais tamén a puntos da autonomía de Albacete e Cuenca. As históricas chuvias, con picos de ata 500 litros por metro cadrado, traducíronse en desbordamentos de ríos e enormes asolagamentos. O Goberno de España anuncia tres días de loito oficial e que declarará a zona como "altamente afectada"

O temporal na comarca valenciana de Utiel - Requena, en imaxes divulgadas por Emerxencias da Generalitat Valenciana

Os barrancos desbordados, principalmente o do Poyo, que une aos crecidos ríos Túria e Xúquer, e as pontes arrastradas, como a de Paiporta, deixaron centos de traballadores atrapados nas súas fábricas, como no polígono de Ribarroja. Tamén foron múltiplos os episodios de grandes fileiras de vehículos atrancados estradas e autoestradas como a A3 ou a circunvalación da cidade València, a V30.

Chuvias de ata 500 litros por metro cadrado provocan múltiplos desbordamentos e unha situación caótica. Un elevado número de persoas pasaron horas refuxiadas en teitos de edificios ou vehículos á espera de seren rescatadas

Foi así como, sobre todo dende o serán do martes, un elevado número de persoas tiveron que refuxiarse en alturas. Dende teitos de edificios a camións serviron como improvisados resgardos ante o risco de ser arrastrados, como informa infoLibre.

As redes sociais foron reflexo da espera desesperada por rescates que, en moitos casos, tardaron horas en chegar. O presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, asegura que esas demoras non se deberon á falta de efectivos, senón á imposibilidade de que os servizos de emerxencia chegasen antes, precisamente, polos asolagamentos. Este foi o contexto no que aos bombeiros e ás policías locais e demais servizos da contorna se engadiu unha ampla despregadura da Unidade Militar de Emerxencias.

Labores de evacuación por efectivos da UME en varias localidades valencianas con veciñanza atrapada polo temporal

A Comunitat Valenciana é o centro da catástrofe que, non obstante, tamén ten consecuencias graves en Castilla-La Mancha, en provincias como Albacete ou Cuenca. Alí durante a noite os servizos de emerxencias seguiron á procura de cando menos seis persoas desaparecidas tras a riada que sufriu a localidade de Letur e, a primeiras horas do mércores, confirmaban o falecemento dunha muller na localidade conquense de Mira.

Gabinete de crise do Goberno de España e solidariedade galega

A Xunta ofrece "toda a axuda que precisen" e comeza a concretala co envío dun helicóptero, un dos medios máis demandados na contorna ante a imposibilidade de desprazamentos terrestres

A magnitude da catástrofe derivou tamén na creación, no serán do mércores, dun gabinete de crise polo Goberno de España, presidido dende este mércores por Pedro Sánchez, de volta dunha viaxe oficial na India. Dende Galicia, o presidente Alfonso Rueda sinalaba na noite do martes que xa falara tanto con Mazón como o presidente castelán-manchego, Emiliano García Page, para "ofrecer toda a axuda que precisen". 

"Galicia está á súa completa disposición", indicou. Na mañá deste mércores, ese ofrecemento comezou a concretarse co envío dun dos dous helicópteros de salvamento dos que dispón, o Pesca 1. Os helicópteros son un dos medios máis precisos nas zonas afectadas ante a imposibilidade de desprazamentos terrestres.

Rescate dun transportista atrapado polo asolagamento en Alzira, este 29 de outubro, nunha imaxe divulgada polos Bombeiros da provincia de València © Bombers Consorci VLC

Tamén a líder da oposición en Galicia, a portavoz nacional do BNG, transmitiu a súa solidariedade. "É desgarrador ver as imaxes que nos chegan e as graves perdas en vidas humanas. Toda a forza e recoñecemento aos equipos de emerxencias nun traballo imprescindible nestes tráxicos días", indicou Ana Pontón

O Parlamento, a Xunta e múltiplos concellos acollen concentracións de solidariedade coas vítimas

O Bloque solicitou tamén suspender a actividade no Parlamento, onde se desenvolven comparecencias de membros do Goberno sobre os Orzamentos de 2025, pero non foi posible pola negativa do Grupo Popular que, confirman fontes parlamentarias a Praza.gal, alega prexuízo para a tramitación das contas e tamén que no Congreso foi suspendido o pleno ordinario mais non outro extraordinario para aprobar o novo sistema de elección de cargos de RTVE.

Por parte do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, tamén fixo achegar a "solidariedade e todo o apoio" do partido ás persoas afectadas. "Estamos moi pendentes das preocupantes informacións sobre as vítimas e os danos causados pola DINA", resalta. 

Minuto de silencio no Parlamento en solidariedade coas vítimas do temporal na Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha, este 30 de outubro CC-BY-SA Xunta

Estas mostras de solidariedade foron reiteradas en varias concentracións e minutos de silencio desenvolvidas en sedes oficiais como a do propio Parlamento, a Xunta e múltiplos concellos do noso país.

Alertas en días previos e ligazón coa crise climática

A Aemet advertiu na semana previa da formación dunha DINA que, "polas súas características e comportamento", tiña "moito potencial de entrar no grupo das de alto impacto"

Todos estes sucesos chegan despois de que, nos últimos días, científicos da Axencia Estatal de Meteoroloxía viñesen advertindo de que os modelos meteorolóxicos permitían avanzar a formación dunha Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) que, "polas súas características e comportamento", tiña "moito potencial de entrar no grupo das de alto impacto". Así o advertía o pasado día 25 o meteorólogo da Aemet Juan Jesús González Alemán.

Neste contexto, voces expertas na materia advirten de que aínda é apresurado atribuír directamente a catástrofe á crise climática, o cal cumprirá estudar con detemento. Non obstante, científicos como Dominic Royé si resaltan, ante este episodio, que "o que si se pode dicir" xa é que "con cada grao de aumento da temperatura global a cantidade de vapor de auga na atmosfera pode aumentar ao redor dun 7%", disparando os perigos de temporais coma este.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.