As chuvias concentradas e as temperaturas deste inverno aceleran a necesidade de mudar a xestión da auga

Vista da ría de Arousa dende A Pobra do Caramiñal, nunha imaxe tomada neste mes de marzo de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Abordamos a relación entre a seca e o cambio climático co científico especialista no clima da USC Dominic Royé, que explica a variable da evapotranspiración. Un escenario, no que tamén vai influír a guerra en Ucraína, chamado a encarar a xestión da auga

A situación no Estado español é de pre-alerta por seca, e en varias zonas de Andalucía e Catalunya xa están en alerta. ″Como agora estamos en período de choivas, haberá que ver canto vai chover e en canto tempo porque aínda se pode reequilibrar o balance hidrolóxico″, asegura o doutor en xeografía física especializado no clima Dominic Royé. A cuestión é como chove, porque co cambio climático a tendencia é de precipitacións moi concentradas, que non axudan a mellorar a seca e poden causar máis dano na terra por non haber marxe a asimilar o cambio.

″Case todos os parámetros están aumentando e van aumentar no futuro. Así que é moi probable que as secas sexan máis frecuentes, que cubran máis extensión espacial e que teñan unha maior duración no tempo″, explica o investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este panorama chama a atención sobre unha boa xestión da auga e dos recursos hídricos, tanto desde o uso particular como no eido industrial.

Evolución anual das secas na España peninsular de acordo co Índice de Precipitación Estandarizada (SPEI) de 12 meses de acumulación © Dominic Royé

Non é doado definir que é unha seca, hai varios tipos que funcionan como diferentes fases. Para estudar se estamos ante unha seca hai que mirar as anomalías de precipitación nun lugar e comparalas co que nese sitio é ″normal″ que chova, esta é a ′seca meteorolóxica′.

Ademais, a referencia temporal que se escolla no estudo tamén determina o concepto de seca. ″Ata seis meses podemos falar dunha ′seca meteorolóxica′, que sobre todo atende a esas anomalías de precipitacións. Se o déficit hidrolóxico continúa, o que acostuma a suceder é que a seca se transfira aos encoros e ao solo, polo tanto comece afectar á agricultura e outros ámbitos″, apunta Dominic Royé sobre a ′seca ecolóxica′ e a ′hidrolóxica′, que sería a máis grave, cos encoros xa no mínimo da súa capacidade.

“Vimos dun inverno moi cálido, polo que o potencial de evapotranspiración é moito máis alto"

O científico especializado no clima sinala un punto clave no estudo da seca neste escenario marcado polo cambio climático: a evapotranspiración. A evapotranspiración é a combinación de dous procesos: a evaporación e a transpiración. A evaporación, o fenómeno físico polo que a auga pasa de líquido a vapor, prodúcese desde o propio solo, tanto das augas que decorren polo subsolo como pola auga da choiva que se filtra. E a transpiración é un proceso biolóxico no que as plantas lle pasan auga á atmosfera.

Se a temperatura da Terra aumenta, a evapotranspiración tamén. ″Non é o mesmo ter déficit de precipitacións e temperaturas frías porque iso significa que a humidade e a auga do solo non se evaporan. Agora vimos de pasar un inverno moi cálido, polo que o potencial de evapotranspiración é moito máis alto. Por iso, cando a seca coincide nos períodos estivais se agrava antes a situación. Aínda que non só sexa problemática nos meses de verán″, detalla Royé.

O grupo intergobernamental de expertos sobre o cambio climático (IPCC) de Nacións Unidas advertiu no seu último informe de que o quecemento global é imparable e as súas consecuencias serán irreversibles nalgúns aspectos. ″A cuestión aquí é que a evapotranspiración vai ter un papel cada vez maior debido a que existe un quecemento global e as temperaturas no planeta Terra están a subir. Estámolo vendo agora no inverno galego, que foi moi cálido con respecto ao que é normal. Isto, xunto ás perspectivas de que o verán tamén será máis cálido, vai aumentar a evapotranspiración porque o solo estará máis seco, terá perdido máis auga″, incide o investigador.

Precipitacións acumuladas no inverno climatolóxico 2021-22 en Galicia respecto á media habitual © MeteoGalicia

Dominic Royé conta que os científicos coñecen a teoría desde hai moito tempo, pero o potencial de evapotranspiración na Península Ibérica era menor ata estes momentos. ″Era máis importante no sur da Península. Aínda que isto non implica que non sexa un parámetro clave nun plan hidrolóxico calquera″, di.

″Non se fala moito da evapotranspiración porque estimala é moi difícil, precisas atender a moitos parámetros. Non depende só da temperatura, tamén da radiación solar. Se hai moitas horas de sol, hai máis facilidade para esa evapotranspiración que se o ceo está anubrado″, engade, para remarcar que ″cara ao futuro, dentro de todo o balance que se mira para atender ás secas, vai xogar un papel máis importante″.

Outra cuestión importante é a distribución da precipitación. Non se pode perder de vista que a tendencia global mostra que o total anual de precipitacións non está a diminuír demasiado en termos estatísticos, porén, o que si se ve moito máis claro é que a precipitación está comezando a concentrarse en menos días. E está comezando a moverse estacionalmente: do inverno cara a primavera e o outono.

Xestión da auga

Debemos prestar atención a xestión da auga porque se non temos unha precipitación tan regular no tempo, e as chuvias son máis concentradas, supón un problema. Pois temos que xestionar a auga que hai, non podemos gastala sen máis coma antes. Hai que aforrar e ter sempre presente que hai que gardar auga por se hai unha seca importante ou deixa de chover durante unha temporada″, defende Royé.

O Mediterráneo está máis preparado para o aforro de auga que o norte da Península, porque aquí estabamosacostumados a ter auga de sobra. ″Pero España, en xeral, non está preparada ante unha seca de verdade –advirte o investigador–. En 2017 houbo unha seca que afectaba a case toda a Península Ibérica e a situación comezou a ser moi límite. Daquela chegouse a un límite que non foi a máis. Mais hai que pensar no que pasaría se sobrepasamos ese límite para o que xa non estamos preparados″.

Anomalía da temperatura do aire en superficie no mundo en febreiro de 2022, fronte á media de febreiro no período entre 1991 e 2020 © Servicio de Cambio Climático de Copernicus, Centro Europeo de Previsiones Meteorológicas a Plazo Medio (CEPMPM)

“As borrascas de marzo poden non achegar o necesario para chegar en mellores condicións á primavera"

Aquí entra en xogo o papel dos encoros: ″Hai que ter cautela coa capacidade dos encoros porque non só se baleiran pola falta de precipitacións. Os niveis baixan porque se está usando esa auga, xa sexa nun ámbito doméstico, na agricultura ou para a xeración de enerxía. Temos que aprender que se estamos en período de seca, debemos reducir o consumo de auga″.

A guerra iniciada polo presidente ruso, Vladimir Putin, en Ucraína tamén é unha variable a ter en conta no que respecta á auga neste momento. Pois o incremento dos prezos da gasolina e o gasóleo, e mais as dificultades para acceder a determinados gasodutos, van potenciar o uso doutras enerxías como pode ser a hidroeléctrica, que depende da auga dispoñible. Desta maneira, se a seca se agrava haberá que abrir o debate sobre como ponderar as necesidades para non poñer en risco o abastecemento de auga nos fogares.

″Como estamos experimentando el cambio climático, e xa subimos 1,5º a temperatura a respecto da época pre-industrial, é moi probable que este ano sexa moi cálido. Xa veremos se bate récords. Pero é consecuente co que levamos vendo estes anos pasados. Que vai pasar nos vindeiros meses? Hai bastante incerteza″, conta Dominic Royé. De feito, o centro europeo de predición meteorolóxica prognosticaba unha maior estabilidade para o mes de marzo, que non foi tal. Con todo, as borrascas deste mes poden non aportar o necesario para chegar en mellores condicións á primavera.

"Uns días de choiva non fan que desapareza a seca"

A chuvia, evidentemente, alivia. Agora ben, ata que punto? Iso o saberemos máis adiante. Uns días de choiva non fan que desapareza a seca, son insuficientes. Só nos meses de xaneiro e febreiro houbo un déficit do 75%, e estes son meses de moita choiva. Recompensar todo este déficit pode levar un tempo″, evidencia Royé.

O investigador lembra que o clima ten un comportamento caótico, non é algo lineal. O que hoxe vale, mañá xa non vale. Por iso moitas veces se cita o ′efecto bolboreta′, porque un pequeno cambio nunha parte do planeta provoca de pronto un efecto moi grande noutra. ″Con todas as formas físicas que manexamos, é difícil dar predicións fiables máis alá de sete días. É por iso que falamos tanto de probabilidades a medio e longo prazo″, aclara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.