MeteoGalicia salienta os altos contrastes no sueste de Ourense entre temperaturas mínimas de 10 graos baixo cero e máximas de 15
Este 2022 comezou co mes de xaneiro máis seco da última década, con 20 días seguidos sen chuvia e cunhas precipitacións totais un 64% inferiores á media dos meses de xaneiro do período 1981-2010, unha cifra cuxo precedente máis inmediato hai que atopalo en xaneiro de 2012, cun 68% de anomalía. Así se reflicte no informe mensual elaborado por MeteoGalicia e feito público este martes.
O mes de xaneiro comezou con varias borrascas aínda preto de Galicia, pero a partir do día 10 as altas presións mantiveron afastadas as chuvias. Segundo o documento, a media acumulada de chuvia en Galicia durante todo o mes foi de 58 litros por metro cadrado, e destaca o contraste entre a zona oeste do país (con valores locais de 130 litros por metro cadrado) e varias comarcas da provincia de Ourense nas que se rexistraron os valores máis baixos, cun total de tan só 15 litros por metro cadrado.
A media da temperatura foi de 8,4º, o que supón 0,4º máis que a media dos meses de xaneiro dos últimos anos
Canto ás temperaturas, a media do conxunto de estacións meteorolóxicas foi de 8,4º, o que supón 0,4º máis que a media dos últimos anos, con “amplos contrastes térmicos día/noite”, especialmente no sueste da provincia de Ourense, en zonas como Xinzo ou Verín, con mínimas de 10º baixo cero pola noite e máximas de 15º polo día.
O documento mensual de MeteoGalicia foi presentado este martes pola propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cuxo departamento o divulgou asegurando que este xaneiro fóra “o mes máis seco da última década”, cando realmente só foi o xaneiro máis seco dos meses de xaneiro da última década. A Xunta tamén avanzou que “nas vindeiras semanas” MeteoGalicia presentar un novo modelo de predición “nunha escala de resolución dun quilómetro”.