MeteoGalicia constata que xullo foi máis frío e seco do normal

Nebulosidade sobre a ría de Vigo, o 24 de xullo deste 2021 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os informes climatolóxicos de MeteoGalicia analizan as variables máis destacadas da meteoroloxía do país en diversos períodos. Os máis inmediatos, os mensuais, adoitan servir para confirmar ou refutar as percepcións máis ou menos subxectivas a respecto de se tal ou cal mes foi bo ou malo para a época do ano. O do pasado mes de xullo semella que cadrará, en xeral, coa percepción colectiva de gran parte da poboación galega.

O mes de xullo deste 2021 foi o máis frío dende 2012

Os datos avanzados este 4 de agosto polo servizo meteorolóxico galego sinalan que a temperatura media no mes de xullo foi 0,66 graos inferior á habitual (o período 1981-2010 é o empregado como referencia para a análise). Isto, indica MeteoGalicia, "fai que o mes poida considerarse como frío" e que haxa que remontarse a 2012 como "precedente máis frío" nun mes de xullo.

Mapas de anomalía de temperaturas e de porcentaxe de precipitacións a respecto dos valores normais, incluídos no informe climatolóxico de MeteoGalicia para xullo de 2021 CC-BY-NC-SA Mapas: © MeteoGalicia | Montaxe: Praza Pública

Esta anomalía debeuse "principalmente" a que as temperaturas máximas foron ata 1,1 graos máis baixas do normal no conxunto do país. "O litoral sur da provincia da Coruña, as Rías Baixas e o sur da provincia de Pontevedra rexistraron os valores máis negativos de anomalía de temperatura", indica o informe, que tamén salienta que os valores medios só foron "normais en puntos das provincias de Ourense e Lugo e mais no norte da provincia da Coruña.

As precipitacións en xullo foron un 51% inferiores ao habitual, sinala MeteoGalicia, que tamén destaca que xa 2020 "foi o segundo ano máis seco da serie histórica"

Así e todo, as baixas temperaturas e a abundancia de xornadas con gran nebulosidade, con "menos horas de sol das habituais nun mes de xullo", non trouxeron consigo máis chuvia da habitual neste mes. Ben ao contrario, "só acadaron cantidades normais en puntos de Pontevedra e no sur da Coruña" e no resto, xullo foi seco, xa que "as frontes que chegaban non eran moi activas e na maior parte das ocasións non puideron deixar chuvia xeneralizada".

Tanto é así que as precipitacións neste xullo de 2021 foron un 51% inferiores ao valor climático normal no período de referencia. "Xa o ano anterior, 2020, foi o segundo ano máis seco da serie histórica", advirte o informe. Aínda a que en contornas moi concretas, como no Baixo Miño, chegou a chover moito máis do habitual, "a escaseza de precipitación na parte oriental", cun mes "moi seco" en Lugo e Ourense dá lugar a este resultado global.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.