Está a ser un verán seco e caloroso en Galicia. Meteogalicia publicou o pasado mércores o seu informe climatolóxico correspondente a xullo, no que destaca o feito de que o mes se converteu no xullo máis seco en Galicia dende 1986, hai 34 anos. Houbo un 93% menos de precipitacións do que é habitual nesta época. En boa parte do país non se rexistrou nin un só día de chuvia e non se recolleu precipitación ningunha nos 31 días, e só nalgunhas comarcas houbo un mínimo episodio no primeiro día do mes, durante o que unha fronte pouco activa deixou ao seu paso por Galicia nubes e algunha chuvia feble pola mañá.
Houbo un 93% menos de precipitacións do que é habitual nesta época. En boa parte do país non se rexistrou nin un só día de chuvia e non se recolleu precipitación ningunha nos 31 días
A maior parte do país suma xa case 40 días consecutivos sen precipitacións. En xullo esta foi a realidade para Lugo, Ourense ou Pontevedra, como se pode comprobar nos datos de Meteogalicia. En Compostela houbo unha precipitación mínima (0,5 litros por metro cadrado) que nin sequera foi suficiente para considerar a existencia dun día de chuvia. A Coruña foi a excepción, con 2 litros por metro cadrado. Valores, en todo caso, moi lonxe dos normais nas últimas décadas no mes de xullo, entre os 3 e os 6 días de chuvia e -agás en Ourense- habitualmente por riba dos 20 litros por metro cadrado.
Os rexistros do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC incidían estes días en cifras semellantes e mesmo acrecentaban o carácter anómalo destes valores, ao certificar unha seca completa en Santiago ao longo de todo o mes. En xullo non se rexistraron precipitacións en Compostela, segundo os datos do Observatorio, destacando o seu director, José Ángel Docobo, que había 39 anos que isto non acontecía, sendo preciso remontarse a 1981, cando unha longa seca se prolongara dende o 26 de xuño ata o 9 de setembro.
Segundo o Observatorio, nos últimos 40 anos o período bimensual máis seco nos veráns de capital de Galicia foi o de hai catro anos, en xullo e agosto de 2016, cando unicamente se mediran 1,2 litros/m2 en xullo e 12,6 l/m2 en agosto. Haberá que agardar ao remate deste mes de agosto para comprobar se se supera aquela marca. Docobo explica que "estatisticamente o mes de xullo é o mais seco na contorna de Compostela; porén, é difícil que no sétimo mes do ano non se recolla un mínimo de choiva, como sucedeu en 2020".
O segundo xullo máis caloroso das últimas catro décadas
A anomalía media rexistrada nos termómetros o mes pasado foi a segunda máis alta dende 1981, só superada pola do ano 2013
Xullo foi, ademais, un mes especialmente cálido, cunha temperatura media que se situou 2,03 graos por riba do esperado, cunha anomalía mesmo máis acusada no caso das máximas, extremadamente cálidas ao superar en 3,03 graos as medidas da histórica de referencia. A calor foi xeneralizada no conxunto de Galicia, se ben os datos máis anómalos se deron na metade sur, pois as zonas máis calorosas foron as do Ribeiro, Verín e Valdeorras, onde a media mensual superou os 34 graos.
A excepcionalidade deste mes de xullo desde o punto de vista das temperaturas apréciase tamén se as comparamos co período de referencia 1981-2010, xa que a anomalía media rexistrada nos termómetros o mes pasado foi a segunda máis alta de toda a serie, só superada pola do ano 2013.
Carlos Otero, de Meteogalicia, destaca que o máis destacado en canto ás temperaturas de xullo "non foron os extremos das máximas, pois aínda que si houbo temperaturas moi elevadas, non se superou ningún récord histórico". O máis rechamante foi "a persistencia desas anomalías, é dicir, houbo moitos días consecutivos en que estivemos cos termómetros máis elevados do habitual", indica.
Sinala, ademais, que no medio prazo teremos poucos cambios na configuración da atmosfera, pois en principio continuaremos co anticiclón situado no noroeste da Península, "unha configuración que impide a chegada de borrascas e frontes, polo que seguiríamos nunha situación en xeral de tempo seco". As chuvias que poidan chegar nun prazo breve van ser causadas pola inestabilidade atmosférica, derivadas da entrada de aire frío en altura. "Son chuvias típicas da formación de nubes de evolución polas tarde e que poden derivar nalgunha treboada, chuvias ademais moi localizadas que non contribúen a solventar a situación de seca", explica.
O tempo non é o clima
O clima está a cambiar en Galicia nas últimas décadas, de forma acelerada ademais. Así o amosan as análises demoradas realizadas por expertos e institutos de investigación a partir dos indicadores recollidos ao longo dos anos polas estacións meteorolóxicas. Anomalías como un verán extraordinariamente cálido e seco ou a existencia de períodos cada vez máis longos de seca encaixan nas tendencias que se veñen apuntando nos últimos anos e nas predicións de evolución realizadas a partir delas. Con todo, un mes de xullo caloroso e sen chuvia non é en si mesmo unha evidencia do cambio climático.
"Non se pode elevar a clima unha situación puntual. Se ao longo de varios anos se detecta que esta situación se converte en habitual, aí si que poderiamos concluír que cambiou o clima"
Carlos Otero, de Meteogalicia, pide separar un fenómeno puntual coma este de conclusións relacionadas co cambio climático: "Non se pode elevar a clima unha situación puntual, aínda que se aproxime ás predicións do cambio climático". E explica: "tivemos simplemente un evento meteorolóxico, uns resultados dun mes moi cálido, que entran dentro da variabilidade normal nun mes de xullo. Se ao longo de varios anos se detecta que esta situación se converte en habitual, aí si que poderiamos concluír que cambiou o clima".
Como foi cambiando o clima nos últimos anos
"De manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla", destacaba nesta entrevista o profesor de Xeografía Física da USC, Alberto Martí. Nas últimas décadas os primeiros días de calor cada vez se adiantan máis no ano, e de igual xeito os outonos cada vez son máis cálidos; ademais, as precipitacións son menores e, ademais, sofren alteracións máis extremas. O propio Alberto Martí e Dominic Royé publicaran un traballo que explicaba como fora cambiando o clima de Santiago de Compostela nas últimas décadas.
Dende os anos 70 constátase un aumento das temperaturas medias, con menos frío no inverno e máis días e noites cálidas na primavera e no verán
Tamén incidían nestas análises os informes publicados pola Consellería de Medio Ambiente nos anos 2012 e 2015. Estes documentos recollen que dende os anos 70 a temperatura aumentou en Galicia de forma similar ao resto de España, especialmente na primavera e no verán. "No inverno descendeu o número de días fríos; na primavera aumentou a frecuencia de días e noites cálidas e descendeu a de días fríos; no verán destacou, respecto ao resto do ano, o papel das temperaturas mínimas, aumentando especialmente a frecuencia de noites cálidas e descendendo a de noites frías; e no outono só se apreciou un descenso significativo de días e noites frías", destácase.
As tendencias son menos claras nas precipitacións, observándose iso si un progresivo descenso, pero con continuas alteracións á alza e á baixa, períodos especialmente secos e outros especialmente húmidos, sobre todo en outono e algo menos na primavera. O verán é a estación na que o déficit de choiva é máis acusado e na que a dispersión non é tan ampla como nas outras estacións do ano.
As precipitacións tenden a descender, sobre todo no verán e principalmente no número anual de días de chuvia
O informe explica que "o que si parece mais evidente é a diminución no número de días de chuvia, é dicir, o número de días con precipitación total, igual ou superior a 1 mm" e, igualmente, que "a duración do período seco, é dicir, o número máximo de días consecutivos sen precipitación ou con precipitacións inferiores a 1 mm, parece aumentar, aínda que moi lixeiramente". O documento conclúe que "no caso da precipitación de cara a finais de século atoparíamos unha situación con menor chuvia acumulada anual, concentrándose ese déficit no período estival"