A contaminación por ozono descendeu un 55% en Galicia coincidindo coa pandemia de coronavirus

Imaxe da AP-9 sen apenas tráfico durante o estado de alarma © Audasa

A pandemia de coronavirus que está a marcar este ano 2020 trouxo algúns efectos colaterais, negativos na súa maioría. Pero non foi así no caso da contaminación do aire. A contaminación por ozono no Estado español no que levamos de ano reduciuse de forma moi importante, como tamén o fixeron os niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido principalmente á menor circulación de vehículos de motor.

O descenso no número de días de exceso de ozono roldou o 80% nas cidades de Lugo, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ourense e acadou o 57% en Ferrol

Tamén o fixo en Galicia, onde a maior parte das estacións de medición rexistraron unha redución moi importante no número de xornadas que superaron os niveis máximos fixados pola lei e recomendados pola OMS. Cómpre salientar, iso si, que os niveis de ozono en Galicia non adoitan acadar valores tan altos coma noutros puntos da Península Ibérica, debido ás maiores precipitacións e menor radiación solar que ten o noso país.

Segundo destaca o informe anual de Ecoloxistas en Acción, publicado este martes, o número de días nos que se superaron os niveis fixados pola OMS foi no que levamos de ano un 55% inferior ao habitual (media dos oito últimos anos). O descenso no número de días de exceso de ozono roldou o 80% nas cidades de Lugo, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ourense e acadou o 57% en Ferrol. Tan só en Compostela a caída foi menor, debido aos datos medidos na estación do Campus Sur, que mesmo rexistrou un ascenso con respecto a anos anteriores.

Este ozono acumúlase a unha certa distancia das fontes dos seus precursores (óxidos de nitróxeno e compostos orgánicos volátiles), polo que paradoxalmente afecta moito máis ás zonas rurais e periurbanas que aos centros das cidades

Este ozono "malo" fórmase no verán preto da superficie terrestre, polo efecto combinado da radiación solar e as emisións de óxidos de nitróxeno (NOx) e compostos orgánicos volátiles (COV) a partir da combustión de carbón, petróleo ou gas en centrais eléctricas, vehículos a motor e caldeiras urbanas e industriais.

Este ozono acumúlase a unha certa distancia das fontes dos seus precursores, polo que paradoxalmente afecta moito máis ás zonas rurais e periurbanas que aos centros das cidades. De feito, as estacións de medición en Galicia situadas en Lalín, Ponteareas ou Xinzo de Limia adoitan rexistrar niveis moi semellantes (e mesmo superiores) aos das sete cidades galegas.

Tamén nestas comarcas o descenso foi importante. Como tamén o foi nas estacións medidoras situadas nas Pontes, e moi influídas pola actividade de Endesa (caídas entre -49% e -88%), ou en Cerceda.

O informe de Ecoloxistas en Acción conclúe que a poboación galega respirou neste ano 2020 "un aire bastante saudable segundo as recomendacións da OMS en relación ao ozono troposférico"

O informe de Ecoloxistas en Acción conclúe que a poboación galega respirou neste ano 2020 "un aire bastante saudable segundo as recomendacións da OMS en relación ao ozono troposférico". A entidade explica que Galicia presenta catro principais fontes de contaminación: algunhas grandes industrias, as centrais termoeléctricas de carbón (no caso da de Meirama ata o seu peche en xuño) e gas natural, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes urbes. 

A contaminación xerada desde estes grandes focos de emisión esténdese polo resto do territorio galego afectando a zonas máis afastadas e rurais na forma de ozono troposférico, especialmente ao sur de Galicia e a sotavento das centrais térmicas de carbón e gas natural de Endesa nas Pontes e da refinaría de Repsol na Coruña.

 "Queda así probado que reducir de forma decidido as emisións de NOx e COV sen dúbida tamén reduce o ozono", destacan Ecoloxistas en Acción

Dende o ano 2007 viña observándose unha redución dos niveis dos contaminantes "clásicos" (partículas, dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre). Porén, a redución non se estaba dando no ozono troposférico, o contaminante que no Estado español presenta actualmente unha maior extensión e afección á poboación, e cuxos niveis se mantiñan nos últimos anos estacionarios ou en moitas zonas mesmo á alza.

Porén, neste ano si que se rexistrou un claro descenso, en paralelo coas fortes reducións das emisións de dióxido de nitróxeno por mor da caída do uso dos vehículos de motor. "Queda así probado que reducir de forma decidido as emisións de NOx e COV sen dúbida tamén reduce o ozono", destacan Ecoloxistas en Acción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.