A Xunta incumpriu a súa obriga de informar do incremento dos niveis de ozono

A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario

As estacións medidoras de Noia e da Illa de Arousa rexistraron este domingo niveis de ozono superiores a 180 µg/m3, nivel a partir do cal o Real Decreto 102/2011, relativo á mellora da calidade do aire obriga as administracións a informar á poboación, segundo denuncia Ecoloxistas en Acción. O colectivo subliña que tanto a Xunta coma o Ministerio de Medio Ambiente incumpriron a súa obriga legal, pois deberían ter advertido á cidadanía, en especial aos grupos "máis sensibles á contaminación atmosférica", como nenos e nenas, persoas maiores, mulleres embarazadas ou persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares, de xeito que evitasen "nas horas centrais do día e á caída da tarde calquera esforzo físico e os exercicios ao aire libre". As administracións tamén deben informar sobre a previsión de evolución da contaminación, as áreas afectadas e a duración do episodio.

Os elevados niveis destes días están motivados polo incremento das temperturas, o elevado tráfico que se rexistra nos desprazamentos ás praia e pola maior actividade das centrais térmicas de carbón

O ozono troposférico é tamén coñecido como "ozono malo", por contraposición ao da estratosfera, é un contaminante secundario producido pola reacción entre a luz solar e o dióxido de nitróxeno e os hidrocarburos emitidos polos automóbiles e algunhas industrias. Os elevados niveis destes días están motivados polo incremento das temperturas, o elevado tráfico que se rexistra nos desprazamentos ás praias e noutro tipo de viaxes de ocio, e igualmente pola maior actividade das centrais térmicas de carbón, debido á suba da demanda da electricidade producida polo uso do aire acondicionado. Por inhalación, provoca irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares. A OMS estima en 1.800 os falecementos prematuros anuais en España producidos como consecuencia da exposición a niveis de ozono como os rexistrados estes días. O ozono, ademais de para as persoas, é tamén tóxico para a vexetación, danando os bosques e reducindo a produtividade dos cultivos.

Xunta e Ministerio de Medio Ambiente incumpriron a súa obriga legal, pois deberían ter advertido á cidadanía, en especial aos grupos "máis sensibles á contaminación atmosférica"

Este domingo, en concreto, Noia acadou ás seis da tarde o nivel máximo (228 microgramos por metro cúbico), preto do nivel de alerta fixado polo real decreto. No caso da Illa de Arousa, o máximo acadouse ás dez da noite. Este luns, o ozono está superando de novo ese nivel de 180 que fixa a obriga legal de que as adminitracións informen á poboación, como se pode comprobar nas webs do Ministerio de Medio Ambiente e de Meteogalicia. Ás 16 horas a estación de Ponteareas ten un nivel de 184 µg/m3, e a de Ferrol tamén se achega a esa cantidade.

Este luns, o ozono está superando de novo ese nivel de 180 nalgunha estación

Xosé Veiras explicaba hai unhas semanas no blog Un Claro no Bosque que en 2015 practicamente toda a poboación galega volvera respirar aire sucio, destacando que "o ozono troposférico espalla a contaminación polo rural durante a primavera e o verán". Durante 2015, Ourense, Terra Chá, Miño – Limia, Sur das Rías Baixas e a Franxa Fisterra – Santiago estiveron expostas a concentracións de ozono perigosas.

 

Aviso sobre os niveis de Ozono na web de Meteogalicia © Meteogalicia
A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.