O aire das cidades galegas estivo moito máis limpo durante as sete semanas que levamos de confinamento, nas que o forte descenso do tráfico e da utilización de vehículos con motores de combustión reduciu ao mínimo as emisións de dióxido de nitróxeno. Ecoloxistas en Acción publicou este luns un informe que analiza os Efectos da crise da COVID-19 na calidade do aire urbano en España. O documento destaca que entre o 14 de marzo e o 30 de abril o tráfico interurbano e de acceso ás principais cidades do Estado diminuíu un 70 % e que a contaminación do aire se reduciu nunha proporción semellante, ao redor do 58%.
O descenso das emisións en Vigo foi do 64% e na Coruña do 59%, mesmo por riba da media española
Ecoloxistas en Acción analizou en 26 cidades -entre elas Vigo e A Coruña- os niveis rexistrados día a día de dióxido de nitróxeno (NO2), pois os vehículos de combustión son a principal fonte deste contaminante. A investigación comparou os datos deste ano cos de cada un dos dez anos anteriores e remata facendo unha proposta para o fomento da mobilidade sostible durante o desconfinamento. De igual xeito, fai un chamamento a aproveitar a actual crise para repensar por completo a forma en que realizamos os nosos desprazamentos nas cidades, as políticas públicas de mobilidade e a distribución do espazo público, que na actualidade privilexia aos vehículos privados de motor.
O descenso das emisións en Vigo foi do 64% e na Coruña do 59%, mesmo por riba da media española. A entidade salienta que non se detectan grandes diferenzas entre as diversas prórrogas do estado de alarma, nas que se aplicaron restricións de diversa intensidade, aínda que a caída da contaminación foi algo superior na media do mes de abril (60 % na Coruña e 66% en Vigo) que na segunda quincena de marzo (57% na Coruña e 60% en Vigo). Hai unhas semanas xa analizamos o descenso na contaminación de cidades e vilas galegas durante a primeira quincena de confinamento.
Ecoloxistas en Acción fai un chamamento a aproveitar a actual crise para repensar por completo a forma en que realizamos os nosos desprazamentos nas cidades
No gráfico vemos a evolución dos niveis diarios de dióxido de nitróxeno no barrio vigués de Coia nos meses de marzo e abril deste ano, e a comparación cos datos do ano 2019. Durante os primeiros días de marzo os datos son equivalentes (cos habituais ascensos e descensos motivados polos días de máis actividade e as fins de semana). Porén, na semana do 9 de marzo, mesmo antes da aplicación do estado de alarma, os niveis de contaminación comezan a descender (ao igual que tamén comezaran a reducirse os desprazamentos). A partir do 15 de marzo as diferenzas entre os datos de 2019 e 2020 son claras.
Ata o 14 de marzo, os niveis de NO2 son semellantes nun e noutro ano (unha media de 23 µg/m³N). Pola contra, entre o 15 e o 31 de marzo, o nivel medio de NO2 en 2019 (33 µg/m³N) é máis do dobre que o rexistrado neste 2020 (14 µg/m³N). As diferenzas, algo menores, mantéñense na primeira quincena de abril (22 e 12 µg/m³N) e tamén na segunda (19 e 8 µg/m³N).
Os datos das estacións de medición de Santa Margarida (A Coruña) e San Caetano (Compostela) reflicten unha situación semellante, con diferenzas máis marcadas na segunda quincena de marzo e os primeiros días de abril e algo menores nas restantes semanas de abril.
En Compostela o nivel medio da contaminación provocada polos coches estivo neste ano 2020 (9 µg/m³N) por debaixo da metade dos rexistros do ano 2019 (20 µg/m³N). De igual xeito, na Coruña o nivel de NO2 nos últimos dous meses (11 fronte a 24 µg/m³N) foi notablemente inferior ao que se acadara o pasado ano nas mesmas datas.
O dióxido de nitróxeno (NO2) é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións
O dióxido de nitróxeno (NO2) é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións. Segundo os estudos do equipo de Julio Díaz e Cristina Linares, do Departamento de Epidemioloxía e Bioestadística do Instituto de Saúde Carlos III, a mortalidade atribuíble pola exposición a curto prazo ás partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) e o ozono, por causas naturais, respiratorias e circulatorias, ascendería en conxunto en España a unha media de 10.000 mortes anuais. Pequenas reducións nos niveis destes contaminantes poden ser determinantes para salvar vidas, no curto prazo.
De maneira recente, diversos estudos aínda moi preliminares en China, Europa e Estados Unidos están a relacionar a mortalidade ocasionada pola COVID-19 coa exposición a longo prazo á contaminación atmosférica, tanto ás partículas finas (PM2,5) como ao NO2. Esta relación derivaría da afección aos sistemas respiratorio e inmunitario e eventualmente da contribución á transmisión do coronavirus, na que as PM2,5 actuarían como vectores. En Europa, dita relación foi apuntada con especial intensidade no Norte de Italia e a área metropolitana de Madrid.
A crise do coronavirus "demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire"
Para Ecoloxistas en Acción, a crise do coronavirus "demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire (e o ruído) nas cidades, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos a vivir". Segundo a entidade, a redución do tráfico motorizado nas cidades contribúe ademais á mitigación da crise climática polo descenso das emisións de dióxido de carbono (CO2) que tamén implica.
Para o proceso de desconfinamento que estamos comezando e que pode supor un regreso do tráfico motorizado e, en consecuencia, da contaminación, Ecoloxistas en Acción propón manter boas prácticas como a compra de proximidade, o teletraballo voluntario, a administración electrónica ou o escalonamento de horarios laborais.
Debería "potenciarse a mobilidade activa peonil e ciclista, cedendo máis espazo para estes medios e establecendo o límite de velocidade urbana en 30 quilómetros por hora"
Así mesmo, de maneira inmediata debería "potenciarse a mobilidade activa peonil e ciclista, cedendo máis espazo para estes medios e establecendo o límite de velocidade urbana en 30 quilómetros por hora". Tamén se reclama aparcamentos seguros de bicicletas en puntos estratéxicos (como estacións de tren) e nos centros de traballo
Igualmente, destaca, o transporte público é esencial para a mobilidade urbana, polo que debe garantirse a súa viabilidade cunha lei de financiamento. Finalmente, unha vez superada a crise, Ecoloxistas en Acción reclama que debería acelerarse "a implantación nas cidades de zonas de baixas emisións amplas e ambiciosas".