Galegos e galegas están a cumprir coas normas e recomendacións do confinamento de forma moi importante. O Ministerio de Transportes fixo pública este mércores a primeira entrega da análise da mobilidade da cidadanía dende a aplicación do estado de alarma, obtida a partir dos datos de posicionamento de teléfonos móbiles achegados polas principais compañías.
Galicia é un dos territorios nos que a mobilidade se reduciu en menor medida, con datos semellantes aos de Murcia, Estremadura, Andalucía ou a Comunidade Valenciana
Dende o domingo 15 de marzo, os desprazamentos fóra do fogar reducíronse unha media do 63% en Galicia con respecto á semana do 14 ao 20 de febreiro, que se toma como referencia. Comparados estes datos cos do resto do Estado, vemos como Galicia é un dos territorios nos que a mobilidade se reduciu en menor medida, con datos semellantes aos de Murcia, Estremadura, Andalucía ou a Comunidade Valenciana. Son todos territorios (ao igual que Galicia) nos que o número de casos de coronavirus e falecementos se sitúan moi por debaixo das cifras doutras comunidades. Navarra, A Rioxa ou Castela-León, con peores datos de infeccións, tamén reduciron a súa mobilidade por debaixo da media.
Pola contra, Madrid, Castela-A Mancha e Euskadi (territorios moi afectados polo virus) están entre as comunidades autónomas nas que os desprazamentos caeron en maior medida nestas semanas, ao igual que as Illas Baleares e Canarias, nas que o turismo se viu moi afectado, o que en boa lóxica inflúe sobre os datos.
Iso si, os datos galegos amosan como a medida que avanzan as semanas, o nivel de redución dos desprazamentos vai sendo cada vez maior. Na primeira semana de confinamento a redución foi do 57%, que aumentou ao 61% na segunda semana, ao 65% na terceira e ao 68% na cuarta, que coincidiu coa Semana Santa, na que houbo moi poucos desprazamentos. Estas últimas dúas semanas coincidiron co período de confinamento estendido, no que só se permitiu realizar actividades económicas esenciais.
O pasado venres 10 de abril foi o día no que a mobilidade caeu en maior medida (-78.4%), aínda que son sábados e domingos as xornadas con menos desprazamentos cada semana. A gráfica amosa que a redución de movementos foi inmediata, caendo xa de forma importante o xoves 12 de marzo (-8%), o venres 13 (no que as clases xa foron suspendidas, cun 18%) e o sábado 14 (-39%).
Na primeira semana de confinamento a redución foi do 57%, que aumentou ao 61% na segunda semana, ao 65% na terceira e ao 68% na cuarta, que coincidiu coa Semana Santa
O domingo 15, primeiro día de aplicación do estado de alarma, a mobilidade reduciuse xa un 58%. Nesa primeira semana, de luns a mércores os descensos foron menores (entre o 45% e o 50%), probablemente con moitos desprazamentos aos supermercados e tendas e para organizar a posibilidade de realizar o teletraballo. Porén, xa o xoves 19 a caída da mobilidade foi xa do 79%.
A partir de aí os descensos foron cada vez maiores, observando unha diferenza importante entre os días laborables da segunda semana (entre -54% e -62%) e os das semanas terceira e cuarta -cunha paralización máis importante da actividade económica-, entre -59% e -66%. Haberá que observar á evolución dos datos na presente semana, na que parte da actividade económica non esencial foi posta en marcha de novo.
O descenso nos movementos de menos de dous quilómetros é menor, roldando o 40%. Pola contra, os desprazamentos máis longos, superiores aos 10 quilómetros, reducíronse entre un 65% e un 80%
Os datos do Ministerio de Transporte analizan os desprazamentos no interior de cada comunidade autónoma e provincia e tamén entre uns e outros territorios. Tamén individualiza e destaca os datos da cidade máis poboada de cada territorio, Vigo no caso de Galicia. As estatísticas detallan igualmente a evolución experimentada por cada tipo de desprazamento, tanto os de maior extensión (máis de 100 quilómetros, de 50 a 10 quilómetros...) coma os máis curtos (a partir das viaxes entre 500 metros e 2 quilómetros).
Neste senso, a redución da mobilidade é xeral, e prodúcese tanto nos desprazamentos máis curtos coma nos de maior duración. Con todo, o descenso nos movementos de menos de dous quilómetros é menor, roldando o 40%. Pola contra, os desprazamentos máis longos, superiores aos 10 quilómetros, reducíronse entre un 65% e un 80%.
A porcentaxe de persoas que non realizan ningún desprazamento de máis de 500 metros fóra do seu domicilio máis que se duplicou nestas semanas, pasando do 25% ao 60% en Galicia
De igual xeito, o Ministerio achega información sobre o número de desprazamentos diarios realizados fóra do fogar por cada persoa. A porcentaxe de persoas que non realizan ningún desprazamento de máis de 500 metros fóra do seu domicilio máis que se duplicou nestas semanas, pasando do 25% ao 60% en Galicia. En sentido inverso, a proporción de persoas que realizaron máis de dous desprazamentos pasaron de ser a metade da poboación a roldar o 25%.
O INE tamén comezou a publicar os datos de desprazamentos entre concellos (e distritos, no caso das grandes cidades) obtidos a partir das posicións dos teléfonos móbiles durante as semanas de confinamento. Pódense consultar na web do Instituto Nacional de Estatística.
Os datos de mobilidade recollidos por Google
A estatística achegada por Google amosa, ao igual que os datos do Goberno central, que o descenso da mobilidade en Galicia se situou por debaixo da redución observada no conxunto de España
Os datos achegados polo Ministerio de Transporte coinciden en gran medida cos que semana a semana vai publicando Google, tamén obtidos polos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles que empregan os seus servizos. Neste caso, a compañía estadounidense distingue entre os desprazamentos a locais de hostalaría e ocio (cun descenso do 90% en Galicia nas últimas semanas), os destinados a facer a compra ou a ir á farmacia (-38%), os movementos por parques, prazas e praias (-81%), os movementos por estacións de transporte público (-84%), os desprazamentos ao lugar de traballo (-58%) e os movementos nas propias vivendas (que medran un 27%).
A estatística achegada por Google amosa, ao igual que os datos do Goberno central, que o descenso da mobilidade en Galicia se situou por debaixo da redución observada no conxunto de España: -92% na hostalaría, -44% nos supermercados, -85% nos parques, -84% nas estacións, -63% no traballo e +26% nas vivendas.
A redución da mobilidade en España está a ser unha das maiores en todo o planeta, segundo os datos de Google
Google sitúa a Cataluña e Madrid como as comunidades nas que máis se reduciu a mobilidade e a Estremadura, Murcia e Galicia os lugares nos que menos variou. Iso si, os datos son moi semellantes nuns e noutros territorios. Segundo a empresa, a redución da mobilidade en España está a ser unha das maiores en todo o planeta, semellante á de Italia, superior á de Francia, Alemaña, Reino Unido e moi superior á dos Estados Unidos.
Pola contra, a diferenza do indicado polos datos do Ministerio de Transportes, Google detecta que a mobilidade en Galicia se reduciu máis na primeira semana de abril que na segunda (coincidindo coa Semana Santa), aínda que con diferenzas moi pequenas.