O Ministerio de Asuntos Económicos e o INE están a estudar os datos de posicionamento de 40 millóns de teléfonos, que as grandes operadoras comezaron a enviar hai unha semana
Os datos dos nosos teléfonos móbiles servirán para analizar a mobilidade da poboación durante o confinamento obrigado pola epidemia do coronavirus. A Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos, está a realizar en colaboración co Instituto Nacional de Estatística un estudo sobre os desprazamentos da poboación durante a situación de emerxencia, co obxectivo de tomar decisións e aplicar medidas para limitar a propagación da enfermidade.
O estudo, denominado DataCOVID, divide España en 3.200 áreas de mobilidade, que identifican agrupacións de poboación de entre 5.000 e 50.000 habitantes. En total, analizaranse os movementos de máis de 40 millóns de smartphones de todo o Estado, grazas aos datos que as grandes operadoras (Movistar, Orange, Vodafone e MásMóvil) levan máis dunha semana enviando.
O obxectivo é axudar a predicir desprazamentos, evitar aglomeracións e valorar os resultados do confinamento
O Goberno prevé ter os primeiros resultados nunhas poucas semanas. Espera que a información obtida axude a predicir o comportamento da poboación, evitar aglomeracións e mellorar o fluxo de persoas en espazos clave, como os hospitais. "O obxectivo é analizar o efecto das medidas sobre a mobilidade da poboación, identificando se aumentan ou diminúen os desprazamentos entre territorios ou se hai zonas nas que hai unha maior concentración de poboación, para contribuír a unha mellor toma de decisións na xestión da emerxencia sanitaria", sinala a Secretaría de Estado.
Ao igual que noutras ocasións, sublíñase que o estudo "non rastrea movementos individuais", pois emprega datos de posicionamento anónimos e agregados, achegados polos operadores eliminando calquera información persoal. A análise cumpriría así co Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) e coa Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos Persoais, seguindo as normas fixadas pola Axencia Española de Protección de Datos, sinala o Goberno central.
Varios países en todo o mundo puxeron en marcha estudos semellantes, dende China e Corea do Sur a Italia, Alemaña ou Austria
Nos últimos anos o Executivo levou a cabo estudos semellantes. Moi comentado foi o realizado cos datos recollidos o pasado outono, pero este tipo de análises xa se viñan levando a cabo, como o estudo de mobilidade publicado por Fomento en decembro cos datos obtidos no ano 2017.
Así mesmo, durante as últimas semana varios países en todo o mundo puxeron en marcha estudos semellantes, comezando por China e Corea do Sur e continuando en Europa por Italia, Alemaña ou Austria. A propia Comisión Europea solicitoulles aos principais operadores de telecomunicacións do continente datos dos clientes para facer un seguimento da enfermidade.