A finais de outubro foi moi comentado o anuncio de que o INE ía realizar un estudo de mobilidade a través dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles de toda a poboación, grazas a un acordo con Movistar, Vodafone e Orange para a compra desta información, que manexan as compañías. A medida xerou un notable debate sobre a privacidade dos datos persoais.
Fomento publicou este luns os resultados dun estudo piloto sobre mobilidade interprovincial que empregou os rexistros das antenas de telefonía móbil durante os meses de xullo, agosto e outubro de 2017
Porén, o certo é que estudos semellantes xa se estaban a realizar. O Ministerio de Fomento publicou o pasado venres os resultados dun estudo piloto sobre mobilidade interprovincial que empregou os rexistros das antenas de telefonía móbil durante os meses de xullo, agosto e outubro de 2017. O proxecto, denominado Estudo da Mobilidade Interprovincial de Viaxeiros aplicando a Tecnoloxía Big Data empregou os datos obtidos en todo o Estado, despois de ser anonimizados para cumprir así coa normativa de protección de datos.
O estudo contabilizou as viaxes interprovinciais de máis de 50 qulómetros de distancia, información que foi posteriormente complementada con outras fontes de datos relativos por exemplo á oferta e demanda de transporte. Neste proxecto, o Ministerio ofrece datos dos desprazamentos entre unha e outra provincia a través de catro modos de transporte (estrada, ferrocarril, marítimo e aéreo).
A maior parte das viaxes interprovinciais en Galicia teñen como orixe e destino o interior da comunidade
Na web do Ministerio pódese descargar a información en formato Open Data e, ademais, ofrécense dúas visualizacións dos fluxos interprovinciais, en formato de gráfico e de mapa. A través deles podemos ver, por exemplo, que a maior parte das viaxes interprovinciais en Galicia teñen como orixe e destino o interior da comunidade autónoma, como era esperable. Porén, tamén Madrid é o punto de inicio e final de moitos destes desprazamentos, ao igual que provincias limítrofes, como Asturias, León ou Zamora.
Entre os aspectos que se poden extraer dos datos, destaca por exemplo que o día da semana que máis viaxes se realizan son os venres (un 26% máis de viaxes que o resto de días laborables de media) e que a distancia media das viaxes interprovinciais é de 221 km nun día laborable do mes de outubro.
O día da semana que máis viaxes se realizan son os venres
Nun luns medio de outubro houbo en todo o Estado ao redor de 2.382.000 viaxes interprovinciais de máis de 50 km de percorrido, mentres que en xullo a media aumenta ata as 3.465.000 viaxes/día. A punta do verán marcouna un domingo con máis de 4.158.000 viaxes/día, coincidindo coa operación saída do primeiro de agosto.
O Ministerio considera este estudo como "un gran fito na súa aposta por aproveitar cada vez máis as oportunidades da tecnoloxía e a dixitalización de cara a mellorar o seu labor e para un maior beneficio social". Destaca que esta iniciativa "permite dispor dun amplísimo volume de información e profundar no coñecemento da mobilidade en España, de grande utilidade para a planificación e xestión do sistema de transporte por parte das administracións públicas"