Expertas explican que as dimensións do coronavirus non son unha consecuencia directa do cambio climático, mais apuntan que a desaparición de especies é unha das causas
Está o cambio climático relacionado coa COVID-19? Por que resulta fundamental protexer a biodiversidade do planeta? Ata que punto somos os humanos responsables desta pandemia? Nestes dez meses puxemos o foco no eido sanitario por mor dunha situación descoñecida que xa provocou máis de 1.300 vítimas mortais en Galicia. Mais hai factores ecolóxicos e medio ambientais que favoreceron que este coronavirus non ficase nunha epidemia, como foi a do SARS-CoV-1 no ano 2002.
″Hai unha relación directa do dano que lle estamos facendo á natureza con esta pandemia. E ese dano facémolo por varias vías, unha delas a contaminación. Unha parte dos gases que emitimos é CO₂, que causa ese efecto invernadoiro que provoca a suba de temperaturas que está cambiando o noso clima. Isto afecta directamente ás especies, pois estamos ante unha extinción masiva. Tan abrupta que facilita que as zoonose, enfermidades que están nos animais, salten aos humanos″, explica Susana Bayo, física especialista en atmosfera e medio ambiente no Laboratorio de Física Ambiental (Ephyslab) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo).
O 70% das enfermidades emerxentes son zoonoses, patoloxías infecciosas animais susceptibles de pasar ás persoas, que foron empeorando os seus efectos coa degradación do medio ambiente. Así o sinala o biólogo Fernando Valladares, profesor de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
″Moitas desas zoonoses son virus e agora sabemos que hai máis de medio millón de virus que poden infectar a humanos.Isto non era un problema co equilibrio entre especies, pero se nós imos simplificando os ecosistemas as cousas non funcionan ben. Se as especies non se regulan, comeza a haber novos contactos sen tempo evolutivo para adaptarnos. Estamos comprando papeletas para pandemias, para infeccións que se poidan saír do local. A carreira nisto nunca vai ser sanitaria, non podemos desenvolver vacinas para todos os virus″, salienta.
A viróloga e profesora do departamento de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Isabel Bandín afirma que a pandemia non se debe ao cambio climático como tal. ″Hai exemplos de virus aos que si está a afectar de forma directa o cambio climático, son aqueles que se transmiten a través de mosquitos. Este verán tivemos a febre do Nilo en Sevilla. Isto, e que haxa casos de Dengue en España, si que é o cambio climático. O mosquito Tigre, que provén de zonas tropicais, asentouse aquí porque agora tamén lle gustan as nosas condicións″, debulla.
"Estamos comprando papeletas para pandemias", asegura o biólogo Fernando Valladares
Bandín indica que no caso do virus SARS-CoV-1 estivo claro que foi provocado pola inxesta dun animal concreto por humanos na China. ″O problema neste caso estaría en que os chineses non fan practicamente ningún control sanitario dos animais que consumen″, resume. Mais agora o momento é demasiado inicial para valorar como se iniciaron os contaxios deste coronavirus, pois a viróloga lembra que aínda non se demostrou se houbo un animal intermediario entre os morcegos e os humanos, ou a infección foi directa. ″Se se identifica ese intermediario, si que poderíamos estabelecer esa relación directa do home, porque nos falaría de que estamos invadindo espazos nos que antes non estabamos. Pero, de momento, non o sabemos. O que está claro é que a globalización permitiu que se producise unha pandemia, a principios do século XX probablemente o virus tería quedado na China″, engade.
"Está claro que a globalización permitiu que se producira unha pandemia", salienta a viróloga Isabel Bandín
″Se temos máis contacto con animais salvaxes as posibilidades de contaxio, evidentemente, aumentan″, asevera Bandín. ″Somos uns depredadores do noso entorno natural, imos a el para o que nos interesa e despois refuxiámonos nas cidades. De aí a importancia de que os nosos nenos e nenas saiban de onde veñen os produtos que consumimos, porque esquecémonos durante demasiados anos de onde veñen os nosos recursos″, apunta Susana Bayo.
A imparable concentración de CO₂
A experta en física ambiental asegura que estamos nun punto de non retorno. ″Hai moitos estudos publicados que indican que por moito que reduzamos as emisións, realmente con toda a calor e todo o CO₂ acumulado na atmosfera, a día de hoxe seguiría aumentando a concentración de CO₂″. De feito, Bayo lembra que co parón do confinamento as emisións de gases de efecto invernadoiro reducíronse mundialmente arredor dun 10%, mais a concentración global de emisións seguiu crecendo.
″Ou cambiamos totalmente o sistema, de maneira radical, ou as emisións de CO₂ van seguir incrementándose. Habería que parar totalmente todo, pero temos que ser conscientes do mundo no que vivimos. A todos nos gusta acender a luz pola noite cando chegamos á casa e ter auga corrente. Temos que facer un cambio radical no noso modelo cunha economía baixa en carbono, e iso é difícil conseguir da noite á mañá″.
Esta alarma non é de 2020, sobre este ″inminente problema″ xa se debateu no Cumio da Terra do Rio de Janeiro, organizado pola ONU, no ano 1992. ″E se imos á primeira vez que se falou disto podemos remontarnos 40 anos atrás. Nos últimos anos xurdiron movementos como o de Greta Thunberg ou Extinction Rebellion, que favoreceron que exista un pensamento colectivo máis orientado cara a aí. Porén, creo que socioloxicamente non vemos urxencia de actuar pois xa tivemos á porta da Península Ibérica varios furacáns e temos alertas diarias″, di Susana Bayo.
"Creo que socioloxicamente non vemos urxencia de actuar", sinala a física Susana Bayo
Na ″nova normalidade″ haberá moitos cambios, pero van chegar tan rápido como necesitamos? Bayo pide celeridade na resposta colectiva e asume que ″o sistema económico, tal e como está montado, é un causante da situación na que estamos″. Con todo, considera que ″é dentro do capitalismo onde temos que cambiar as cousas porque a urxencia das accións que precisamos así o require, non hai tempo para inventar algo novo″.
″En todo isto hai unha responsabilidade individual, estou de acordo con ela, mais non podemos esquecer que ao final ti podes querer ser moi sostible na túa vida, pero se o teu entorno non te acompaña non o vas chegar a ser″. Aquí entra o papel das grandes corporacións e Bayo sinala as ″enormes emisións″ do transporte tanto individual como colectivo. ″Ao sector aeronáutico non se lle esixiu nada nos últimos anos″,critica. ″A nivel enerxético, penso que o camiño comeza a ser o correcto, estamos a abandonar o carbón e tirando polas enerxías renovables, pero temos que ir eliminando o uso do gas″, razoa.
Conservar a biodiversidade
″O feito de ter ecosistemas ben conservados, coas especies que lle corresponden, protéxenos das pandemias. Non é unha protección total, pero si que diminúen moito os riscos de infección. Hai estudos que certifican que cando se reducen os niveis de biodiversidade e un destes patóxenos entra en acción, non hai mecanismos de dilución da carga vírica do patóxeno. Cando nun ecosistema faltan especies, eses mecanismos de regulación non funcionan (ou funcionan peor) e aumentan os riscos de que esa enfermidade se estenda e acabe pasando á especie humana″, explica Fernando Valladares, que dirixe o grupo Ecología y Cambio Global, no Museo Nacional de Ciencias Naturales.
Un ecosistema non só é a selva tropical, son os parques e xardíns das cidades, as superficies industriais... O biólogo incide en que en ecoloxía sempre hai máis dun factor e lembra que todos os organismos teñen virus: ″grazas a eles somos seres humanos″. ″O noso obxectivo debe ser volver aos riscos que tiñamos hai 50 anos, pandemias é case inevitable que ocorran como xa sucedeu ao longo da historia. O problema é que estamos vendo, en períodos de décadas, que temos enfermidades infecciosas moi perigosas; e a tendencia é que cada vez hai máis″.
"Temos que estar rodeados de sistemas ambientais saudables para atenuar os riscos de que nos entre un patóxeno", di Valladares
″Debemos recuperar moitos ecosistemas, conservar a natureza, non degradar a nosa contorna, permitir que ocorran os ciclos naturais de rexeneración e recuperar unha naturalidade nos ecosistemas comezando polos campos agrícolas, polos xardíns das casas e os parques metropolitanos, e non só neses espazos protexidos na metade da montaña ou nun deserto. Temos que estar rodeados de sistemas ambientais saudables para que iso atenúe os riscos de que nos entre un patóxeno″, describe o investigador do CSIC.
Valladares reflexiona sobre que había moitos traballos publicados no eido da Bioloxía que apuntaban a que unha pandemia como a da COVID era posible na actualidade. Mais chegou como unha ″labazada de realidade″. ″Pasamos demasiado tempo pensando que a biodiversidade tiña que conservarse por razóns éticas, ou incluso certos motivos ecolóxicos, pero non a tomamos en serio. Pensamos que era un luxo, un pracer, e realmente a biodiversidade é esencial. A degradación dos ecosistemas é un risco local e global″. ″Precisamos que aumente na sociedade a sensibilidade arredor da importancia de ter un medio ambiente ben conservado. A xente ten que acompañar a ciencia, e apoiar polo seu lado, para que os políticos respondan″, destaca o biólogo.