Rebelión polo Clima protesta ante empresas en Galicia polo "lavado verde" co que agochan a súa "inacción climática"

Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante unha tenda de Coren © Rebelión polo Clima

Activistas da plataforma, que agrupa a Amigos da Terra, Ecoar, Ecoloxistas en Acción, Enxeñería Sen Fronteiras, Extinction Rebellion, Greenpeace, Nais polo Clima, Verdegaia ou Xuventude polo Clima, levaron a cabo accións en Vigo, Pontevedra ou Compostela

Activistas da plataforma Rebelión polo Clima levaron a cabo este sábado un gran número de accións de protesta ante as oficinas de empresas e sedes de institucións, ás que acusan de ser incapaces de acadar "un modelo sustentable", unha "inacción climática" que tentan agochar con accións de "lavado verde" ou greenwashing. As protestas tiveron lugar en cidades de todo o Estado español e en Galicia realizáronse en Vigo, Compostela, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

As accións coincidiron ademais co quinto aniversario da adopción do Acordo de París, que estableceu un límite do 1,5 graos para o aumento da temperatura global. Porén, a pesar deste acordo, o ano 2019 marcou un máximo histórico nas emisións globais e, malia os efectos do parón provocado pola crise da COVID-19, "en 2020 continúa a mesma tendencia", sinala a plataforma, que en Galicia agrupa a Amigos da Terra, Ecoar, Ecoloxistas en Acción, Enxeñería Sen Fronteiras, Extinction Rebellion, Greenpeace, Nais polo Clima, Verdegaia e Xuventude polo Clima, entre outras entidades.

Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante a Xunta © Rebelión polo Clima

As protestas dirixíronse a sedes da Xunta, pero tamén ás oficinas e establecementos de empresas como Repsol, Endesa, Naturgy, Banco Santander, BBVA, Coren, Campofrío ou Ecoembes

As protestas dirixíronse a sedes da Xunta, pero tamén ás oficinas e establecementos de empresas como Repsol, Endesa, Naturgy, Banco Santander, BBVA, Coren, Campofrío ou Ecoembes. Con faixas nas que se lían, entre outros lemas, “esta empresa escaralla o planeta” ou “esta institución non paga as súas facturas co clima”, grupos de activistas simularon derramar petróleo diante destas oficinas. As protestas facían fincapé, así mesmo, nas estratexias de "lavado verde", cualificadas como "simples cortinas publicitarias" que "agochan" a "inacción climática" destas empreas e institucións.

Así, Rebelión polo Clima acusa a Endesa, Naturgy e Repsol "de disfrazarse de verde cando seguen a apostar por combustíbeis fósiles como o gas e mesmo a co-combustión con carbón"; a entidades bancarias como o BBVA e Banco Santander "de seguir a financiar enerxías sucias"; e a empresas agroalimentarias como Coren "de contaminar a terra e non dar conta das súas inxentes emisións de gases con efecto invernadoiro". De igual xeito, as activistas apuntaron tamén á Xunta de Galicia, "pola escasa ambición da Estratexia Galega de Cambio Climático", entre outros motivos.

Acusan a estas empresas de ser incapaces de acadar "un modelo sustentable", unha "inacción climática" que tentan "agochar" con accións de "lavado verde" ou greenwashing

En Galicia sería necesaria unha diminución de como mínimo o 55% das emisións de gases invernadoiro antes de 2030 respecto a 1990; con todo, o Goberno galego aposta por un obxectivo moi afastado das recomendacións científicas, denuncian.

"Mentres non exista unha resposta acaída á emerxencia climática, que inclúa as medidas necesarias para acabar co consumo de combustíbeis fósiles, non haberá nada que celebrar. A industria fósil –baseada nunha lóxica de crecemento ilimitado dos seus beneficios– foi e é a principal responsábel do incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro", denuncia Rebelión polo Clima. "Os Gobernos de todo o mundo cederon ás súas presións ao longo dos anos, antepoñendo as necesidades desta industria ao benestar da cidadanía. Hoxe, nun contexto de pandemia global sen precedentes, esas mesmas empresas tentan absorber os fondos destinados á recuperación económica, sen ningún tipo de compromiso climático, ambiental ou social", engaden.

Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante unha oficina de Endesa en Vigo © Rebelión polo Clima

“Despois de cinco anos, non podemos quedar agardando a que os nosos líderes cumpran a promesa. É hora de mostrar a determinación da sociedade civil”, sinalan dende Rebelión polo Clima.

“Despois de cinco anos, non podemos quedar agardando a que os nosos líderes cumpran a promesa que fixeron en París. Se seguimos a permitir a falta de accións dos Gobernos, a crise climática será incontrolábel nos vindeiros anos e provocará unha degradación sen precedentes nas condicións de vida de toda a poboación, especialmente nas persoas máis empobrecidas dos países do Sur Global. É hora de mostrar a determinación da sociedade civil”, sinalan dende Rebelión polo Clima.

Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante unha oficina de Naturgy en Compostela © Rebelión polo Clima
Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante unha gasolineira de Repsol en Vilagarcía © Rebelión polo Clima
Acción de protesta de Rebelión polo Clima ante unha oficina do Banco Santander en Pontevedra © Rebelión polo Clima

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.