O pasado sábado 195 países asinaron en París un acordo climático, froito de varios días de negociacións, co obxectivo de reducir as emisións contaminantes e o quecemento do planeta ao longo do século. Fíxase un obxectivo concreto dun quecemento máximo de dous graos (aínda que cunha recomendación de que non supere o grao e medio). Porén, só algúns elementos do acordo son vinculantes, e por exemplo os países non estarán obrigados a cumprir os compromisos de redución de emisións que presentaron e non haberá sancións se se incumpren. Os grupos ecoloxistas, que se fixeron notar ao longo da semana na capital francesa, criticaron o contido final do pacto, mesmo recoñecendo algúns elementos positivos, precisamente por esta falta de medidas vinculantes.
ADEGA, por exemplo, cualificou o acordo dunha "oportunidade perdida nunha loita na que a estas alturas a cidadanía agardaba algo máis que o recoñecemento unánime dun problema que, por certo, até hai moi pouco tempo era mesmo negado por moitos dos asinantes". A asociación sinala que "o que emerxeu da COP21 de París foi un acordo global nos obxectivos, mais sen obrigas concretas para os estados". Di que chega "20 anos tarde", pois "o que agardabamos eran medidas urxentes e compromisos concretos". Si valora a importancia de que "por primeira vez a totalidade das partes (195 países) recoñecen e asumen como prioritaria a loita contra o cambio climático".
Adega subliña que o pacto "aposta por continuar co mercadeo de gases entre as industrias, sistemas que só serven para que as grandes corporacións contaminantes continúen especulando co clima"
Tamén critica que o acordo "non aposta polo abandono dos combustíbeis fósiles, senón que fala dun balanzo neto cero ou equilibrio climático para despois do 2050, de xeito que as emisións sexan compensadas polas capturas". "Compensar as emisións en vez de reducilas é unha concesión á industria enerxética sucia", engade. Así mesmo, subliña que o pacto "aposta por continuar co mercadeo de gases entre as industrias e polos mecanismos de compensación ou desenvolvemento limpo, sistemas que só serven para que as grandes corporacións contaminantes continúen especulando co clima" e que "deixa fóra do control ás emisións xeradas polo transporte marítimo e aéreo, moi intensivos nas emisións de gases e nos que pouco ou nada se ten feito para substituílos por sistemas menos contaminantes".
Pola súa banda, Amigos da Terra, que desprazou a París a varios activistas galegos, denuncia que "os intereses dos combustibles fósiles escudados en países como Arabia Saudita, Polonia ou Arxentina, desvirtuaron completamente o obxectivo xeral do acordo" e critica que "os negociadores insisten en reiterarse con boas palabras baleiras de contido, nomeando o seu suposto compromiso coa xustiza climática que, con todo, non se ve reflectido no acordo". Para a entidade o asinado "carece de obxectivos concretos e dá pé a que os países poidan seguir emitindo até a segunda metade de século sen establecer un horizonte temporal para anular as emisións, nin a cantidade indispensable das mesmas a mitigar".
Para Amigos da Terra, o asinado "carece de obxectivos concretos e dá pé a que os países poidan seguir emitindo até a segunda metade de século sen establecer un horizonte temporal para anular as emisións"
Tamén apunta a importancia de que no pacto non se recoñeza que "o financiamento climático deba ser adicional á axuda oficial ao desenvolvemento para os países non industrializados, unha achega económica moi relevante para unha transición xusta". Como alternativa, Amigos da Terra propón “a aposta clara polas enerxías renovables comunitarias, un cambio de sistema baseado nun consumo xusto, responsable e local, ou a agroecoloxía".
Para Ecoloxistas en Acción, pola súa banda, o acordo é "decepcionante e insuficiente" por "carecer das ferramentas necesarias para loitar con eficacia contra o quecemento global". "Perdeuse unha oportunidade de reforzar e internacionalizar un cambio de modelo baseado nas renovables, que manteña baixo terra o 80% dos recursos fósiles, free a industria extractivista e se axuste aos límites planetarios", asegura. E conclúe que "optouse en cambio por consagrar a mercantilización do clima e as falsas solucións".
Para Ecoloxistas en Acción, o acordo é "decepcionante e insuficiente" por "carecer das ferramentas necesarias para loitar con eficacia contra o quecemento global"
Explica que a "fundamental meta da descarbonización das nosas economías" acabou "nunha vaga referencia á necesidade de alcanzar o pico de emisións canto antes" e denuncia que "a revisión dos compromisos farase demasiado tarde, cando esteamos preto de emitir xa unha cantidade de gases de efecto invernadoiro que implicaría superar o límite de 1,5 graos". Ademais, di, o asinado mantén "os mecanismos de mercantilización do clima", coma os mercados de carbono, "que favorecen a especulación e a política del talonario fronte aos esforzos reais de redución de emisións de gases de efecto invernadeiro".
Sinala finalmente que "os elementos máis interesantes figuran só no preámbulo, é dicir, na parte declarativa que carece de forza legal", o que converte o acordo "en algo máis parecido a unha declaración de intencións que a un texto á altura do reto que supón o cambio climático". "Os líderes mundiais apostaron en París polo mesmo modelo devorador de recursos que nos trouxo á situación actual e que nos dirixe ao colapso ambiental", conclúe.
Greenpeace fai unha valoración máis positiva, destacando "o compromiso de case 200 países de limitar a 1,5 graos o quecemento global" como "un avance"
En cambio, Greenpeace fai unha valoración máis positiva, destacando "o compromiso de case 200 países de limitar a 1,5 graos o quecemento global" como "un avance". "O Acordo de París é só un paso nun longo camiño, e hai partes neste acordo que resultan frustrantes e decepcionantes, pero é un avance. O acordo por si só non nos sacará do buraco en que estamos metidos, pero fai que a costa para saír del sexa menos empinada", di. A organización chama a potenciar as enerxías renovables e as tecnoloxías limpas para asegurar o cumprimento dos obxectivos fixados no acordo. "Estamos nunha carreira entre o despregamento das enerxías renovables e o aumento das temperaturas e o Acordo de París podería dar ás enerxías renovables un impulso vital", subliñan. "É momento de actuar con urxencia. O reloxo do tempo avanza e a xanela de oportunidade está a pecharse con rapidez", conclúe.