O Movemento Galego polo Clima celebrou este sábado unha asemblea aberta que buscaba fixar os obxectivos da plataforma para o ano 2020. O encontro tiña como obxectivo, ademais, dotar de estrutura a esta organización, que agrupa xa a máis de 80 colectivos ambientalistas, tanto de ámbito galego como local. O Movemento Galego polo Clima naceu o pasado mes de setembro para articular as mobilizacións pola emerxencia climática; fíxoo de forma apresurada e ao redor dun manifesto inicial. Agora trátase de fortalecer a organización interna do Movemento para mellorar a súa capacidade de acción.
O encontro supuxo unha "toma de contacto" e serviu para conformar grupos de traballo
Na xuntanza deste sábado, celebrada en Compostela, participaron unhas 40 persoas. O encontro supuxo unha "toma de contacto", segundo o propio movemento, e serviu para conformar grupos de traballo con distintas funcións. Entre elas, a elaboración dun novo manifesto "con propostas reais e efectivas na loita contra o cambio climático". Tamén se redactará un decálogo con medidas e propostas ambientais desde o ecoloxismo para as eleccións ao Parlamento galego deste ano.
E, igualmente, prepararase un encontro nacional do MGpC que se celebrará este verán con palestras, obradoiros e concertos. Este encontro constituirá "un espazo para a aprendizaxe colectiva e as sinerxías co fin de consolidar o movemento ecoloxista galego e dar visibilidade á importancia de actuar de xeito conxunto na loita contra cambio climático".
O MGpC celebrará este verán un encontro nacional
Finalmente, designáronse catro voceiros e voceiras para o movemento, catro mozos e mozas que constitúen unha mostra da pegada que o ecoloxismo está a ter nas xente nova e o propio relevo xeracional que se está a producir no movemento ambiental en Galicia. Kai Lois Baltrusch Montero, estudante de Bioloxía na USC, é un destes catro voceiros, con quen falamos.
"A valoración desas mobilizacións foi moi positiva, sobre todo por ter conseguido esta unidade de todo o movemento ecoloxista galego"
A asemblea deste sábado debateu en primeiro lugar o impacto das mobilizacións que tiveron lugar en setembro e o efecto da masiva manifestación internacional polo clima que o 7 de decembro percorreu Madrid. "A participación foi abrumadora, supoño que tamén axudou o fenómeno Greta, que empurrou a cuestión climática e a puxo un pouco de moda", destaca Kai Lois Baltrusch. "A valoración desas mobilizacións foi moi positiva, sobre todo por ter conseguido esta unidade de todo o movemento ecoloxista galego. Unha unidade que conseguimos levar ata Madrid, á COP, onde enchemos dous autobuses con activistas de Galicia que nos manifestamos como Movemento Galego polo Clima", sinala.
O primeiro reto que deberá enfrontar o Movemento neste 2020 é a redacción dun novo manifesto e fixar as súas accións e esixencias, no contexto dun ano electoral. "Contamos cun grupo de traballo para a elaboración dun manifesto que é bastante máis numeroso e diverso que o que elaborou o manifesto anterior. Tentarase establecer unha folla de ruta para o contexto galego, para levar a cabo unha transición ecolóxica en Galicia", explica.
"Canto antes comecemos a transición ecolóxia, que é imprescindible para evitar o colapso climático, será moitísimo menos brusca e moitísimo máis xusta"
Kai Lois Baltrusch advirte de que "se nos próximos dez anos non hai un cambio radical da estrutura socioeconómica, encamiñámonos cara a unha catástrofe. Canto antes comecemos esta transición, que é imprescindible para evitar o colapso climático, será moitísimo menos brusca e moitísimo máis xusta". "Apostamos por esta transición ecolóxica socialmente xusta que nos leve cara a un futuro sostible e resiliente para Galicia. A transición suporá algún custos para a sociedade, pero a alternativa é o colapso social", conclúe.
"A transición ecolóxica non é só unha cuestión ambiental: isto é unha cuestión social e económica, unha cuestión sistémica e estrutural; non podemos restrinxila ao medio ambiente"
Neste momento o Movemento Galego polo Clima está conformado por Fridays For Future, Extinction Rebellion, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia, Avante LGBT, MMM, CEMMA ou o SLG, ademais de entidades locais coma a APDR, o Colectivo ecoloxista do Salnés, a Plataforma veciñal mina Touro- O Pino Non, a Asociación Petón do Lobo, entre outras. Ademais, fai un chamamento á incorporación de novas entidades sociais, ambientalistas e en defensa do territorio.
No movemento non hai partidos nin sindicatos, pero Kai Lois Baltrusch subliña que "mesmo algún sindicato xa están incorporando nos seus discursos o concepto de transición ecolóxica xusta". O voceiro sinala que "por parte dalgúns partidos recibimos mensaxes de apoio e convites a participar na elaboración do seu programa electoral en materia ambiental". Porén, advirte de que "queremos deixar claro que a transición ecolóxica non é só unha cuestión ambiental: isto é unha cuestión social e económica, unha cuestión sistémica e estrutural; non podemos restrinxila ao medio ambiente".
"É importante que as persoas máis novas comecemos a formarnos e a coller experiencia para liderar o movemento ecoloxista"
No seo do Movemento Galego polo Clima coexisten varias xeracións de activistas. Dende persoas que levan décadas militando no ecoloxismo ata mozos e mozas que roldan os 20 anos e para quen esta é a súa primeira experiencia de mobilización. "A relación entre uns e outros é moi boa. De feito a proposta de que as persoas voceiras do movemento, as cartas visibles, sexamos mozos e mozas veu precisamente de persoas de máis idade, que levan varias décadas no ecoloxismo", explica.
"É importante que as persoas máis novas comecemos a formarnos e a coller experiencia para liderar o movemento ecoloxista. Bebemos moito da experiencia dos outros colectivos: se non fose pola veteranía de moitas persoas, a xente nova soa non fariamos demasiado", destaca. "Vivimos este florecer con colectivos como Fridays for Future ou Extinction Rebellion, grupos integrados por xente moi nova, pero necesitamos da experiencia de todo o ecoloxismo galego", engade.