"Onde está Galiza non se Vende?" e outras preguntas sobre os movementos sociais

Manifestación do 23F na Coruña Dominio Público Praza Pública

“Onde está Galiza non se vende?”. É unha pregunta que, como lembraba Manoel Santos nun artigo publicado en Praza hai un ano, se fai con frecuencia “unhas veces de xeito nostálxico e outras malicioso”. É evidente que estamos a vivir unha emerxencia social moi importante, con grandes manifestacións nas rúas, coma as do pasado 23 de febreiro, e unha gran mobilización ao redor de certas cuestións conxunturais: dende as preferentes aos desafiuzamentos, pasando pola denuncia de certos proxectos mineiros.

Pero hai un movemento social galego que poida ser identificado como suxeito? Hai coordinación entre os colectivos? Hai plataformas de diálogo e posta en común? Lonxe queda xa o tempo de Galiza non se vende ou do Foro Social Galego (2008) e só se pode salientar a aposta da Alianza Social Galega para unificar os esforzos de sindicatos obreiros, labregos, estudantís e colectivos profesionais e cidadáns afectados polos recortes e a crise económica.

A mesma crise que está facendo agromar unha gran contestación social é a que dificulta moitas veces a creación de redes e estruturas pola debilidade na que deixa moitos dos seus participantes

A crise afecta todos os procesos sociais. A mesma crise que está facendo agromar unha gran contestación social é a que dificulta moitas veces a creación de redes e estruturas pola debilidade na que deixa moitos dos seus participantes. Manoel Santos (Altermundo) sinala que “a crise arrasou con todo e na esquerda e tamén nos movementos sociais é máis difícil crear alternativas”. Ou pola mudanza de prioridades: aos movementos ecoloxistas estalles resultando moi complicando levar ao primeiro plano a preocupación polo cambio climático nunha situación de urxentes necesidades económicas para moitas persoas: “a política das urxencias imponse”, apunta Manoel Santos. Tamén afecta con dureza ás ONGs e outras organizacións do terceiro sector, que antes constituían un dos piares dos movementos sociais e que nos últimos anos viron brutalmente recortado o seu financiamento.

Isabel Vilalba: “estamos nunha fase de transición. O cambio da estrutura económica e social nos últimos tempos foi vertixinoso e estanos sendo difícil ás veces identificar que é o que está pasando”

Para Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, “estamos nunha fase de transición. O cambio da estrutura económica e social nos últimos tempos foi vertixinoso e estanos sendo difícil ás veces identificar que é o que está pasando”. Para David Rodríguez (A Nave das ideas) “pódese percibir que hai máis movemento. Hai unha emerxencia social que é difícil saber o que vai dar de si e supoño que dependerá de canto dure a crise económica”.  En opinión de Mari Fidalgo (Baladre) “houbo un revulsivo que marcou un antes e un despois, que foi o movemento 15M. Estamos nun momento moi diferente para os movementos sociais que cobraron moita forza pola presenza de moita xente que non estaba organizada”. 

Por que non se visibiliza este movemento de como un actor político, como unha forza de presión social? Para Vilalba, “algúns dos principais movementos que poderían estar no núcleo dunha activación no movemento social galego están atravesando cambios na súa estrutura, que podía ser válida no pasado, pero que necesita adaptarse aos novos tempos” e engade que “hai tamén un rexeitamento das fórmulas clásicas de representación. Boa parte da sociedade sente que hai que facer un cambio cara a outros modelos”.  Vilalba conclúe que “está habendo un combate forte contra as políticas neoliberais e cada vez hai máis colectivos que identifican esta necesidade. Estamos nunha fase de camiñar cara adiante pero aínda non estamos nunha fase de consolidación.”.

"Estamos nunha fase de camiñar cara adiante pero aínda non estamos nunha fase de consolidación”

Outras voces sinalan que a forza social máis visible está centrada en loitas singulares e de novo cuño: hipotecas, preferentes... Este tipo de movementos conxunturais, que nacen e funcionan de cara á consecución dun obxectivo determinado, son diferentes dos colectivos transversais ou dos movementos permanentes no tempo -ecoloxista, feminista...-, que adoitan crear unha cultura do movemento e tecer redes con outras organizacións. Porén, o tempo e o traballo práctico tamén fai que da actividade de organizacións e movementos conxunturais xurdan esa cultura e esas redes. Manoel Santos lembra o caso de Salva o Tren, unha iniciativa centrada nunhas reivindicacións moi concretas sobre a desaparición dalgunhas estacións e apeadeiros “e que co tempo foi creando nesas persoas un discurso moi desenvolvido sobre mobilidade”. O mesmo pode estar sucedendo na actualidade nas plataformas contra os desafiuzamentos, por exemplo.

 

Crear redes, crear tecido, crear estruturas

Para David Rodríguez o máis importante é “crear tecido e redes propias fóra da dinámica do Estado"

Para David Rodríguez o máis importante é “crear tecido e redes propias fóra da dinámica do Estado e que sexan independentes da dinámica da política do aparello do Estado”. Sinala que a esquerda “está decatándose agora do que implicou historicamente a desaparición do movemento obreiro”, que era moito máis que os sindicatos: había escolas, economatos, ou espazos de socialización. “Vémolo en Italia, onde a esquerda está desaparecida e o descontento social exprésase a través de espellos deformantes: sexa no Berlusconismo ou no Movemento 5 Estrelas”.

"As manifestacións son masivas, pero se iso non cristaliza en nada concreto, queda nun feito de expresión unicamente"

Para Rodríguez, “esta emerxencia social para cristalizar en algo ten que substituír o vello movemento obreiro. Non hai esquerda sen movemento, sen movemento sostido. Por iso falo da necesidade de xerar institucións. Non se trata de reconstruír por nostalxia, senón de axeitar iso aos tempos actuais”. E conclúe: “pola experiencia pasada acabamos moi queimados da burocracia e das estruturas, pero hai que traballar nese campo. As manifestacións son masivas, pero se iso non cristaliza en nada concreto, queda nun feito de expresión unicamente. Corre o risco de quedar todo nun desgaste de enerxías”.


Un novo Foro Social Galego?

“Está caendo un pano de fondo”, di Manoel Santos, “e aí é onde hai que influír para acadar unha transformación social. Os movementos sociais teñen que repensarse un pouco, porque se non hai confluencia non hai futuro"

Pero o que tamén está claro é que a crise está debilitando o sistema: “Está caendo un pano de fondo”, di Manoel Santos, “e aí é onde hai que influír para acadar unha transformación social. Os movementos sociais teñen que repensarse un pouco, porque se non hai confluencia non hai futuro. O movemento necesita confluencia porque a sociedade é moi grande e os movementos son pequenos”. E engade a necesidade de que se convoque un foro ou calquera outra fórmula de coordinación: “Os movementos sociais teñen que estar preparados, ten que haber un foro social, un espazo de converxencia amplo. É importante que se visibilice un movemento de pais. É importante que se vexa a esperanza”.

Mari Fidalgo tamén cre necesario que a nivel galego xurdan “eses espazos de encontro e articulación” e salienta que nos últimos tempos se vai consolidando “un bloque critico que si se está coordinando e está ofrecendo unha resposta articulada e que pode ser o xermolo dunha confluencia máis grande”. Porén, desbota a recuperación de fórmulas de coordinación xa ensaiadas no pasado: “no Foro Social había unha presenza moi importante de ONGs e organizacións do terceiro sector que dependían moito das subvencións. Iso rematou. E agora hai outras formas de organización moi distintas”. Para David Rodríguez “non hai que impor apriorismos. Se nunha cidade se funciona ben en rede non hai que forzar unha articulación galega. Seguramente seria importante para moitos temas, pero se cadra para outros non. O que importa é a práctica”.

“No caso de GNSV acertouse coa estratexia critica na época do goberno de PSdeG e BNG” pero “equivocámonos no momento das eleccións, porque daquela había que botar un paso atrás e pedir o voto para o Bipartito”

Manoel Santos repite, ao igual que fixera naquel artigo que “o deseño da rede de Galiza Non Se Vende era perfecto” e destaca que se conseguiu “aglutinar entre 50 e 60 colectivos sobre unha serie de cuestións comúns que se priorizaron”. “A xente pon de exemplo Nunca Máis pero Nunca Máis era máis un movemento conxuntural. Creo que a experiencia de GNSV é máis útil”, conclúe. Cun pero, iso si: “No caso de GNSV acertouse coa estratexia critica na época do goberno de PSdeG e BNG” pero “equivocámonos no momento das eleccións, porque daquela había que botar un paso atrás e pedir o voto para o Bipartito”. Manoel Santos apunta neste senso como modelo ao MST brasileiro: “hipercrítico en todo momento coa xestión do PT pero que o apoia de forma expresa nas eleccións”.


Partidos e movementos

David Rodríguez: “Hai que ocupar espazo de poder. Os movementos teñen que tomar conciencia de que deben organizarse e dirixir as súas enerxías”

Outro gran debate que sempre pairou sobre os movementos sociais é a súa relación cos partidos políticos. Unha relación demasiado estreita pode acabar derivando en tutelaxe, ou ser entendida así cando menos. Unha relación demasiado distante implica desconexión entre a esquerda política e a esquerda social. Manoel Santos anima a quitar de enriba “clixés que se foron creando estes anos” e a “comezar a reaccionar” no senso de que “os movementos teñen que definir ben a súa liña política, pero tamén teñen que ter aliados políticos. Hai que actuar no campo político, porque se non estás fuxindo dun campo de loita onde se poden cambiar cousas”. O mesmo pensa  David Rodríguez: “Hai que ocupar espazo de poder. Os movementos teñen que tomar conciencia de que deben organizarse e dirixir as súas enerxías”.

AGE presentouse ás eleccións abandeirando unha relación nova entre a esquerda social e política, unha forma de canalizar a rabia social e a emerxencia de movementos transformadores. E ao dia seguinte do seu éxito electoral Beiras proclamaba que "AGE ten que ser unha ponte entre a cidadanía activa e o Parlamento". En varias comarcas coma Vigo ou Pontevedra, AGE promoveu asembleas para relacionarse cos colectivos locais. Outro modelo son as asembleas sociais de apoio a determinadas forzas políticas, coma a que funciona en Ferrolterra dende hai meses como enlace entre AGE e os movementos sociais da comarca e como fiscalizador da súa acción política.

“Temos dereito a ser esixentes cos partidos. Son ferramentas e se non serven hai que desbotalos”

Manoel Santos afirma que “non estou de acordo con asembleas de apoio a unha opción política. Si as vexo normais nunha época electoral”. En todo caso Santos sinala que os primeiros pasos “deben dalos sempre as organizacións políticas”. David Rodríguez advirte de que “se Anova ou AGE non asumen que a xente mira para eles con moito detemento para que cumpran o que din, poden tirar abaixo todo o seu capital político. Teñen que cumprir as expectativas”. E engade “temos dereito a ser esixentes cos partidos. Son ferramentas e se non serven hai que desbotalos”.

“Teñen que traballar en paralelo, pero os partidos non poden fagocitar os movementos”

Para Isabel Vilalba, os movementos sociais “para seren realmente útiles á sociedade teñen que evitar ser tutelados”. Sinala que é normal que haxa “unha proximidade con formacións que loitan polos mesmos obxectivos” e cualifica de “visión moi curtopracista” que os partidos pensen que hai que dirixir os movementos: “iso leva a unha desafección e desmobilización da sociedade”. Conclúe que “teñen que traballar en paralelo, pero os partidos non poden fagocitar os movementos”.

Manifestación de Galiza Non Se Vende Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.