O Movemento Galego polo Clima naceu o pasado mes de setembro co obxectivo de organizar as mobilizacións pola emerxencia climática que tiveron lugar nos últimos días dese mes. Esta plataforma articulouse rapidamente ao redor dun manifesto e conseguiu sacar á rúa a milleiros de persoas nas marchas convocadas o 27 de setembro en todas as cidades galegas. De igual xeito, participou na gran manifestación que o 7 de decembro percorreu Madrid coincidindo co Cumio Climático.
A asemblea aberta terá lugar este sábado en Compostela
Porén, o movemento necesitaba un tempo máis repousado para o debate dos seus obxectivos e estruturas de organizacións e para valorar o camiño percorrido nos últimos meses. Este sábado 11 de xaneiro o Movemento Galego polo Clima (MGpC) celebrará unha asemblea aberta en Compostela, na que participarán representantes dos 80 colectivos que xa compoñen a plataforma, pero que busca adherir máis voces e entidades. A xuntanza terá lugar na Casa do Matadoiro e dará comezo ás 16.30 horas.
A asemblea aberta busca en primeiro lugar debater e valorar o desenvolvemento e impacto das manifestacións que tiveron lugar o 27 de setembro, os resultados do Cumio do Clima celebrado en Madrid e o efecto da manifestación internacional polo clima que ese 7 de decembro percorreu a capital do Estado.
Discutiranse as vindeiras accións do Movemento e un decálogo de propostas do MGpC ás formacións políticas de cara as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego.
Tamén se discutirá a metodoloxía que se deberá seguir para elaborar o manifesto 2020 do MGpC, traballarase no deseño dun "encontro nacional" do movemento, tanto o tipo de evento que é máis conveniente preparar, o seu lugar de celebración e as datas máis axeitadas. Igualmente, avanzarase na organización interna do MGpC, de cara a articular estruturas que melloren a súa capacidade de acción e o seu debate interno.
Así mesmo, da asemblea sairán decisións para a mellora da comunicación externa do Movemento Galego polo Clima, de cara a incrementar a difusión das súas accións e ideario e incidindo na educación social.
No encontro, que busca consolidar o movemento, debateranse cales deben ser as novas accións da organización nos vindeiros meses e discutirase un decálogo de propostas do MGpC ás formacións políticas de cara as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego.
Finalmente, da asemblea podería saír un incremento no número de colectivos que asinan os obxectivos do Movemento. Na actualidade son máis de 80, entre os que destacan Fridays For Future, Extinction Rebellion, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia, Avante LGBT, MMM, CEMMA ou o Sindicato Labrego Galego, ademais de entidades locais coma a APDR, o Colectivo ecoloxista do Salnés, a Plataforma veciñal mina Touro- O Pino Non, a Asociación Petón do Lobo, entre outras.
"O cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a outro modelo, por exemplo a transición cara a un modelo enerxético sostible, ten que ser impulsado por unha decisión polos gobernos"
O manifesto do Movemento Galego polo Clima reclamaba que "o debate sobre a mudanza climática xere conciencia da necesidade de actuar e premer para mudar os hábitos individuais, da sociedade, da economía, das empresas e sobre todo da necesidade de mudar as políticas". Así mesmo, apostaba por un cambio na política forestal e unha política agraria "que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade". E reclamaba o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, pero tamén medidas de apoio para os traballadores afectados.
Kai Lois Baltrusch Montero, estudante de Bioloxía na USC e un dos representantes do movemento en Compostela, destacaba en conversa con Praza.gal que "o cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a outro modelo, por exemplo a transición cara a un modelo enerxético sostible, ten que ser impulsado por unha decisión polos gobernos". E reclamaba que "estas reivindicacións teñen que ter caras novas", lembrando a gran mobilización que as xeracións máis novas están a levar a cabo ante a emerxencia climática.