En Vigo, A Coruña, Ourense ou Ferrol, pero tamén no Porriño, Ares ou San Sadurniño ducias de mozos e mozas saíron á rúa este venres para protestar contra o cambio climático e esixir unha acción decidida para reducir as emisións nocivas á atmosfera e frear os efectos do quencemento global. As mobilizacións acompañáronse nalgúns lugares dunha folga estudantil. Uníronse deste xeito á convocatoria internacional #FridaysforFuture, na que partriciparon máis de 2.000 cidades de 125 países distintos. A sueca Greta Thunberg, de 16 anos, é o gran símbolo internacional desta mobilización.
Uníronse deste xeito á convocatoria internacional #FridaysforFuture, na que partriciparon máis de 2.000 cidades de 125 países distintos
Aínda que nas concentracións participaron persoas de todas as idades, a gran maioría pertencían ás xeracións máis novas, ao igual que está a suceder no resto do mundo. O colectivo organizador das actividades na Coruña e Ferrol, formado principalmente por estudantes da UDC, criticaba nesta entrevista a falta de interese que polo futuro do planeta semellan ter as xeracións de maior idade, que non van sufrir os peores efectos do cambio climático.
Na Coruña a concentración foi precedida por unha ampla programación de actividades: charlas, proxeccións, debates..., sobre distintos aspectos medioamientais: o uso da bicicleta fronte aos vehículos de combustión, a expansión do eucalipto e outras especies invasoras, ou as enerxías renovables. No Porriño destacou a gran mobilización de todos os centros de ensino da localidade, que conseguiu que varios centos de persoas, maioritariamente alumnados e profesorado de Primaria e Secundaria, se concentrasen no centro da vila.
En Ourense a mobilización consistiu nunha marcha dende o Campus de As Lagoas ata a Praza Maior da cidade. E en Vigo, ducias de mozos e mozas concentráronse ante a sede do Concello.