Os días de verán duplicáronse en Compostela dende 1950; ademais, os días de calor chegan moito antes e os outonos tamén se alongaron, sendo máis cálidos e adiando a aparición das primeiras xeadas. Cun pouco de perspectiva vital ou de memoria, os efectos máis evidentes do cambio climático son claros. O proxecto Descarboniza do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC traballa dende hai tres anos nos centros cívicos e socioculturais de Compostela con grupos de veciños (sobre todo mulleres da terceira idade), buscando que analicen as mudanzas que se produciron nas últimas décadas, os impactos que aínda están por vir e promovendo que de xeito colectivo impulsen nas súas comunidades (no barrio, na parroquia) iniciativas para reducir as emisións contaminantes.
Esta iniciativa de educación ambiental, que este ano se está a realizar tamén en Donosti, traballa en boa medida coa lembranza dos hábitos de consumo do pasado, moito máis sustentables que os actuais, e impulsa unha reflexión sobre as leccións que podemos aproveitar desas prácticas desaparecidas, e os elementos que podemos recuperar para un futuro no que a redución do consumo de enerxía vai ser obrigado. Descarboniza busca tamén a maneira de conectar esa memoria coas novas xeracións, promovendo actividades nas que os mozos e mozas traballen conxuntamente cos seus avós e avoas e aprendan da súa experiencia.
Uns mozos e mozas que son precisamente quen máis se están a mobilizar contra os efectos do cambio climático, esixindo medidas drásticas de tipo colectivo para frear o quencemento global, en convocatorias coma a Folga polo Clima que terá lugar este venres 15 en todo o mundo.
Cal é o obxectivo do proxecto Descarboniza?
"É necesario pensar en clave colectiva, dirixir os esforzos a públicos adultos, non só a mozos e mozas en idade escolar. E, sobre todo, conseguir que o cambio climático deixe de ser un elemento abstracto"
O proxecto nace co obxectivo de levar á práctica os resultados dunha das liñas que desenvolviamos no grupo de investigación. Levabamos máis dunha década acumulando datos sobre a percepción do cambio climático por parte da cidadanía, pero por máis que nos esforzabamos en trasladar as conclusións a distintas administracións, non había resultados. De aí nace a vontade de levar á práctica algunha das nosas conclusións, nunha metodoloxía que busca organizar e acompañar grupos de persoas para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e tamén buscar estratexias de adaptación aos impactos do cambio climático, pero en clave comunitaria, en clave grupal.
As solucións a este problema deben ser colectivas?
Para nós isto é fundamental. A maior parte das recomendacións para frear o cambio climático que nos chegan dirixidas á cidadanía teñen moito que ver con actuacións ou hábitos no ámbito individual ou como moito no ámbito do fogar. Cremos que é necesario dar un salto e pensar en clave colectiva, dirixir ademais os esforzos a públicos adultos, non só a mozos e mozas en idade escolar. E, sobre todo, conseguir que o cambio climático deixe de ser un elemento abstracto para ser unha realidade para as persoas participantes, algo que poidan ver na súa vida cotiá.
Como se desenvolve na práctica o proxecto, que este ano ademais se estendeu a Euskadi?
"As mulleres xogan un rol fundamental na cohesión e na dinamización das súas comunidades"
Nos dous últimos anos fomos desenvolvendo en Compostela unha metodoloxía ben definida, de xeito que foi posible exportala a outros concellos, neste caso Donosti. Nos centros cívicos lévanse a cabo oito sesións de traballo e, finalmente, o grupo organiza unha actividade aberta ao barrio sobre o cambio climático. Ata agora a maior parte das actividades tiveron que ver coa alimentación e con como reducir as nosas emisións no proceso de adquirir os alimentos.
Cal é o perfil das persoas que están a participar nas actividades?
Fundamentalmente son mulleres da terceira idade. Xa o primeiro ano que desenvolvemos este proxecto, onde mellor funcionou foi cun grupo de mulleres de Lavacolla e aí atopamos un filón, nesta terceira idade moitas veces esquecida pola educación ambiental e por outros ámbitos e que con todo ten un potencial enorme. Primeiro, porque teñen tempo, e segundo polo papel que estas mulleres teñen nestas comunidades. As mulleres xogan un rol fundamental na cohesión e na dinamización das súas comunidades. Iso é o que queremos: facer real a problemática do cambio climático en comunidades que eran alleas a ela e sobre todo que estas comunidades se mobilicen e se activen para impulsar solucións aos impactos que imos sufrir por mor do cambio climático.
Como é a súa resposta? Están convencidas de que existe un problema que debe ser solucionado? É necesario conciencialas?
"Queremos que pensen que cousas do pasado poderiamos retomar. Sobre todo pensando nese futuro no que as súas fillas e fillos, netas e netos estarán obrigados a retomar moitas desas prácticas"
A resposta está sendo moi boa, fundamentalmente porque o que buscamos non é tanto unha alfabetización climática, que adquiran coñecementos científicos sobre o cambio climático, senón enganchar con aspectos emocionais. Unha das partes fundamentais da metodoloxía é enganchar coa súa memoria, cos recordos da súa mocidade e infancia, que en realidade son recordos dunha vida, dun consumo e dunhas emisións significativamente menores, unha memoria de baixa enerxía. Queremos que pensen que cousas cambiaron e por que cambiaron e que cousas do pasado poderiamos retomar. Sobre todo pensando nese futuro que nos vén diante no que as súas fillas e fillos, netas e netos estarán obrigados a retomar moitas das prácticas que elas e eles mantiñan no pasado. Pero si, a resposta está sendo moi boa, están xa preparando as actividades que van desenvolver e desexando compartir coa súa parroquia ou co seu barrio aquilo que aprenderon. Aínda que en realidade elas non aprenden nada, senón que aprendemos nós con elas e o que se fai é unha posta en valor da súa memoria.
Un dos vosos obxectivos é promover este encontro interxeracional. Xa tivestes algunhas experiencias neste senso? Que poden aproveitar os mozos e mozas, que son precisamente quen máis se está a mobilizar por esta cuestión?
"Un dos obxectivos é que estes grupos de persoas da terceira idade poidan realizar actividades nos centros de ensino, para que estas mulleres establezan un diálogo coa mocidade"
O ano pasado fixemos unha primeira proba en Conxo para adaptar esta metodoloxía a públicos máis novos, buscando darlle unha compoñente algo máis lúdica. E agora estamos buscando a maneira de unir estes dous públicos, estes dous mundos. Sempre lles preguntamos a estas mulleres que é o que lles contan aos seus netos e netas sobre como vivían na súa infancia. E o que nos din é que os mozos e mozas non as cren ou que, directamente, non queren escoitalas. Pero precisamente agora estamos vendo este movemento no que a xuventude se está a mobilizar por cuestións ambientais. Por iso nos parece especialmente importante este encontro interxeracional. Un dos obxectivos é que estes grupos de persoas da terceira idade entren en contacto con grupos xuvenís ou poidan realizar actividades nos centros de ensino, para que estas avoas establezan un diálogo coa mocidade. Nas vindeiras semanas concretaremos estas actividades interxeracionais, para poder organizalas no final do curso escolar, ao redor de maio.
Resulta difícil traer ata o terreo do cotián conceptos cuxas consecuencias moitas veces son difíciles de entender, como que a temperatura media medre un grao ou que nivel do mar creza un centímetro?
"Esas son as condicións que imos atopar. Daquela, que leccións podemos aproveitar dese pasado para enfrontarnos a esta nova situación?"
Estes aspectos técnicos que ás veces son tan difíciles de entender, mesmo para persoas con coñecementos na materia, son tremendamente abstractos, sobre todo cando falamos de horizontes temporais que non son inmediatos. Tentamos evitar esas abstraccións e buscamos xogar coa memoria, que é algo concreto, elas evocan prácticas e situacións que viviron. Máis que falarlles de horizontes de aumento do nivel do mar ou de incremento da temperatura, o que poñemos enriba da mesa é un futuro no que as cousas van cambiar a moitos niveis e no que probablemente teremos que reducir moito o noso consumo de enerxía e o noso consumo en xeral. Esas son as condicións que imos atopar, daquela que leccións podemos aproveitar dese pasado para enfrontarnos a esta nova situación?
Como é a visión que elas teñen do seu pasado, dese tempo de menor consumo e de menos elementos materiais?
Neste repaso que fan do seu pasado elas mesmas fan unha lectura moi crítica, por moitos motivos. En parte a súa visión está condicionada pola ditadura franquista, pero tamén polo papel que tiveron que cumprir como mulleres, o que as leva a facer unha lectura máis crítica, unha crítica que nós tamén incitamos, porque en ningún caso se trata de volver ao pasado, senón que ver que elementos dese pasado si son recuperables. Nós insistimos moito na parte comunitaria, en como existían toda unha serie de vínculos comunitarios, no barrio ou na aldea, que facían que -por necesidade- estivesen moito máis cohesionadas. E as dinámicas das sociedades contemporáneas, marcadas polo progreso e o individualismo, foron rompendo eses lazos.
"É máis perigosa a indiferenza que o negacionismo do cambio climático"
É máis perigoso o negacionismo do cambio climático ou a indiferenza ante os seus efectos? Dá a impresión de que unha gran maioría da poboación asumiu que está a haber un quencemento do planeta, pero non semella disposta a facer grandes cambios nos seus hábitos ou pequenos sacrificios...
Sen dúbida é máis perigosa esta indiferenza. E creo que é importante o concepto que empregaches, de sacrificio, a percepción de que os cambios que imos introducir nas nosas vidas van ser sacrificios. Intentamos loitar contra esta idea e ademais facer unha lectura crítica da realidade actual. Estes sacrificios deixan de selo se se transforman en cambios que en vez de levarnos a unha vida con menos comodidades nos levan a unha vida máis feliz. Fronte ao bombardeo de mensaxes que nos din agora xa non vas poder ter coche ou agora xa non vas poder comer cousas do outro lado do mundo, algo que probablemente é certo, temos que analizar se estas cousas son positivas ou non e se nos están proporcionando realmente unha felicidade. Con estas mulleres reflexionamos por que se perderon algunhas cousas que si as facían felices e como podemos facer para recuperar certos hábitos.