O Goberno de Pedro Sánchez presentou o 22 de febreiro a súa proposta de Marco Estratéxico de Enerxía e Clima, xa sen tempo para a aprobar antes das próximas eleccións xerais. Inclúe o chamado Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, un documento programático que define os obxectivos de redución das emisións de gases de invernadoiro, de expansión das renovábeis e de eficiencia enerxética. Será avaliado pola Comisión Europea e sometido a debate público durante este ano.
As principais organizacións ecoloxistas de ámbito estatal demandaron que un dos obxectivos do PNIEC fose o abandono da produción eléctrica en centrais nucleares e de carbón antes do fin de 2025. Diversos estudos sosteñen que tal obxectivo sería viábel a través dunha implementación ambiciosa, pero realista, de accións de promoción das enerxías renovábeis e do aforro e a eficiencia enerxéticas. Un obxectivo partillado no seu día polo Consello Asesor para a Transición Ecolóxica da Economía do PSOE, presidido por Teresa Ribera, agora ministra para a Transición Ecolóxica.
As presións exercidas polas grandes eléctricas ou por baróns do propio PSOE (como Valentín G. Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes) acabaron por temperar as “veleidades ecoloxistas” do consello asesor do PSOE da oposición. O PNIEC adía 10 anos o apagón nuclear e non pon data de peche obrigatorio ás centrais térmicas de carbón. Serán as eléctricas as que decidirán cando queren pechar as maiores fábricas de cambio climático.
A falla de ambición á hora de limitar as emisións -e non só no sector eléctrico- tradúcese nun obxectivo de redución para 2030 de tan só o 20% con respecto a 1990. De se atinxir finalmente este obxectivo, en catro décadas decisivas para determinar o alcance da crise climática que marcará o futuro, un estado desenvolvido como España só terá sido capaz de diminuír nunha quinta parte as súas emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. Os nosos fillos e fillas e as xeracións futuras hannos agradecer o que, para Alberto Núñez Feijoó, sería un esforzo “quijotesco”.
Ademais do obxectivo de redución para 2030, tamén é moi importante a traxectoria a seguir para acadalo, pois diso dependerá o volume de emisións acumuladas até entón. Estas serán menores canto antes se produciren os cortes nas emisións. A aceleración do peche das centrais de carbón diminuiría moito as emisións acumuladas.
E que a clausura das centrais de carbón é a medida singular que, de lonxe, posibilita maiores reducións a curto prazo das emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro. Por exemplo, a central das Pontes, a máis potente do Estado español, emitiu de media 7,1 millóns de toneladas anuais de CO2 en 2013-2017. Contribúe ao quentamento global tanto ou máis que algúns estados. En 2016, as emisións de Uruguai procedentes de combustíbeis fósiles ascenderon a 6,9 millóns, segundo o Atlas da Enerxía da AIE. O impacto climático positivo dun ano sen actividade na térmica de carbón das Pontes equivale a un ano con consumo cero de petróleo, carbón e gas natural nun país como Uruguai. Ou a que deixen de circular vehículos en todas as estradas e rúas do noso país durante algo máis dun ano!.
Naturgy solicitou o peche da térmica de Meirama e do resto das súas centrais de carbón españolas para antes do 30 de xuño de 2020, ao non querer adaptalas aos límites de emisións impostos pola Directiva de Emisións Industriais (DEI).
Endesa solicitou o peche de tres das súas centrais de carbón, e optou por prorrogar alén de 2020 a vida das que opera nas Pontes e en Carboneras (Almería), adaptándoas á DEI que, após catro anos e medio de exención, se lles aplicará a partir de xullo de 2020. Unha adaptación que reducirá emisións tóxicas (SOX, NOX, partículas) pero non as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón. A central das Pontes está entre os 20 maiores focos emisores de CO2 de toda a UE.
En 2020, eliminaranse no Estado español perto de 5 GW (xigavatios) de potencia eléctrica con carbón (incluíndo os 0,55 GW da central de Meirama). A partir dese ano seguirán operativas 6 centrais de carbón, que sumarán unha potencia duns 4,5 GW, dos cais 1,47 corresponden á central das Pontes. O PNIEC prevé que toda esa capacidade de produción se manteña até 2025, para despois irse reducindo a 0-1,3 GW en 2030. Non concreta que centrais poderían chegar a sumar eses hipotéticos 1,3 GW, pero ben podería entrar aí de un a tres dos catro grupos que forman a central das Pontes.
Nin o borrador do PNIEC nin o da Lei de Cambio Climático fixan un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. O PNIEC simplemente fai unha previsión do que podería acontecer sen mediar a intervención gobernamental. O Goberno do PSOE optou claramente por lavar as mans nesta cuestión. Era o máis fácil, e o máis agardado, perante as presións procarbón no seo do propio PSOE e as contradicións existentes no espazo dos seus aliados parlamentares de Podemos e as confluencias (con En Marea a porse de perfil). Por non falar do apoio ás “estratéxicas” centrais de carbón por parte da Xunta ou do BNG, que rexeitan o peche da central de Meirama en 2020.
O Goberno estatal non pretende impor o fin das centrais de carbón durante a próxima década. Acha que o farán as empresas propietarias, forzadas polo mercado. O PNIEC coida que para 2030, “as centrais térmicas de carbón deixarán de ser competitivas dado o prezo previsto da tonelada de CO2 no sistema europeo de compra venda de emisións, 35 €/t”. Un prezo que se mantivo en niveis moi baixos até 2018, cando o prezo medio chegou aos 16 €/t.
O Goberno fundamenta a súa previsión sobre o futuro da xeración eléctrica con carbón na evolución dun instrumento europeo de mercado en vigor desde 2005. Ferramenta de loita contra o cambio climático que até hoxe se ten revelado pouco eficaz na desincentivación da queima de carbón, malia ser o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2. Coas modificacións recentemente introducidas, semella probábel que o prezo da tonelada de CO2 tenda a aumentar mais, é responsábel deixar en mans dese mercado a “planificación” do abandono do carbón? Non é tan urxente a mitigación da crise climática como para asegurar e acelerar todo o posíbel o desmantelamento das maiores fábricas de cambio climático?.
O Goberno confía en que o mercado europeo de emisións e a crecente competitividade das renovábeis obriguen as eléctricas a deixaren de queimar carbón (case) totalmente no horizonte de 2030. Esperábase algo máis dun goberno que di asumir a loita contra a quentamento global como unha prioridade. Cando menos, unha taxa sobre as emisións de CO2 que reforzase o impacto do mercado europeo de emisións, como existe xa nalgúns estados. Mais en materia de “nova fiscalidade verde”, a proposta de PNIEC non recolle nin unha soa medida concreta. O Ministerio de Facenda “liderará o estudo en profundidade” e, no seu caso, adoptará cambios no sistema tributario. Máis nada.
Alongar a vida da central de carbón das Pontes, xa innecesaria para atender o consumo eléctrico galego, aumenta a súa pesada herdanza de cambio climático, acumulada ao longo de máis de catro décadas. 2030 sería moi tarde para pechala. 2025 sería o ano límite. 2020 debería ser o ano no que pechase xa, polo menos, algún dos seus catro grupos.
Hoxe non hai maior irresponsabilidade climática en Galicia que prorrogar a vida dunha industria sucia que xera un desorbitado impacto climático a cambio dunha xeración de emprego e riqueza na súa contorna moi limitada: 80 millóns anuais, a través do pagamento de salarios e da compra de bens e servizos, segundo a propia Endesa. A aplicación a tempo dun adecuado Convenio de Transición Xusta, figura prevista no propio paquete de enerxía e clima do Goberno, podería compensar eses beneficios que tan caros están ser para a vida no noso planeta.