E cando parecía que todo se ía ao carallo, aparece Greta Thumberng.
Porque non queda outro remedio máis que recoñecer que, a estas alturas, nós somos unha xeración de fracasados. E nese "nós" inclúo aos nacidos no século pasado. Fracasamos, supoño por diversas razóns: ignorancia, covardía, egoísmo, sociopatía … a nosa estratexia con este asunto é a do patadón para adiante.
Non queda outro remedio máis que recoñecer que, a estas alturas, nós somos unha xeración de fracasados. E nese "nós" inclúo aos nacidos no século pasado
Os que dalgún xeito estamos en contacto con cuestións ambientais ou militamos no movemento ecoloxista sempre escoitamos un mantra continuamente, unha especie de recoñecemento implícito de fracaso, impotencia e cinismo: iso só pode arranxarse con educación, hai que educar ás xeracións xóvenes, etc. En definitiva, impórtame un pemento o que pase, alá veñan outros a arranxalo, eu vou continuar exactamente igual sen mover un dedo. Obviamente cando temos un problema real, ou pensamos que o temos, queremos que se actúe e ademais de xeito inmediato, contundentemente, e lévanos o demo se a administración ou quen sexa non o fai. Un exemplo, se nos entran a roubar na casa queremos que pillen aos ladróns xa, non queremos un discurso sobre a educación dos pequenos para que o día de mañá non haxa quen asalte domicilios.
E o que contundentemente di Greta Thumberg, unha moza sueca de 16 anos que un día decidiu poñerse en folga, é que non. Eles, a xuventude, non van arranxar nada porque simplemente vivirán xa nun planeta con varios grados máis de temperatura que traerá todo tipo de calamidades climáticas. Xa o estamos a vivir, moitas desas persoas que chamamos inmigrantes son en realidade refuxiados climáticos. E dicir, quen o teñen que solucionar e xa son os políticos, os "maiores", eles xa non van chegar a tempo de nada máis que a sufrir unhas calamitosas consecuencias. Di que os políticos de hoxe serán considerados como os maiores malvados porque o seu legado será o maior fracaso de toda a historia. Atopo máis madurez, seriedade, verdade e honestidade nas súas verbas que en calquera adulto precedente que se dirixira a un gran público sobre este asunto. É dicir, os obsoletos maiores non imos educar a ninguén máis novo senón que son eles os que nos esixen variar completamente o rumbo. Así que aí temos miles de adolescentes facendo folga nun movemento que xa é mundial, o "Youth for Climate". Agardo que chegue aquí tamén e que por esta vez non nos quedemos ao marxe da historia.
Levamos décadas perdendo o tempo e o discurso compracente cando non cómplice, mesmo en boa parte do discurso ecoloxista, esixía non asustar á xente, facer comunicación "en positivo"
En Bruselas falou no Comité Económico e Social Europeo. Alí explicou que se o obxectivo da UE para o 2030 é reducir emisións nun 40% respecto aos niveis de 1990 (año de referencia para a UE no obsoleto protocolo de Kioto), iso obviamente non era suficiente para protexer aos nenos que están medrando hoxe polo que se queremos contribuír a manter a temperatura global por debaixo da barreira dos 2 grados de incremento, a redución para esa data debera ser do 80%, o dobre da actual.
"Quero que entredes en pánico", di. Levamos décadas perdendo o tempo e o discurso compracente cando non cómplice, mesmo en boa parte do discurso ecoloxista, esixía non asustar á xente, facer comunicación "en positivo", amable, supoñendo interesadamente que un discurso duro chamaría á inacción. Pois non, non funcionou, e ela quere que asumamos a realidade que afrontamos, que nos asustemos porque non é para menos, basta xa de discursos compracentes, do coñecido "conservacionsimo sorrinte" do negocio verde, do "greenwashing". En definitiva, reducir ese 80% nunha década supón acabar coa ditadura indiscutida do crecemento económico e decrecer.
O futuro posible pasa por afrontar conxuntamente 4 asuntos: cambio climático, enerxía, biodiversidade e superpoboación
Mentres, a axenda política por aquí transcorre por corredoiras extemporáneas. O futuro posible pasa por afrontar conxuntamente 4 asuntos: cambio climático, enerxía, biodiversidade e superpoboación. Cando naceron os pais de Greta Thumberg a poboación mundial era duns 3.500 millóns de habitantes, cando ela cumpra a maioría de idade será de 8.000 millóns. O mundo estará requentado, empobrecido biolóxicamente e non haberá enerxía nin para todo nin para todos. Ou lle facemos caso ou colapsamos.