No último venres de 2019, Endesa solicitou oficialmente o peche da central térmica das Pontes e confirmou unha decisión que xa adiantara o pasado setembro. O proceso durará 18 meses e, durante este ano e medio, a empresa queimará as arredor de 800.000 toneladas de carbón que ten almacenadas nas súas instalacións.
Serán, presumiblemente, as últimas que consumirá a térmica, a empresa máis contaminante do Estado e unha das meirandes de Europa. A mediados de 2021, como máximo, Galicia porá fin á queima de carbón, un final ao que antes se apuntou a central que Naturgy aínda ten en Meirama e que botará o feche definitivo neste 2020 logo do anuncio feito hai un ano. Ambas deciden pechar uns dez anos despois de teren esgotado as reservas galegas de lignito.
Co peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, Galicia deixará de emitir ao ano máis de 10 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro
A nula rendibilidade económica para estas empresas, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo explican a decisión. A que agora, sen plans nin previsións con tempo, provoca un importante impacto laboral e económico, sobre todo nas arredor de 900 persoas, entre empregos directos e indirectos en ambas comarcas, que dependen das industrias e que agardan polas promesas de recolocacións, alternativas e novos proxectos. Ao tempo, Galicia deixará de emitir cada ano máis de 10 milóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro (GEI), o terzo do total de emisións no país.
A central térmica das Pontes é a 17ª factoría que máis CO2 equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os GEI) botou á atmosfera na UE durante 2018, con 7,94 millóns de toneladas, segundo os últimos datos feitos públicos pola Axencia Europea do Medio Ambiente sobre as empresas suxeitas ao mercado comunitario de dereitos de emisións e polo Goberno do Estado. A de Meirama (Cerceda) emitiu 2,24 millóns de toneladas, sendo a 11º máis contaminante do Estado e situándose entre as 150 máis prexudiciais da Unión Europea.
Un terzo do total das emisións de CO2 en Galicia saían das centrais de Meirama e As Pontes e supoñían un 3% do total de emisións deste tipo no Estado
O descenso obvio de emisións de 2019, debido á parálise parcial da actividade nas dúas centrais, reducirá fortemente o impacto galego sobre o cambio climático. Moi posiblemente, o ano que agora rematou será o de menor emisións de GEI das últimas décadas polo parón previo ao final definitivo destas dúas térmicas. Xa que logo, en tres anos, de cumprírense os prazos previstos de peche, Galicia botará á atmosfera 10,2 millóns menos de CO2 equivalente anuais, unha cifra que supuña o 3% do total de emisións do Estado e un terzo do total do país aínda en 2018.
Mentres que a xeración eléctrica no Estado é responsable do 17% das emisións totais de GEI, en Galicia o 33% xurdían destas dúas centrais térmicas. Ademais, outros gases e partículas con importantes afectacións na contorna deixarán tamén de saír das icónicas chimeneas das Pontes e Meirama en poucos meses.
Agora, e malia a solicitude de peche, Endesa mantén aberta a posibilidade de recuar no caso de que as probas de queima de biocombustibles e residuos como lodos de depuradoras mesturados con carbón dean uns resultados que polo de agora non lle foron rendibles economicamente. Sería un xeito de manter parte da actividade na central uns anos máis, pero os expertos advirten de que, desde o punto de vista medioambiental, tampouco sería solución ningunha.
"A queima de residuos orgánicos transportados desde o resto de Galicia e de España, xunto co carbón importado maioritariamente de Indonesia, onde se extrae con elevados custos socioambientais, non convertería a central térmica das Pontes nunha industria menos insustentábel", di a plataforma Galiza, mellor sen carbón, que advirte de que "incinerar residuos orgánicos, presentados como biocombustíbeis, para xerar máis electricidade sucia, nin é propio da economía circular nin constitúe unha solución climática real".
Desde Adega, por outra banda, alertan tamén sobre unhas probas que mesturan carbón con outros combustibles como lamas secas de depuradoras, que son "materiais moi problemáticos pola emisión asociada de metais pesados e contaminantes orgánicos á atmosfera, ademais de emitiren GEI".
A fin da queima de carbón nestas dúas centrais suporá tamén reducir ás emisións media por habitante de GEI, que en Galicia situábanse por riba das 10 toneladas, unha cifra notablemente superior ás emisións medias na UE e no Estado, segundo os últimos datos.
O impacto positivo medioambiental contrasta co negativo no emprego: unhas 900 persoas dependen da actividade en ambas as dúas centrais térmicas
Para entender o impacto destas dúas industrias, as súas emisións de CO2 equivalente nun ano de normal actividade supuñan practicamente o dobre das emisións deste tipo de todo o sector do transporte en Galicia en doce meses, segundo os últimos datos accesibles, de 2015.
Pero impacto tamén terá o seu peche definitivo. Entre as dúas centrais, son un total dunhas 900 persoas as que dependen, de maneira directa ou indirecta, da súa actividade. Endesa asegura que manterá o emprego do seu persoal durante varios anos para levar a cabo o desmantelamento e di prever tamén carga de traballo para as compañías auxiliares, tanto no mantemento como nos labores de predesmantelamento.
Ademais, di fomentar para o desenvolvemento de proxectos de renovables "a compra de materiais e servizos a empresas locais implantadas neste subsector, cunha importante presenza na zona", pero o futuro dos transportistas é o que máis preocupa ante a máis que probable fin do carbón en pouco tempo.
Naturgy e Endesa anuncian parques eólicos, instalacións de gas renovable ou concursos de ideas para futuros proxectos sustentables nas súas instalacións
A idea de Endesa, segundo explicou, é a de substituir os case 1.500 MW térmicos da central por unha cantidade case equivalente de renovables ata 2026 e cun investimento de 1.580 millóns de euros, que crearía 1.250 empregos directos de medio anual nos seis anos da fase de construción e 125 na de operación e mantemento. Ao tempo, anunciou tamén un concurso de ideas na procura dun uso industrial alternativo das instalacións pontesas.
Falta por ver canto do prometido será realidade, ao igual que no caso de Naturgy en Meirama, onde tramita xa a construción dun parque eólico de 49,5 MW, unha das iniciativas que forma parte do plan alternativo ao peche da central térmica. Nel tamén se incluiría, aínda que se estuda a viabilidade, unha instalación de gas renovable a partir de residuos gandeiros e orgánicos industriais.