Dende hai décadas Galicia produce moita máis electricidade da que consume
Dende hai décadas Galicia produce moita máis electricidade da que consome. O pasado ano, por exemplo, xerou 31.215 GWh, fronte aos 20.265 GWh que sumou a demanda interna total, segundo a información oficial achegada pola Red Eléctrica Española (REE). A diferenza entre estas dúas magnitudes foi o saldo dos intercambios con outras comunidades autónomas, case 11.000 GWh.
No Estado hai varios territorios netamente produtores de electricidade, que producen a enerxía da que depende o resto de España. Ademais de Galicia, Estremadura, Castela-León e Castela-A Mancha xeran moita máis electricidade da que demandan. En cambio, outras comunidades autónomas son importadoras de enerxía. Especialmente Madrid, que practicamente non produce electricidade, pero é a terceira de que máis consome. Ademais, Euskadi, a Comunidade Valenciana, Andalucía ou Cataluña tamén son deficitarias en enerxía.
Núñez Feijóo sinalou que Galicia, sen As Pontes, sería "deficitaria" en enerxía.
Este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou despois da súa xuntanza coa ministra Teresa Ribera que "sería moi arriscado" a central térmica de Endesa "pechara dun día para outro, porque As Pontes é a gran batería enerxética de España”. Ademais, Núñez Feijóo sinalou que Galicia, sen As Pontes, sería "deficitaria" en enerxía.
Non é a primeira vez que o presidente da Xunta recorre a este argumento. En novembro do pasado ano Núñez Feijóo afirmou que "pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes supón automáticamente que Galicia produce menos enerxía da que consume". Unha afirmación cuestionable á vista das estatísticas dos últimos anos.
En 2018 a produción eléctrica realizada sen carbón en Galicia (21.007 GWh) foi superior á demanda total galega de enerxía: 20.265 GWh
Durante o ano 2018 Galicia xerou 31.215 GWh, dos que 10.308 GWh foron producidos polas dúas centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes, correspondendo ao redor de 2.600 GWh a Meirama e uns 7.700 GWh. Os restantes 21.007 GWh foron producidos por outras fontes, nomeadamente renovables (enerxía eólica e hidráulica) e tamén a través da coxeneración e das dúas centrais de ciclo combinado de gas.
É dicir, a produción eléctrica realizada sen carbón en Galicia (21.007 GWh) foi superior á demanda total galega de enerxía: 20.265 GWh. Os máis de 10.308 GWh xerados nas térmicas de Meirama e As Pontes foron innecesarios para o consumo interno e serviron para alimentar os trasvases de enerxía ao resto do Estado.
A produción das renovables medra ou redúcese en función das condicións do tempo. Isto fixo que no 2012, 2015 e 2017 a enerxía eléctrica xerada por fontes distintas do carbón fose insuficiente para cubrir a demanda galega
É certo que durante os últimos anos isto non foi sempre así. Mentres que as cantidade total de enerxía producida polas centrais térmicas de carbón, pola coxeneración ou polos ciclos combinados é relativamente estable e non depende en exceso de factores externos, a electricidade xerada nos parques eólicos e nas centrais hidroeléctricas medra ou redúcese en función das condicións do tempo. Anos de seca provocan fortes descensos nas cifras da enerxía hidráulica e tamén a falta de vento (máis puntual) pode reducir un chisco a produción eólica.
Isto fixo que no 2012, 2015 e 2017 a enerxía eléctrica xerada por fontes distintas do carbón fose insuficiente para cubrir a demanda galega. En cambio, nos anos 2013, 2014, 2016 e 2018 a electricidade producida en Galicia sen carbón si superon o consumo interno.
A curto prazo, as centrais de ciclo combinado poderían completar a produción eléctrica das renovables e tamén compensar os hipótéticos descensos nas cifras do sector eólico e hidroeléctrico
Despois do peche das dúas centrais térmicas de carbón, Galicia seguirá sendo probablemente excedentaria en enerxía. As cifras actuais veranse incrementadas polo aumento da enerxía producida por fontes renovables, tanto no sector eólico, que está a experimentar un relanzamento dende o ano pasado,, coma no fotovoltaico de autoconsumo.
Ademais, como lembraba Xosé Veiras neste artigo, Galicia non quedaría sen térmicas se pechan as de carbón. "Hai outras dúas hoxe moi infrautilizadas de ciclo combinado e gas natural, cunha potencia total de 1250 MW, equivalente á de dúas centrais de Meirama", sinalaba Veiras. Unha sitúase tamén nas Pontes (ENDESA) e a outra en Sabón (Naturgy). Durante o 2017 só aproveitaron, respectivamente, o 21% e o 8,5 % da súa capacidade de produción dispoñible. "Tamén son contaminantes, e non pouco, pero sono bastante menos que as de carbón. E son menos ineficientes na transformación da enerxía do combustíbel en electricidade", engadía.
A curto prazo, as centrais de ciclo combinado -que poden xerar máis electricidade da que agora están producindo- poderían completar a produción eléctrica das renovables e tamén compensar os hipótéticos descensos nas cifras do sector eólico e hidroeléctrico.
O peche das dúas centrais conseguirá reducir as emisións contaminantes de Galicia en máis dun 25%, o obxectivo fixado para o ano 2030 pola Xunta
Na última semana de xaneiro Endesa anunciou que o peche da central térmica das Pontes chegará antes do ano 2022, unha decisión motivada polo abaratamento do gas, o aumento da produción renovable, a menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión. Un peche que se engadía ao da central de Meirama, en Cerceda, que terá lugar no verán do ano que vén.
A central das Pontes é, ademais, a máis contaminante do Estado español e unha das máis contaminantes de Europa. En 2017 as centrais térmicas de carbón de Meirama e das Pontes foron responsables conxuntamente do 35% das emisións totais de Galicia de gases de efecto invernadoiro, ademais de producir outros moitos contaminantes tóxicos. Dos máis de 30 millóns de toneladas destes gases emitidos en Galicia nese ano, 10,5 procederon destas dúas plantas.
O peche das dúas centrais conseguirá reducir as emisións contaminantes de Galicia en máis dun 25%, o obxectivo fixado para o ano 2030 pola Xunta na súa Estratexia galega de Cambio Climático e Enerxía, un obxectivo considerado insuficiente polas entidades ecoloxistas.