As Pontes presiona a Endesa para que manteña a actividade da térmica uns anos ata que deixe o carbón

Central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Banjo

Endesa e o Ministerio para a Transición Ecolóxica difiren na súa estratexia a curto prazo para a central térmica das Pontes. A empresa puxo 2022 como data de caducidade máxima para a queima de carbón ao tempo que reduciu ao mínimo a súa actividade. Xunta e Concello presionan para a súa reactivación o máis axiña posible, conscientes da necesidade de "gañar tempo" na busca de alternativas de emprego e de modelo económico na zona e de alongar o final anunciado mantendo o máximo emprego posible. As probas queimando lodos e outros materiais para substituír ata o 40% do combustible fósil son a esperanza para unha transición suave, pero mentres o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio, ve viable tecnicamente esa substitución temporal, a compañía alude á falta de rendibilidade económica para rexeitala e as administracións advirten dunha futura baixada nos prezos dos materiais que si posibilitarían esa opción. 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica reduce a unha "reunión de traballo" un encontro que non publicitou, fronte ao comunicado emitido pola Xunta

Ese foi o debate principal da xuntanza que este pasado luns mantiveron en Madrid a ministra para a Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o alcalde das Pontes, Valentín García Formoso, xunto a representantes de Endesa. 

O encontro non foi publicitado polo Ministerio --nin con nota de prensa, nin con imaxes nin tan sequera introducíndoo na axenda--, que o reduce a unha "reunión de traballo". Non así a Xunta, que emitiu un comunicado destacando como o xefe do Executivo galego acadara "o compromiso de reavaliar as probas técnicas para buscar unha solución viable, ambiental e economicamente, que garanta a actividade na central térmica das Pontes". 

Valentín García Formoso e Alberto Núñez Feijóo, tras unha xuntanza con representantes de Endesa © Xunta

Esa "reavaliación" e o "botar números" do que fala Feijóo foi, segundo fontes coñecedoras da reunión, o logro de conseguir que Endesa volva facer contas ante a presión da Xunta e do Concello e os informes de viabilidade técnica que achega o IDAE. Unha busca por convencela para que aposte por seguir queimando na central, aínda que cunha menor porcentaxe de carbón na busca desa transición menos abrupta e dunha alternativa ao emprego. 

"Acordamos reavaliar as probas técnicas que se fixeron nas últimas semanas, mirar a capacidade de subministro de toneladas de lodos, ou doutros combustibles, para que se poidan substituír por unha porcentaxe de carbón e botar contas desde o punto de vista de emisións; todo isto para que esta central poida reactivarse e manter unha actividade enerxética", dixo Feijóo. 

Endesa reavaliará os informes sobre a viabilidade de substituír carbón por biocombustibles tras ter rexeitado a rendibilidade económica desa opción

Desde o Concello, o alcalde e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso, ve "un avance" que tanto o Goberno central como a Xunta "estean comprometidos a continuar buscando a reactivación da central, converténdoa nun complexo de economía circular que utilice biocombustibles e que garanta un período de transición que dea tempo a buscar outras alternativas de emprego na zona". 

Para Formoso, é necesidade esa "reavaliación" dos resultados das probas con novos combustibles para "deitar luz ante informacións contraditorias". Mentres o IDAE, que non se mete na cuestión da rendibilidade económica, aposta pola viabilidade técnica da substitución de entre un 10% e un 40% do carbón, Endesa nega mesmo esa viabilidade e advirte da falta de rendibilidade económica. Desde as administracións, outros estudos anuncian unha baixada futura no importe tanto do carbón como dos biocombustibles que si farían rendible a central. 

Ante isto, Endesa comprometeuse a analizar de novo esa viabilidade técnica e económica contrastando novos datos. Na vindeira semana, está previsto que haxa outra reunión onde representantes da empresa dean as súas primeiras impresións sobre as alternativas. 

As administracións buscan "gañar tempo" na procura de alternativas económicas e de emprego conseguindo que Endesa manteña a actividade da central uns anos

No fondo, a intención que desde as administracións se recoñece é a de "gañar tempo", conscientes de que a queima de carbón ten data de caducidade próxima. As razóns do peche foron xa explicadas por Endesa: o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo.

Ese tempo que todos procuran é máis que necesario para buscar alternativas industriais nas Pontes, unha das zonas que que o Estado e Europa sinalan como obxectivo tanto para recibir fondos como para políticas que impulsen unha transición sustentable e "xusta", tal e como reclama o persoal e a cidadanía. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.