Endesa deixará de queimar carbón nas Pontes antes de que remate 2022. Esa é a data límite (e máxima) de vida tanto para a central térmica galega e para a de Litoral, en Almería, que se unirán ás de Compostilla (León) e Andorra (Teruel), que teñen xa o peche solicitado.
Endesa pon o final de 2022 como data límite para pór fin á queima de carbón nas centrais térmicas, incluídas as das Pontes
Así o confirmou este mércores Endesa na actualización do seu plan estratéxico remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), no que certifica que acelerará a eliminación do carbón do seu mix de xeración, dentro dos obxectivos de descarbonización a 2050. Poñerá final aos máis de 4 GW co peche das devanditas catro centrais. Textualmente, a empresa fala do "cesamento da actividade de carbón peninsular para o ano 2022". Ben seguro, antes dese ano estaría completado o obxectivo.
Endesa di apostar polas renovables e por unhas enerxías verdes que prevén ser as grandes protagonistas dos investimentos do grupo durante os vindeiros catro anos, cun incremento na súa capacidade instalada de cae o 40%, pasando dos 7,3 GW aos 10,2 GW. Destes 2,8 GW de desenvolvemento de renovables que formula a compañía ata 2022, a solar será a gran protagoista, con 1,9 GW, mentres que 900 MW serán eólicos.
Xa cando anunciou a aceleración do peche da central térmica das Pontes ou hai só unhas semanas, ao facer públicas as súas contas dos tres primeiros trimestres, Endesa deixou claras as razóns dese final. En definitiva, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo.
Ao tempo, Endesa probou con lodos e outros produtos unha alternativa á queima de carbón coa que buscaba atrasar uns anos a final da térmica prescindindo deste combustible fósil. As probas, á espera dos informes oficiais, non semellan ser satisfactorias.
Agora, administracións, empresa e traballadores --están en xogo centos de empregos directos e indirectos na comarca-- buscarán alternativas industriais na zona, unha das que que o Estado e Europa sinalan como obxectivo tanto para recibir fondos como para políticas que impulsen unha transición sustentable e "xusta", tal e como reclama o persoal e a cidadanía. Desde a Xunta insístese en manter a actividade nos vindeiros anos na central térmica, algo que só sería posible nun máximo de dous anos máis, segundo as previsións da compañía, que xa non está a traballar con plena actividade nas Pontes.