Endesa expón aos accionistas as razóns para pechar nas Pontes e desmente a Feijóo

Lago das Pontes, coa central térmica de Endesa ao fondo CC-BY-SA M. Pereira

Teima Feijóo nun dos seus leit motiv da campaña e de antes dela: o Goberno central é responsable do peche da central térmica das Pontes anunciado por Endesa. Tanto teñen as primeiras e posteriores aclaracións da empresa ou as do Ministerio de Transición Ecolóxica, que advertiu das “contras trucadas” sobre a viabilidade que fixo a empresa

Feijóo insiste en culpabilizar o Goberno central do peche de Endesa, que no seu último informe de contas insiste en aclarar as razóns empresariais da súa decisión

Esta mesma semana, nun mitin en Ferrol, o presidente da Xunta acusou a Pedro Sánchez de “querer cerrar Endesa” e de “exceso de velocidade” para un peche que pode acabar “nun sinistro”. Chegou a dicir que, de producirse este anuncio da multinacional con Rajoy na Moncloa, o acto electoral “non podería celebrarse” pola presión dos manifestantes. Só uns días antes, a eléctrica fixo públicas as súas contas dos tres primeiros trimestres do ano e volveu deixar claras as razóns da súa decisión nas Pontes ante os seus accionistas.

En definitiva, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo.

José Bogas, conselleiro delegado de Endesa, Francisco Conde e Feijóo, de fronte, en San Caetano © Xunta

Así, Endesa aclara que nos primeiros nove meses do ano o prezo destes dereitos de emisión incrementáronse ata unha media de case 25 euros/tonelada. Ademais, engade a multinacional, no marco dos obxectivos de redución de emisións da UE, desde o 1 de xaneiro estableceuse un mecanismo que “garantiu o mantemento duns niveis de prezos”

A empresa cita o abaratamento do gas, o aumento da produción renovable, a menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión como causas do peche

Ao tempo, a “debilidade” da demanda eléctrica, o aumento das importacións e o incremento da produción renovable levaron tamén a esa decisión. De feito, lembra a compañía que a contribución das renovables ao conxunto da produción peninsular acumulada de xaneiro a setembro foi do 41,1%, dous puntos máis que no mesmo período do ano anterior. 

“Neste contexto de mercado, tendo en consideración tamén o descenso no prezo do gas natural e a exención do céntimo verde aos ciclos combinados, xunto co diferente trato fiscal das importacións, produciuse un encarecemento do custo de produción de electricidade coa tecnoloxía de carbón e amplificado o efecto de perda de competitividade fronte a outras tecnoloxías”, di Endesa.

A compañía vai máis aló e asume a inviabilidade da queima de carbón no futuro ao advertir tamén dos “obxectivos da UE de emisión de CO2 en 2030 e 2050” para seguir reducindo o cambio climático e do “soporte agardado ao mantemento dos prezos actuais dos dereitos de emisión”, así como o “previsible maior estreitamento do oco térmico co crecemento esperado das plantas de produción das plantas de produción con renovables”. Neste panorama, di a empresa, “estímase que a redución da competitividade das centrais térmicas de carbón manterase”

Endesa estima que se "manterá a redución da competitividade das centrais térmicas de carbón", que xa lle 'comeu' máis de 1.000 millóns dos beneficios

Endesa opta por pechar a central de Endesa nunha decisión puramente empresarial e mantén as probas na busca de combustibles menos contaminantes que permitan alongar uns poucos anos unha planta que ten data de caducidade, sempre que lles sexa rendible. Pero o carbón xa non o é, nin no económico para a multinacional, nin moito menos en termos de sustentabilidade. 

Así, Endesa pechou os nove primeiros meses do ano cun beneficio neto de 176 millóns, o que supón unha caída de máis do 85% respecto ao pasado ano. Ese é o impato dos peches das súas centrais térmicas, logo dos previstos en Teruel e León e os acelerados das Pontes e Litoral (Almería). A deterioración neta da compañía foi de máis de 1.000 millóns, o valor neto contable dos activos de xeración térmica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.