Transición Ecolóxica reitera que Endesa "fixo contas trucadas" sobre a viabilidade da térmica das Pontes

Vista da térmica das Pontes dende a lagoa da antiga mina © Endesa

"Fago como se non ocorrese porque non me gusta". É o resumo que a ministra para a Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, fai para referirse á xestión política da fin das centrais térmicas de carbón na Unión Europea e, concretamente, do impacto que as restricións comunitarias ás emisión de CO2 teñen sobre a térmica das Pontes, cuxo peche Endesa decidiu acelerar. Alén do tirapuxa partidario bosquexado pola Xunta e o PPdeG, no que Ribera é sinalada como "responsable" da decisión da compañía eléctrica, a ministra lamenta que ninguén aproveitase a pasada década para "adaptarnos" a un escenario de fin do carbón e reitera, mesmo con máis claridade que noutras ocasións, unha acusación á Endesa: ofreceu "contras trucadas" sobre a suposta viabilidade da central pontesa.

"Endesa fixo un cálculo de viabilidade baseado en prezos do CO₂ que sabían que non se ían cumprir: a tonelada íase mover entre 25 e 30 euros e fixeron un cálculo que falaba de entre 5 e 7 euros"

Nunha entrevista en Radio Galicia-Cadena SER a responsable de Transición Ecolóxica do Goberno de España censurou a actitude tanto da eléctrica como da Xunta. "Para ninguén era unha sorpresa os prazos" e tampouco "o prezo da tonelada de CO₂ a partir do 1 de xaneiro de 2019". Cando ela chegou ao Ministerio, no verán de 2018, "Endesa comunícame que está acometendo investimentos" e que consideran que a planta das Pontes "é rendible e pode seguir funcionando no marco europeo", relato. Pero en realidade, afirma, o que "houbera é negación da realidade".

O truco aludido pola ministra está nas estimacións de rendibilidade da térmica das Pontes realizadas por Endesa, relata. "Fixeron uns cálculos de viabilidade baseados en prezos do CO₂ que sabían que non se ían materializar, porque a Unión Europea xa modificara os prezos de emisión". Así, as autoridades comunitarias xa deixaran claro que "a tonelada de CO se ía mover entre 25 e 30 euros dende o 1 de xaneiro de 2019". Pero a empresa, censura, "fixo un cálculo de rendibilidade que falaba de entre 5 e 7 euros ata, practicamente, o ano 2030". Ou, o que é o mesmo, "fixeron unhas contas trucadas", asegura.

Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica en funcións © JM Cuadrado / Goberno de España

A biomasa, inviable para "substituír integramente" o carbón

Fronte ao desacordo no relato do acontecido, a ministra para a Transición Ecolóxica si concorda coa Xunta e con numerosas voces expertas na materia en que é "imposible pensar", co "volume de xeración" de electricidade que ten a térmica das Pontes, que o carbón "poida ser substituído integramente por biomasa" para que a central continúe funcionando como ata agora. Esta é unha alternativa "interesante", pero sempre que se axuste "aos límites da capacidade forestal e de residuos agrícolas" de Galicia e a súa contorna. Dito doutro xeito, non sería viable importar biomasa ou dedicar novas extensións forestais a especies como o eucalipto para queimalo nas Pontes.

"Tal e como a coñecemos, probablemente [a térmica das Pontes] teña un percorrido relativamente curto"

Estas son algunhas das razóns que levan a Ribera a concluír que "tal e como a coñecemos", a central das Pontes "probablemente teña un percorrido relativamente curto", algo semellante "ao que aconteceu en Meirama". Ante o peche desa central térmica "o señor Feijóo mostrouse máis colaborador, no canto de combatelo negando a realidade", afirma Ribera.

"Eu escoito ao señor Feijóo dicindo que aposta polas políticas de cambio climático porque o preocupan os seus fillos e netos", pero ao tempo "dicir que hai improvisación" no caso das Pontes "denota unha falta de respecto total, incluíndo aos seus compañeiros" do goberno de Rajoy, afirma, nun contexto no que malia ser coñecidos os prazos, "houbo negación da realidade". "Improvisación é botar a pelota cunha patada para adiante pensando que o problema se podía diluír", ilustra.

Ribera lamenta que Feijóo tente "combater" o peche da térmica "negando a realidade"

Durante anos, relata, "íase ás vilas a dicir que non se preocupasen, que non imos deixar que os ecoloxistas nos impoñan o dereito da UE" e iso "é unha irresponsabilidade e tomar á xente por parva". Agora, mantén, "imos facer un esforzo máximo" de "acompañamento" ao persoal das Pontes "ocorra o que ocorra, sexa cal sexa o calendario" marcado por Endesa. Non obstante, lamenta, "o mellor sempre é" actuar con antelación e neste caso houbo "sete ou oito anos para adaptarse" que non foron aproveitados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.