Feijóo non muda o discurso. Nin as advertencias de expertos, nin o camiño marcado pola UE, nin tan sequera as dúbidas de Endesa o fan cambiar da vía que tomou canda a Xunta tras o anuncio hai xa dúas semanas da empresa da súa intención de pechar a central térmica das Pontes.
Logo de manter unha reunión este venres co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, Feijóo volveu insistir na "reactivación" da central, ao tempo que pedía tempo e á compañía que busque "alternativas" para que a planta poida seguir sendo "competitiva" con outros combustibles. No entanto, seguiu a demandar a "eliminación do imposto ao carbón e outras medidas fiscais", tamén "no ámbito europeo", que favorezan o actual modelo.
Feijóo insiste en reactivar a central, con carbón agora ou con outros combustibles no futuro, sen achegar alternativas noutros sectores ou na diversificación
Sería, segundo dixo, "un período transitorio" para seguir buscando outras opcións e para que o uso do carbón "se substitúa progresivamente por outras alternativas que sigan facendo da central unha fonte de emprego e de riqueza". Sempre co mantemento a pleno rendemento da central no obxectivo e sen advertir das posibilidades noutros sectores e industrias na zona ou na diversificación.
Nin Endesa concretou que alternativas ao carbón está a estudar. O seu conselleiro delegado, José Bogas, limitouse a prometer que traballarían "para atopar solucións que poidan permitir cunha actividade industrial similar, senón é ao 100% como actualmente que si poida compensar, que se poida seguir xerando emprego e riqueza".
Feijóo volveu, ademais, cargar contra o Goberno central, de quen dixo que "non pode ser un problema para que a central das Pontes non funcione e nos aboque ao peche". Así, insistiu en "buscar fórmulas" para que o prezo da tonelada de emisións de CO2 "non faga incompatible o funcionamento da compañía coa súa conta de resultados".
A ministra Ribera lembra que Endesa estimou o prezo do CO2 "ignorando" a reforma europea que estabilizaba o importe entre os 25-30 euros desde 2019
Horas antes, a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, publicaba un artigo en La Voz de Galicia onde rebatía boa parte das propostas que Feijóo leva facendo días. Así, lembra que os cálculos previos feitos por Endesa situaban o prezo do CO2 nos 8 euros a tonelada e nun aumento progresivo ata os 25 euros en 2030, unha estimación "que se fixo ignorando a reforma europea que daba estabilidade aos prezos do CO2 desde o 1 de xaneiro de 2019" e que o mantén entre os 25-30 euros, o que explica outros anuncios de peche en Europa. Mesmo esta semana, o FMI pediu que se duplicase o importe por tonelada ata superar os 65 euros, mentres que a Comisión Europea xa propón incrementalo a 35.
Feijóo, ademais, pide poñer a planta das Pontes "en igualdade de condicións cos distintos países europeos que, no marco da normativa comunitaria, manteñen activas máis dun cento de centrais térmicas". A ministra Ribera lembra no artigo que quedan abertas as plantas de Alemaña, Polonia e Chequia, por ter "unha estrutura distinta e carbón autóctono de alto poder calorífico".
Mentres Feijóo e o PP acusan o Goberno central do peche da térmica, a ministra lembra que, "tal e como reflectía o Plan de Enerxía e Clima", o Executivo "non contaba" coa decisión, o que o obriga "a afrontar un horizonte incerto, non esperado". E lembra que en xuño de 2018, ao chegar o PSOE á Moncloa, "non había nada preparado para as nove centrais cuxo peche estaba previsto en 2020", polo que esas foron a súa "prioridade", que se ampliará á das Pontes e Litoral. "É máis doado cando se anticipa con suficiente antelación que cando se agarda ao último minuto", censura.
Teresa Ribera aborda tamén as propostas de Feijóo de eliminar o céntimo verde, facilitar vantaxes fiscais ou reclamar á UE medidas de compensación de custos indirectos. "Un diferencial de prezos de 16 euros por megavatio/hora (MW/h) entre o producido nas Pontes e o procedente dunha central de ciclo combinado non se corrixe coa eliminación do céntimo verde (que representa 6,7 euros MW/h) ou coa aplicación de pagos por capacidade, dos que tampouco se permitiría beneficiarse á central", di.
Ribera lembra a Feijóo que suprimir o 'céntimo verde' non corrixe o diferencial de prezos e que as medidas fiscais que propón van en contra da UE
E advirte, ademais, de que é "difícil pensar en medidas de apoio directo que sexan compatibles co marco europeo". A ministra lembra que a UE está "vixiante co sistema de axudas de Estado", máis cando é "protagonista na transmormación dun modelo enerxético no que quere mostrar o custo que ten emitir gases de efecto invernadoiro" e está "comprometida coa modernización da súa economía e a industria". "Non é aceptable invocar imposibles sen ofrecer alternativas nin compromiso ou, mesmo, esixindo cousas incompatibles entre si en función de quen sexa quen escoite", engade.
Teresa Ribera ve "unha opción prometedora" a transformación da térmica cas Pontes nunha planta de biomasa "compatible coas dimensións cuantitativas que sexan respectuosas coa biodiversidade e sustentabilidade da zona". Pero advirte de que iso, como alertan os expertos, "non abonda". "En paralelo hai que identificar todas as demais actividades que permitan xerar un ecosistema industrial para asegurar que calquera veciño que quieira vivire en traballar na comarca poida facelo", di.
O Goberno central aposta por "ir construíndo outras opcións": "enerxías renovables, industria, desenvolvemento rural, emprendemento e recualificación profesional"
"A térmica durará máis ou menos, pero unha resposta responsable obriga a ir construíndo outras opcións", insiste a ministra, que recorda que a UE "permite dedicar os ingresos obtidos pola venda de deretiso de emisión para xerar tecido industrial e apoiar políticas sociais en zonas en transición".
Ribera cre que hai que activar varias "pancas": "enerxías renovables, industria, desenvolvemento rural, emprendemento e recualificación profesional". E recomenda "sumando sinerxias" entre as tres administracións, Goberno central, Xunta e UE. "Será máis fácil", di, ademais de reclamar que se conte tamén cos traballadores, coa propia Endesa --"se ten vocación de permanencia, como así afirma"-- e cos emprendedores e investidores que aposten pola comarca.
A ministra de Transición Ecolóxica non dubida en criticar "a peor receta, a demagoxia" e sinala claramente a Xunta, sen citala, ao denunciar que se "esixa aos demais o que non fixo un", se "desprece a quen enfronta grandes desafíos" e se "cuestione a importancia da acción pública reivindicando grandes baixadas de impostos que non farían máis que favorecer os máis privilexiados mermando os recursos dispoñibles para apoiar os que máis o necesitan".
Ribera censura "a demagoxia" e que se pidan "grandes baixadas de impostos que só favorecen os máis privilexiados"
"Quen puidese recuperar agora os 200 millóns investidos na planta para destinalos a diversificar a actividade na zona!", remata Ribera, respecto a uns cartos dedicados, na súa maioría, a adaptarse á redución de emisións contaminantes que esixe a UE, aos que sempre alude Feijóo, pero que nada teñen que ver coas emisións de gases de efecto invernadoiro na térmica, a empresa que máis toneladas deles produce no Estado.