Balóns fóra, críticas ao Goberno central e silencio ante Endesa. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu eludir calquera responsabilidade polo impacto que poida ter o anuncio da empresa de acelerar o peche da térmica das Pontes e sinalou de novo o Executivo do Estado ante a decisión da multinacional.
Foi a resposta na que insistiu Conde este luns ao ser preguntado polas declaracións da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que acusou a Endesa de facer “contras trucadas” sobre a viabilidade da térmica e sinalou a Xunta e a propia compañía de “negar a realidade” ante o marco europeo no mercado de emisións de CO₂ e a ameaza do cambio climático.
O conselleiro Conde considera "irresponsable" que o Goberno central busque trasladar "as culpas aos demais" e obvia criticar a Endesa
"Fixeron uns cálculos de viabilidade baseados en prezos do CO₂ que sabían que non se ían materializar, porque a Unión Europea xa modificara os prezos de emisión", dixo Ribera sobre Endesa. O conselleiro respondeu cualificando de “irresponsable” que desde o Goberno central se busque trasladar “as culpas aos demais”. Porque a Xunta insiste en culpabilizar o Executivo do peche da central pontesa mentres Ribera alerta da ausencia total de medidas durante anos por parte do PP, tanto en Santiago como en Madrid, e de “tomar a xente por parva”. Nin unha palabra sobre a compañía.
Conde pide “tempo” ao Goberno en funcións e reclámalle que “asuma as súas responsabilidades”. Así o dixo a preguntas dos xornalistas tras participar nun foro sobre o futuro enerxético o conselleiro, tamén de Industria, que pediu ao Estado que “asuma as súas competencias”. “Ten que formular unha transición coherente con Europa e coa realidade do noso tecido produtivo”, engadiu. "Culpar a oturos non xera confianza nin estabilidade", insistiu.
Conde acusa o Goberno de Sánchez de "negar" unha "transición enerxética xusta" a Galicia
Antes, durante a súa intervención, Conde acusou o Executivo de Sánchez de “negar” a Galicia unha “transición enerxética xusta” fronte á negociación dunha estratexia coas autonomías de de Asturias, Aragón e Castilla y León, segundo denunciou. “Europa non pide que as centrais de pechen en 24 horas”, dixo o conselleiro, que asegura que “o que se lle propón a Endesa e a Galicia é unha ruptura enerxética que está fóra do traballo que impulsa a UE".
Todo malia que a ministra Ribera lamenta que ninguén aproveitase a pasada década para "adaptarnos" a un escenario de fin do carbón, despois de que a compañía insististe na decisión empresarial de acelerar o peche malia millonarios investimentos e logo de que Transición Ecolóxica acusase a Endesa de ofrecer "contras trucadas" sobre a suposta viabilidade da central pontesa.
A "irresponsabilidade" da Xunta
Desde a oposición, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, advirte á Xunta que o Goberno Central "adoptou medidas positivas para apoiar a industria galega", tras aludir ás axudas para comensar as emisións de CO₂ que suporán 25 millóns para Alcoa na Mariña ou situar As Pontes de maneira urxente entre as zonas con acceso a financiamento (600 millóns) para unha transición ecolóxica xusta.
Respecto das declaracións da ministra Ribera, Caballero asegura que a cidadanía xa asume que a produción eléctrica ligada ao carbón "chega á súa fin" e que a fórmula do Executivo central é esa "transición ecolóxica xusta".
Antón Sánchez sinala a Xunta pola súa "irresponsabilidade" ao non ter preparado "un plan de futuro para As Pontes"
Antón Sánchez, pola súa banda, tamén apoiou as críticas da ministra e sinalou o Goberno galego pola súa "irresponsabilidade" ao "non ter preparado un plan de transición e de futuro para As Pontes". "Xa se sabía, e todos eramos coñecedores, de todos os acordos a nivel mundial e europeo de descarbonización e loita contra o cambio climático", dixo o voceiro de Común da Esquerda, que cre que a ningún executivo "responsable" lle pode "coller por sorpresa que se incremente os prezos que se pagan polos dereitos de emisión de CO₂".
No entanto, o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, insistiu en que o Goberno socialista “está quedando só” negando á central térmica de As Pontes "tempo para adaptarse á transición enerxética".