O 5 de outubro de 2023, hai tres anos, foi o primeiro día logo de case medio século no que a central das Pontes non queimou carbón, logo de esgotar as últimas existencias que quedaban nas instalacións de Endesa. Galicia apagaba aquel día de vez a súa última térmica, logo do peche e posterior desmantelamento da que Naturgy tiña en Meirama.
Hai tres anos a central térmica das Pontes apagaba de vez tras case medio século e Galicia poñía fin á queima de carbón
Galicia poñía fin tamén á produción eléctrica con carbón, que só cinco anos atrás representaba un terzo da total, e acababa coa principal e máis prexudicial achega ás emisións de gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático. De feito, a central térmica pontesa foi durante anos a fábrica galega con maior impacto climático, a máis contaminante do Estado e unha das que máis contribuíu ao quecemento global en Europa.
Tres anos despois, a plataforma Galiza sen gas —creada precisamente en 2023 a partir de Galiza sen carbón— fai balance e lembra que estes 36 meses sen carbón supuxeron no país "menos emisións, máis eficiencia, máis xustiza social e máis soberanía enerxética".
"En materia de enerxía e clima, hai un antes e despois do peche das centrais de Meirama e das Pontes", explica a entidade, que avalía todos os efectos nun informe. (O adeus ao carbón en Galicia), que repara no "enorme impacto positivo do abandono do carbón para a redución das emisións de gases causantes de cambio climático e para a transición ecolóxica en xeral" que supuxo a fin da queima de carbón.
Galiza sen gas advirte de que Galicia goza de "menos emisións, máis eficiencia, máis xustiza social e máis soberanía enerxética" tras a fin do carbón
En que se traduciu? A plataforma lembra que o final da produción eléctrica con carbón é "de lonxe", a causa principal do "descenso sen precedentes" do 42,7% (-12,35 millóns de toneladas) nas emisións brutas galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático rexistrada entre 2018 e 2024 (último ano con datos oficiais). E advirte que "non será posíbel nunca máis recortalas de xeito tan permanente e tan cuantioso nun período de tempo tan reducido".
De aí que advirta tamén que a Xunta presume desta caída na emisión de gases invernadoiro sen mencionar esta causa principal. "Nada sorprendente se lembramos que, co apoio da actual oposición parlamentaria galega, opúxose ao fin do carbón", asegura.
A fin da produción eléctrica con carbón provocou unha caída sen precedentes das emisións de gases de invernadoiro: do 43% entre 2018 e 2024
Ademais, a plataforma explica que o peso da electricidade producida en Galicia na emisión de dióxido de carbono (CO2) –o principal gas de efecto invernadoiro– caeu de 0,37 t/MWhen 2018 a 0,06 t/MWh en 2024, un 84% menos en apenas seis anos. "Para unha mesma cantidade de electricidade consumida, as emisións de CO2 asociadas reducíronse a menos dun quinto", explica.
"Os beneficios potenciais para o clima de substituírmos o consumo de produtos petrolíferos e de gas fósil por electricidade multiplicáronse. O aumento da electrificación do consumo enerxético é hoxe aínda máis prioritaria para a acción climática", engade Galiza sen gas, que sinala tamén como o final do carbón, ademais de reducir a contaminación, deixa un sistema enerxético moito máis eficiente.
As centrais de Meirama e das Pontes tan só aproveitaban un terzo da enerxía contida no carbón para convertela en electricidade. A súa substitución mellorou a eficiencia do conxunto do sistema enerxético galego uns dez puntos entre 2018 e os anos previos e 2024, cun descenso do 18% no uso total de recursos enerxéticosen 2024 comparado con 2018.
Que máis beneficios tivo o peche das térmicas? Pois a redución da dependencia enerxética externa, dado que desde 2008 queimábase en exclusiva carbón de importación, así como a externalización dos danos socioambientais aos países exportadores. "A dependencia externa baixou do 80 ao 75,6% entre 2018 e 2024", sentencia a entidade.
"Ningún desastre social"
Por último, lembra tamén que o abandono do carbón poderíase ter producido moito antes en Galicia, dez ou quince anos, pero que "non tería sido posíbel sen a primeira vaga de desenvolvemento eólico". A electricidade achegada pola nova potencia renovable instalada desde finais da década de 1990 posibilitou o peche das centrais térmicas de carbón, explica quen aclara tamén que as centrais de Meirama e As Pontes "non pecharon por decisión ou presións de ningún goberno, senón que "foron as empresas propietarias as que solicitaron o seu peche despois de comprobaren a súa perda de rendibilidade".
"O peche non provocou ningún desastre social nin puxo en perigo a seguridade enerxética, como afirmaban de xeito catastrofista os líderes políticos, sindicais e empresariais", lembra a plataforma, que cre que "agora necesitamos máis aforro, máis almacenamento e produción eléctrica renovábel e máis electrificación para substituírmos tamén o gas fósil e o petróleo", reivindica a plataforma.