Caen as torres de refrixeración, queda a cheminea: As Pontes perde outro símbolo industrial

Voadura das torres de refrixeración da central térmica das Pontes CC-BY-SA Imaxes de TVG e Icoeume As Pontes

Pouco despois das catro da tarde, dúas das catro torres de refrixeración da central térmica das Pontes caeron para desaparecer entre po e cascallos. Non era o previsto, xa que empresa e autoridades anunciaran que serían todas ás que caerían á vez, en só 1,2 segundos e tras unha voadura conxunta. Tivo que pasar un cuarto de hora ata que as que quedaban en pé marcharan tamén grazas a centos de quilos de explosivos para mudar para sempre a paisaxe dunha vila, o seu skyline. O dunha localidade vinculada a unha planta que foi a de maior xeración eléctrica de todo o Estado e tamén, durante moitos anos, a máis contaminante e de maior impacto climático. 

As dúas primeiras torres caeron ás 16 horas, e as outras dúas un cuarto de hora despois malia que a intención inicial era a voadura simultánea de todas

Con zonas de seguridade, cortes e restricións de tráfico nos arredores, un dispositivo de seguridade e a lóxica expectación, a voadura completouse finalmente ás 16:16 horas, logo dun problema nas telecomunicacións que provocou que a detonación de dúas das torres se atrasase un chisco. Un peso total de 45.000 toneladas esvaecido entre aplausos e nostalxia. Dous estrondos como varias bombas de palenque noutra data sinalada para un complexo industrial que xa case é historia. 

Voadura das torres de refrixeración da central das Pontes, nun vídeo cedido por Iago Varela

Hai case tres anos, no outono de 2023, a central de Endesa deixou de operar e queimar carbón logo de medio século de actividade. Comezou tamén o desmantelamento das instalacións, como a do enorme parque de carbóns —cos seus característicos arcos amarelos— que foi desmantelado a principios de ano

A voadura das torres puxo fin a case medio século de historia e muda para sempre a icónica paisaxe industrial da vila

Agora tocoulle ás catro torres de refrixeración que desde 1978 servían para recuperar boa parte da auga que saía das turbinas en forma de vapor e reducir o consumo da central. Uns grandes arrefriadores asociados a cada un dos grupos, que recibían a auga quente procedente da queima de carbón para logo converterse en vapor e mover as turbinas ao volverse de novo líquido. Parte da auga era arrefriada nestas construcións para volver ao río e outra era expulsada en grandes nubes brancas cara ao ceo, un fume que foi moitas veces símbolo dunha contaminación que non estaba precisamente aí

Porque a voadura das torres, como lembra a plataforma Galiza sen Gas, supón un paso máis no desmantelamento da central tras un peche que "foi a maior acción climática na historia do país". Estímase que nos seus case 50 anos de vida emitiu uns 330 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático. Unha cantidade que equivale a 20 anos de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de toda Galicia ao ritmo actual e, por exemplo, supuñan 17 veces as emisións de toda a comunidade autónoma en 2021.

De feito, o final da produción eléctrica con carbón, posibilitado polo desenvolvemento renovable, é a causa principal do descenso de máis do 42% nas emisións brutas de GEI en Galicia en 2024 con respecto a 1990. E tamén o que explica a redución dun 24% nas emisións industriais destes gases causantes da crise climática

Veciñanza observa a voadura das torres de refrixeración © Iago Varela

Agora, como símbolo industrial e de toda unha etapa, quedará outro, o meirande. O que lembre tamén que aquí traballaron milleiros de persoas, ata 3.000 de maneira simultánea, de xeito directo e indirecto.A icónica cheminea da central térmica, que no momento da súa construción chegou a ser a máis alta de Europa, vai camiño de ser conservada como patrimonio industrial e está pendente da súa declaración como Ben de Interese Cultural, unha medida que xa se dá por feita.

A gran cheminea está á espera de ser declarada BIC, algo que xa se dá por feito, para poder ser conservada como símbolo do legado industrial

O primeiro intento de acadar esta declaración BIC caducou en 2024 ao non contar cos necesarios informes favorables, que si foron achegados no segundo intento, iniciado en marzo do pasado ano.

Será o único símbolo do legado industrial que quede, malia a loita de colectivos como a Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes —que vén de conseguir o apoio da Fundación Ría, do arquitecto David Chipperfield, como antes de ducias de institucións, científicos e catedráticos universitarios— para a suspensión cautelar da voadura "ata que se realice unha avaliación patrimonial do conxunto e se identifique o seu valor patrimonial", unha posibilidade que xa non existe. 

"Unha inxusta perda"

Desde hai anos, o colectivo demanda ás administracións e a Endesa un estudo que identifique as instalacións a manter e os potenciais usos para xerar emprego. Este mesmo xoves, pouco antes da voadura, convocaron unha marcha para "rexeitar esta inxusta perda" e denunciar un falecemento "anunciado por decisión empresarial e administrativa" tras acusar o Concello de apoiala. 

A cheminea, cos seus 356 metros de altura, apunta a manterse como símbolo inmorredoiro do legado industrial das Pontes e de toda unha comarca que agarda hoxe novos proxectos que palien a perda económica e de emprego que supuxo o peche da central. As catro torres, de case 100 metros de altura e un diámetro de 84 metros na base e 57 no alto, son xa historia. 

Voadura das dúas primeiras torres de refrixeración, ás catro da tarde do 30 de xullo de 2026 CC-BY-SA Icoeume As Pontes

En xullo de 2028 será cando se complete a desaparición da central térmica, que deixará 55 hectáreas de solo industrial. Está previsto que nun dos antigos parques de carbón se sitúe unha bioplanta de fibras recicladas de Ence. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.