O pasado mércores, a central térmica de Endesa nas Pontes esgotou as súas últimas existencias de carbón e apagouse de vez logo de 47 anos operando. Desconectouse a caldeira para posteriormente desacoplar a instalación da rede eléctrica, poñendo fin a unha era desde o punto de vista industrial e económico, pero supoñendo tamén un fito na loita contra a crise climática.
Porque a central pontesa foi durante moitos anos a factoría galega con maior impacto climático, a máis contaminante tamén do Estado e unha das que máis contribuíu ao quecemento global en Europa. Un dos máis grandes focos emisores de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro.
A pesar do declive na súa actividade desde 2019, a térmica aínda foi o ano pasado a terceira industria galega con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), só por detrás da veciña central de gas fósil das Pontes, tamén propiedade de Endesa, e da refinaría de Repsol na Coruña.
A central pontesa emitiu o ano pasado 930.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro; en 2018 eran case 8 millóns
Emitiu en 2022 algo máis de 930.000 toneladas deste tipo de gases causantes da mudanza climática. En 2018, só catro anos antes e aínda en actividade plena, foran case 8 millóns —unhas sete veces máis— converténdose na planta máis contaminante do Estado e a 17ª factoría que máis CO2 equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os GEI) botou á atmosfera na UE.
Todo cando a queima de carbón é a maior causa de cambio climático no planeta. Segundo o Carbon Global Project, con datos relativos a 2021, aproximadamente o 40% das emisións de dióxido de carbono (CO2) de orixe fósil débense á combustión de carbón.
En Galicia, e segundo información achegada por diferentes medios, a central térmica de carbón das Pontes, a máis potente do Estado, produciu ao longo da súa vida un total de 350.000 GWh. Xa que logo, 350 millóns de MWh desde finais dos anos 70. Cantas toneladas de CO2 supuxo a produción eléctrica da instalación de Endesa desde aquela? O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) tenta responder a esa pregunta, aínda tendo en conta que o factor de emisión de CO2 por MWh ten variado e non hai datos ao respecto.
Con todo, o factor de emisión de CO2 para as centrais de carbón da Península usado por Rede Eléctrica de España (REE), como advirte Ogacli, permite "facer un cálculo bastante aproximado" ao estimar as emisións de GEI asociadas á xeración eléctrica, que ascende a 0,95 toneladas por MWh. Serían, aplicando este factor, 332,5 millóns de toneladas de CO2 ao longo da vida útil da central térmica de Endesa nas Pontes, de case medio século.
A central de Endesa tería emitido 332,5 millóns de toneladas de CO2 desde 1976: 17 veces as emisións de toda Galicia en 2021
"Causou 17,4 veces máis impacto climático que toda Galicia en 2021, ano máis recente con datos", explica Ogacli, tendo en conta que as emisións territoriais de GEI do país ascenderon nese exercicio a algo máis de 19 millóns de toneladas. "Contribuíu tanto á crise climática como Galicia faría en 17 anos coas emisións actuais", engado o Observatorio.
Dito doutro xeito, a media de emisións de CO2 anuais da central de Endesa nas Pontes, tendo en conta que entre 1976 e 1979 foi cando entraron en funcionamento os catro grupos cunha potencia total de 1.400MW, sería de algo máis de 7,5 millóns de toneladas, cifra achegada á do último ano cun funcionamento relativamente normal. 2,5 millóns máis que todo o transporte en Galicia en 2021, 5 máis que o conxunto da industria galega nese mesmo ano ou 2,5 máis que todo o sector agrogandeiro no mesmo período.
O peche definitivo da central pontesa, pero tamén o levado a cabo por Naturgy na de Meirama en 2020, supuxo a fin da queima de carbón para a produción de electricidade pero tamén que Galicia deixase de emitir un terzo do total de emisións de GEI.
Antes do declive da produción eléctrica con carbón en 2019, a central térmica das Pontes e a de Meirama emitían máis de 10 millóns de toneladas de GEI e eran a primeira e a undécima factorías máis contaminantes do Estado. En 2017, dos máis de 30,26 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro emitidas por Galicia, case 10,5 millóns procedían destas dúas instalacións agora inactivas: o 35%. Supoñían, naqueles anos, máis da metade das emisións totais de Galicia na actualidade.
Foi en 2019 cando comezou o declive na xeración eléctrica con carbón, ao caer máis dun 76% en Galicia. En consecuencia, entre os anos 2018 e 2019 o país reduciu tamén considerablemente as súas emisións contaminantes á atmosfera, un 24,5% menos. As emisións das centrais de Meirama e As Pontes descenderon de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas nun ano. E malia ao incremento de produción eléctrica con carbón en 2022, derivada da crise enerxética global, o camiño xa estaba trazado.
A cada vez menor rendibilidade económica da queima de carbón, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, a menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono explican o declive das centrais térmicas de carbón, impulsado tamén polas esixencias europeas de descarbonización e de loita contra o cambio climático.