Gandería e transportes xa son os maiores emisores de gases de efecto invernadoiro en Galicia

Vacas nunha explotación gandeira en Galicia CC-BY-SA Xunta

O sector agrogandeiro foi o maior emisor de gases de efecto invernadoiro (GEI) en Galicia durante o ano 2020, sendo responsable do 26,5% das emisións totais capaces de xerar quecemento global. É a primeira vez que o sector agrario lidera a táboa no país desde que se iniciara a serie histórica de datos oficiais en 1990. Faino en gran parte polo decrecemento económico e a parálise da actividade que provocou a pandemia hai dous anos pero adianta unha situación que ha ser o normal dentro de pouco tempo. 

O sector agrogandeiro foi o maior emisor de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2020

Así o advirte Xosé Veiras, biólogo, ecoloxista e promotor do Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), onde se debullan os datos dos GEI, tal e como el mesmo fixo tamén neste artigo en Praza.gal. "O dato sobre a agrogandaría chama a atención porque é algo sobre o que apenas se fala cando se aborda a realidade das emisións", di quen advirte de que o peso relativo deste sector na emisión de gases causantes da crise climática "será cada vez máis importante"

A pandemia facilitou que a gandería liderase o impacto climático, adianto do que ocorrerá en poucos anos pola baixada no consumo de enerxía fósil

"O que ocorreu en 2020 é o que pasará de aquí a uns anos pola baixada do consumo da enerxía fósil; a medida que se reduzan as emisións ligadas á transformación e ao consumo de enerxía fósil polo maior impacto das renovables, as emisións derivadas, fundamentalmente, da actividade gandeira terán máis importancia", destaca.  

"O decrecemento económico pola COVID non fixo máis que adiantar temporalmente o que acontecerá no futuro; seguramente, os datos deste ano reflectirán de novo que o transporte é o sector con maior impacto climático", explica. É así desde 2019, cando houbo unha substitución masiva da da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente de nova potencia renovable, maioritariamente eólica, ao que se engadiu a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións. 

En Galicia, a mudanza derivou aquel ano no peche da central de Meirama -que emitía nun ano unha cantidade de GEI equivalente ás do 45% de todo o transporte- e á redución progresiva da actividade da central de Endesa. En 2020, a instalación das Pontes aínda era a segunda industria de maior impacto climático en Galicia; en 2021rexistraba un mínimo histórico de emisións, con 521.000 toneladas de GEI, 15 veces menos que en 2018 (7.940.000 t), cando lideraba as empresas contaminantes en Europa.

O sector enerxético foi, con moito, o maior emisor ata 2019, cando o transporte pasou a liderar a táboa

Desde 1990, o enerxético foi con moita diferenza o sector con maiores emisións de GEI, ata que todo virou nese 2019. Desde aquela, é o transporte quen lidera a estatística en Galicia e así se reflicte nas clasificacións que se adoitan usar, tiradas dos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. 

Son 4,19 millóns de toneladas ao ano de CO2 equivalente (CO2eq, unidade que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2). A continuación situaríanse as 3,72 da agricultura e a gandería, as 3,52 da industria ou as 3,3 do sector enerxético. Con todo, esta táboa exclúe as emisións da maquinaria agrícola, moi importantes en Galicia, que se agrupan en "outros sectores". É ao incluílas no sector agrogandeiro cando este pasa a liderar o ránking de emisións de GEI. 

"Ese é outro dos aspectos que oculta a importancia real do impacto climático que ten o sector agrogandeiro", explica Veiras. É ao sumar as emisións da maquinaria empregada na agricultura e na gandería, uns 1,2 millóns, o que eleva a case 5 os millóns de toneladas de CO2eq neste ámbito. 

Nos últimos 30 anos, só o sector agrogandeiro e os transportes aumentaron a emisión de gases de efecto invernadoiro en Galicia

As emisións no sector agrario están protagonizadas, moi maioritariamente, pola gandería. En relación a 1990, medraron en Galicia un 20,3%, cunhas 630.000 toneladas máis que aquel ano. Ademais, estas emisións -causadas principalmente pola dixestión do gando vacún e en menor medida polos fertilizantes se excluímos a maquinaria- non diminuíron apenas con respecto a 2005, a diferenza do que ocorreu noutros sectores. 

De feito, e nos últimos 30 anos, o sector agrogandeiro e o dos transportes de persoas e mercadorías foron os únicos que aumentaron as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste último caso, foi a actividade na que máis medraron, tanto en termos absolutos como en relativos, fundamentalmente polos desprazamentos por estrada. 

Entre 1990 e 2020 as emisións do transporte medraron nun 29,3%, mais se facemos a comparación co ano 2019, sen as restricións de mobilidade derivadas da COVID-19, a suba foi do 58,4% (1,89 millóns de toneladas de CO2 eq máis que no ano 90).

As emisións de GEI por parte dos transportes alcanzaron un pico de 6,2 millóns de toneladas en 2007 para diminuír logo por efecto da crise económica e estabilizarse arredor dos 5 millóns entre 2013-2019. En 2020, as restricións pola pandemia COVID-19 fixeron caer as emisións até os 4,2 millóns de toneladas.

Porque a industria tamén diminuíu nos últimos anos a súa achega á crise climática, aínda que en moita menor medida que o sector enerxético. En 2020, as súas emisións ascenderon a 3,5 millóns de toneladas, fronte ás 4,3 de 1990 (-783.067, un descenso de máis do 18%, ). 

O descenso das emisións neste sector, como explica Ogacli, foi debida "case en exclusiva á redución das emisións asociadas a procesos (sen combustión) na industria metalúrxica (aceiro, aluminio, ferroaliaxes, silicio) e, en menor  medida, na de produtos minerais (cemento, cerámica)". Estas compensaron os importantes incrementos nas emisións de procesos na industria química e no uso de hidrofluorocarbonos (HFCs) en refrixeración e aire acondicionado.

O uso de enerxía fósil é a causa dun 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro, seguido da dixestión do gado, cun peso de case o 11%

O caso é que, como resume Veiras, a transformación e o consumo final de enerxía fósil (procesado de enerxía) é a causa dun 70 % das emisións de GEI en Galicia, onde o dióxido de carbono (CO2) é o gas de invernadoiro que máis contribúe á crise climática global. Representou unhas tres cuartas partes das emisións en 2020, fronte a un 17% do metano (CH4) e un 7 % do óxido nitroso (N2O).

Pero despois do uso de enerxía fósil, aínda que a grande distancia, é a dixestión do gado (fermentación entérica) a actividade máis emisora, cun peso de case o 11% nas emisións, a práctica totalidade atribuíbel ao gando vacún. Son 2 millóns de toneladas de CO2eq, fronte ás 800.000 dos residuos gandeiros e as preto de 900.000 dos fertilizantes usados no sector. 

"No sector agrogandeiro, non se está a facer nada ou practicamente nada; os datos sobre a evolución das emisións de GEI así o proban porque non se reducen", lamenta Veiras. "O obxectivo é chegar a un horizonte de emisións netas cero, pero seguirá habendo emisións de GEI e serán, sobre todo, na agricultura e na gandería, polo que haberá que compensalas coa absorción de CO2 xeradas en ecosistemas naturais, nos montes ou nas propias terras agrarias, sobre todo nos pastos", explica. 

Veiras asegura que, no futuro, un dos obxectivos debería ser "reducir a cabana gandeira, que é a que máis metano emite, e facelo a través da diversificación, con menos leite e carne pero de maior calidade e con ingresos dignos para os gandeiros". Con todo, cre que a curto prazo poderían rebaixarse as emisións contaminantes no sector "cunha mellor xestión dos residuos gandeiros, empregándoos para a xeración de biogás e abonos". 

Vehículos en Conxo, en Santiago de Compostela CC-BY-SA Concello de Santiago

A Xunta, "sen folla de ruta"

Con todo, e en canto á problemática global, Veiras, portavoz tamén de Ecoloxistas en Acción, advirte de que as emisións territoriais galegas reducíronse nun 35,9% con respecto a 1990 e que "nesta década decisiva para o combate á crise climática deberían baixar até polo menos o 65%". "Non será fácil e, polo de agora, nin sequera temos unha folla de ruta por parte da Xunta, que asumiu recentemente o obxectivo do -55% para 2030, mais aínda non revisou a súa estratexia climática aprobada en 2019, que tan só aspira a un recorte dun 25%".

En canto ás consecuencias da crise enerxética derivada da invasión rusa da Ucraína e a prevista reactivación temporal da central térmica nas Pontes de Endesa -que está a trasladar 165.000 toneladas de carbón desde o porto de Ferrol-, Veiras cre que "non é unha boa nova desde o punto de vista climático" pero non vai supor "unha repunta importante das emisións". 

"Non hai temor a que isto supuña unha volta atrás porque a reactivación da central e da xeración eléctrica con carbón será moi limitada no territorial e no tempo", di Veiras, que insiste en que o carbón será "totalmente abandonado na xeración eléctrica en Europa ao longo da presente década". "Non é admisible nin posible producir electricidade con este combustible fósil se hai unha política minimamente ambiciosa contra o cambio climático; ademais, o seu prezo non é choio ningún", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.