O persoal dos servizos sociais en Galicia volveu clamar contra a súa precariedade. Desta volta, uníndose nunha manifestación convocada pola CIG para exixir mellores condicións laborais e salariais e convenios colectivos de sector "que dignifiquen e recoñezan o traballo esencial que prestan".
A marcha conxunta reuniu persoal das residencias privadas de maiores e centros de día, dos servizos de axuda no fogar (SAF), de protección de menores e reforma, de atención á discapacidade e de educación infantil na etapa 0-3 en Santiago.
Todos os sectores acumulan varias folgas e protestas nos últimos meses, advertindo das precarias condicións nas que desenvolven o seu traballo, o "escaso recoñecemento económico" do seu labor malia a "enorme responsabilidade social" das tarefas que realizan, ou a "desidia" da Consellaría de Política Social, á que acusan de obviar a súa capacidade inspectora e desatender as demandas laborais. En conxunto, todas as traballadoras —son sectores moi feminizados— reclaman melloras "para que se garantan uns coidados e unha atención ás persoas de calidade".
O persoal, convocado pola CIG, sinala a Política Social por desatender as súas demandas laborais e obviar a súa capacidade inspectora
A CIG, ademais, acusa a patronal de "intransixente" e de "bloquear a negociación colectiva", como no caso das residencias privadas e centros de día, cun convenio caducado dende 2023, ou nos SAF, sen actualizar dende 2012. "Aprovéitase do ámbito estatal para negociar convenios de miseria, como pasa nas escolas infantís 0-3, nos centros de protección de menores e reforma xuvenil ou na atención á discapacidade", engade a central nacionalista, sindicato maioritario no ámbito dos servizos sociais.
A CIG reclama que as patronais galegas "avancen nun marco galego de negociación" e que as traballadoras e traballadores "poidan negociar aquí as súas condicións".
As traballadoras advirten de “salarios miserentos, xornadas interminábeis, contratos precarios e convenios caducados desde hai anos”
Durante a manifestación, o persoal mobilizado amosou a súa indignación polo "menosprezo" das empresas e os “salarios miserentos, as xornadas interminábeis, os contratos precarios e convenios caducados desde hai anos”. Ademais, denunciaron a "complicidade" da conselleira de Política Social, Fabiola García, neste "abandono". "Lonxe de tender a man o que fai é criminalizarnos por querer vivir do noso traballo e culparnos da precaria situación nas residencias, nos centros de día e no SAF”, din.
Así, critican que, transcorridos varios meses do asasinato dunha compañeira do SAF do Porriño, "non estea aprobado un protocolo eficaz para protexer as traballadoras e inciden na falta de medios, de equipos, de tempo para realizar os coidados adecuados, e xornadas laborais excesivas".
"Explotación institucionalizada"
As traballadoras reclaman infraestruturas e ratios axeitados, protocolos e recursos reais seguridade laboral e convenios xustos "con salarios e dereitos dignos" tras denunciar un modelo de política social da Xunta de “explotación institucionalizada” e discriminatoria cara ás mulleres". “A conselleira fala de acoso por exixir condicións laborais dignas, pero aquí, as únicas acosadas polo sistema político do PP, encabezado polo presidente Rueda e a conselleira García, somos nós”, di a CIG nun comunicado.
As traballadoras das escolas infantís, da atención á discapacidade ou de protección de menores coincidiron basicamente nas demandas, reclamando mellores condicións, melloras económicas, medios dabondo e dereitos laborais para un traballo e unha atención digna.