Teresa, a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño asasinada o pasado martes nun dos domicilios que atendía, advertira apenas vinte e catro horas á empresa adxudicataria de que estaba a sufrir acoso nesa casa. Acudía a ela cada día dende hai anos para coidar unha muller encamada a causa dun ictus e inevitablemente atopábase e prestaba atención ao marido, presunto asasino segundo as pescudas.
A morte de Teresa mentres traballaba vira en tráxica evidencia da situación das profesionais do SAF, reiteradamente denunciada e apenas paliada
O home, explicou o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, foi atopado no lugar entre "manchas de sangue, desorientado e con manifestacións incoherentes". Hai tempo, informou Faro de Vigo, que presentaba síntomas de padecer algunha doenza vencellada coa demencia. É unha das hipóteses da investigación sobre o acontecido, no que todo apunta ao home como autor do "forte golpe na cabeza" que acabou coa vida de Teresa.

Alén das circunstancias concretas do acontecido no Porriño, a morte de Teresa mentres traballaba vira en tráxica evidencia da precariedade que sofren as traballadoras do SAF, reiteradamente denunciada e apenas paliada dende as Administracións responsables. Este servizo é prestado polos concellos -no caso porriñés, a adxudicataria actual é a empresa Aralia-, que reiteran sistematicamente a necesidade de que a Xunta e o Goberno de España acheguen máis fondos para, como mínimo, daren cuberto unha tarifa de 20 ou 25 euros por hora.
"Teresa fixo saber á empresa dunha situación de acoso o día anterior" na mesma casa e "como é habitual no sector, o que fan é pedir que acuda igual", relata Mercedes Domínguez, responsable da CIG no Porriño
"O que aconteceu foi circunstancial en canto ao asasinato, pero non en canto á agresión", resumía este mércores Mercedes Domínguez, responsable da CIG no Porriño, durante unha concentración organizada polo sindicato en repulsa polo acontecido. "Diaria ou semanalmente as traballadoras" dos servizos de axuda no fogar "denuncian nas empresas situacións de maltrato ou agresión que non son atendidas", porque "é practicamente imposible suspender un servizo" por esta razón.
Na mañá do propio día en que foi asasinada, confirma Domínguez -e ratifica o Concello-, Teresa "fixo saber á empresa dunha situación de acoso acontecido no día anterior" na mesma casa. "A empresa, como é habitual en todas as do sector, o que fai é pedir que acuda igualmente ao domicilio e se non se sente capaz, mandan outra traballadora" sen "tomar outra medida" que "dicir que falarán coa familia". "Faleceu Teresa, pero podía ser outra se ela decidise non ir".
Visiblemente afectada, Domínguez subliña que "dende a CIG estamos fartas de predicar, fartas de reclamar medidas reais para estas traballadoras, fartas de solicitar unha avaliación de riscos en cada domicilio" e de "pedir a suspensión inmediata ante unha situación de acoso". "Con Teresa -lamenta- chegamos tarde, a súa palabra non valeu para suspender o servizo" porque "sempre prevalece algún dereito diferente ao das mulleres e ao das persoas traballadoras a velar pola súa saúde".
Que sexa "un punto de inflexión"
"A axuda no fogar é a mina das mulleres, entran soas onde ninguén entra: dependencia, demencia, drogodependencias. Temos que parar isto"
"Eu tampouco cheguei a tempo para ela", reflexiona Mercedes Domínguez. Agora, agrega, "só quero" que a morte de Teresa "valla como punto de inflexión para que neste país se tomen medidas reais" e a Xunta "dea ferramentas para a inmediata suspensión dos servizos" de axuda no fogar ante casos de acoso.
Porque, subliña, "todos os días hai situacións de risco" nun labor que é "a mina das mulleres". "Os risco é tanto ou máis que o dun traballadores que entrase só nunha mina", ilustra. As traballadoras do SAF, lembra, reclaman reiteradamente "ir en parellas" pero seguen "en soidade" para "entrar onde ninguén entra; nin servizos sociais, nin Sergas, nin Xunta" e atender casos de dependencia ou demencia, pero tamén de adiccións ou outras problemáticas. "Temos que parar isto, a morte de Teresa ten que valer para algo", clama.
A CIG, que prevé comparecer no proceso xudicial aberto polo asasinato de Teresa para procurar "que se depuren responsabilidades" tamén "na Xunta e nos concellos", avanza o seu secretario xeral, Paulo Carril, reclama unha convocatoria "urxente" que, encabezada polo presidente da Xunta, reúna o Goberno galego, os concellos, as empresas e os sindicatos "para erradicar esta situación" no SAF. "Non podemos permitir que esta morte fique como unha máis", advirten.
Mentres, para o caso concreto do Porriño, a central sindical solicita "a suspensión cautelar do servizo mentres as mulleres non poidan volver seguras" a traballar. O pano de fondo do acontecido, engade Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres, ten que ver a "absoluta escravitude" que marca o traballo do SAF, onde conflúen "o compoñente de xénero e de clase".
A Xunta insta a denunciar
O BNG reclama á Xunta elaborar xa un protocolo de seguridade para as traballadoras no seo da comisión na que está a negociar cos concellos o financiamento da axuda no fogar
Mentres sindicatos e asociacións de traballadoras e persoas usuarias de servizos de atención á dependencia reiteran a necesidade dunha mudanza a fondo nas condicións do SAF, dende a Xunta a conselleira de Política Social, Fabiola García, alén de "trasladar as condolencias" á familia da traballadora asasinada, fan un chamamento á denuncia. "Queremos trasladas a todas as traballadoras" do SAF "que sofren algún tipo de acoso que denuncien" ante a empresa, "o Concello, que é o competente na prestación, ou unha comisaría" porque esa, di, é "a única forma de protexelas".
Por parte da actual oposición parlamentaria o BNG reclama "implicación inmediata" do Goberno da Xunta. A xuízo da súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, esa actuación "para que algo así non volva suceder" debera traducirse xa "nun protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF" elaborado na comisión mixta na que a Xunta e os concellos están negociando o financiamento deste servizo.

"Non podemos deixar as traballadoras do SAF, que tamén son traballadoras de servizos públicos sociosanitarios esenciais, desprotexidas" e o asasinato de Teresa no Porriño debe implicar un "cambio de rumbo" nesas "condicións tremendamente precarias", advirte Rodil. Tras esta reclamación do Bloque, o PP asegurou a través dun comunicado aos medios que pedirá na Fegamp "elaborar un protocolo de protección das traballadoras" do SAF e a conselleira asegurou "apoiar" a proposta.