"O problema é que as empresas ofrecen uns concellos tan baratos, tan baratos... E, claro, os concellos collen sempre a oferta máis baixa. Pero por que son tan baratos? Porque aforran en persoal e se poden non pagan de acordo ao convenio"
Un dos sector máis feminizados e precarizados é o dos coidados a persoas maiores e dependentes, realizado polas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, un ambito sometido a privatizacións e externalizacións que levaron a unha degradación das condicións laborais para o persoal e, en consecuencia, da atención que reciben os e as usuarias.
Esta situación levou, ademais, a unha cada vez maior conflitividade, con sucesivas protestas sindicais polas características da licitacións de contratos e concesións. Falamos con Maru Calderón, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar de Brión.
Supoño que nos últimos meses a pandemia fixo máis difícil o voso traballo, non si? Que cambiou durante a pandemia?
As nosas condicións de traballo, que xa normalmente son duras, foron moito peores este ano. As mascarillas que nos daban estaban contadas, non nos daban EPIs, que seica non facían falla, unha ruína todo. A cousa foi mellorando porque a través da CIG protestamos ante a empresa. Pero aínda así dannos 30 mascarillas para todo un mes de traballo, co que non podemos cambialas coa frecuencia que se recomenda.
"A unha muller maior sempre lle din 'pero a comida pode facela vostede, non?'. Pero a un home nunca llo din. E así estou eu facéndolle a comida, mentres o home está cortando leña co machado. Se pode cortar leña co machado, pode facer a comida, non cres? Iso que é? Iso é machismo puro e duro"
Onde está o problema? Como se podería mellorar esta situación?
O problema é que as empresas ofrecen uns concellos tan baratos, tan baratos... E, claro, os concellos collen sempre a oferta máis baixa. Pero por que son tan baratos? Porque aforran en persoal e se poden non pagan de acordo ao convenio.
O que pasa é que Política Social lles permite demasiadas cousas ás empresas. Ao final estamos falando de cartos públicos e eu creo que cando alguén está traballando con cartos públicos ten que ser moi escrupuloso. Outra cousa son os cartos privados, pero os cartos públicos son cousa de todos.
Eu pediría que todo o mundo, comezando polos Servizos Sociais, fose máis profesional. A axuda ten que ser para o usuario e non para os familiares e ás veces parece que a axuda é só para os familiares, para que quiten de enriba un problema.
"Este traballo está rozando a escravitude, estamos moi queimadas. Temos que facer de todo: limpar, cociñar..., somos multiusos. E é moi duro fisicamente, tamén"
Estás vacinada xa? Como foi a experiencia?
Si, déronme xa a primeira dose da vacina. Houbo quen tivo algúns efectos secundarios, como febre ou dor no brazo e tiveron que ir traballar igual. Previamente a coordinadora enviounos unha mensaxe dicindo que os destros tiñamos que poñer a vacina no brazo esquerdo e os zurdos no brazo dereito, dicindo “non me veñades mañá dicindo que non podedes ir traballar porque vos doe o brazo”
Como é unha xornada laboral de traballo para ti?
Coido a 5 usuarios todos os días, algúns días a 6 e outros a 8 persoas. Levántome ás sete e media e comezo a traballar ás oito e media. Normalmente remato á unha e cuarto e despois empezo ás tres e media outra vez, ata as cinco, máis ou menos. O que pasa é que moitas veces dependo do usuario, que se me manda un whatsapp dicindo que ao día seguinte ten que ir a unha consulta médica, quedo sen poder traballar e esa hora xa non a podo cobrar.
"Moita xente non valora este servizo. Ás veces penso que oxalá un día se acabasen os cartos da Lei de Dependencia. Ese día moita xente decataríase do que teñen, do que custa este servizo e do traballo que facemos"
É un traballo moi duro, verdade?
Si, moi duro. Este traballo está rozando a escravitude, estamos moi queimadas. Temos que facer de todo: limpar, cociñar..., somos multiusos. E é moi duro fisicamente, tamén. Nos hospitais e nas residencias hai guindastres para mover os pacientes, pero nas casas normalmente non os hai, polo que eu teño que cargar con todo o peso. E despois, por suposto, non nos recoñecen enfermidades profesionais nin nada parecido. A min faime moita gracia que nos dan uns documentos de prevención de riscos laborais que din que non podemos cargar máis de 25 quilos nin facer movementos rotatorios. E resulta que teño que cargar cunha señora que pesa 80 quilos.
Ademais é moi distinto como tratan os usuarios, se son homes ou mulleres. A unha muller maior sempre lle din “pero a comida pode facela vostede, non?”. Pero a un home nunca llo din. E así estou eu facéndolle a comida, mentres o home está cortando leña co machado. Se pode cortar leña co machado, pode facer a comida, non cres? Iso que é? Iso é machismo puro e duro.
"Había aquí unha rapaza que me daba unha peniña... Tiña 18 anos, era o seu primeiro traballo, e resulta que coidaba a un señor que non paraba de tocarlle as tetas, e a rapaciña acabou marchando porque non aguantaba máis"
Os usuarios e usuarias trátanvos ben?
Hai de todo. Había aquí unha rapaza que me daba unha peniña... Tiña 18 anos, era o seu primeiro traballo, e resulta que coidaba a un señor que non paraba de tocarlle as tetas, e a rapaciña acabou marchando porque non aguantaba máis. Díxenllo á coordinadora e o único que me respondeu foi “que lle imos a facer”.
Consideras que estás ben pagada? É un traballo recoñecido socialmente?
Agora cobramos de acordo co convenio grazas á CIG, así cho digo, porque se non non cobraríamos o que marca a lei. Antes nin cobrabamos os domingos nin os desprazamentos. Ademais, moita xente non valora este servizo. Ás veces penso que oxalá un día se acabasen os cartos da Lei de Dependencia. Ese día moita xente decataríase do que teñen, do que custa este servizo e do traballo que facemos.