O feminismo galego chama a visibilizar a protesta nas rúas: "o peso desta crise volveu recaer en nós"

Manifestación do feminismo galego o pasado ano © MMM

Este luns celébrase o 8M, Día da Muller Traballadora, unha xornada de reivindicación nas rúas, na que o movemento feminista galego convoca mobilizacións nas cidades e grandes vilas, un total de 30 marchas e concentracións baixo o lema 'Sen coidados non hai vida. mulleres en folga: esenciais, precarizadas e fartas' que se levarán a cabo coas máximas medidas de seguridade para evitar a posibilidade de contaxios de Covid-19. Unhas mobilizacións, ademais, que acompañarán a folga laboral, de coidados, de consumo e estudantil de 24 horas convocada polo movemento feminista e sindicatos.

Todas as convocatorias son de ámbito local ou comarcal e nelas garantirase o distanciamento social

En primeiro lugar, non haberá unha gran manifestación de ámbito galego, como as organizadas os tres últimos anos en Vigo, Lugo e Verín. Todas as convocatorias son de ámbito local ou comarcal e nelas garantirase o distanciamento social. As marchas levaranse a cabo en espazos amplos nos que se poida garantir tamén a distancia social, camiñando en tres columnas en paralelo e modificando en varios lugares os percorridos “tradicionais” das manifestacións feministas. Tanto nos actos finais como nas concentracións, garantiranse tamén os distanciamentos. Así mesmo, nos actos non se berrará, para reducir así a posibilidade de contaxios E, por suposto, todas as persoas terán que acudir con máscara de protección.

As manifestacións do 8M levaranse a cabo con medidas de seguridade © Galegas8M

Galegas 8M subliña a necesidade de saír ás rúas para denunciar "o atropelo dos dereitos das mulleres", máis aínda nun contexto de pandemia e de crise económica que afectou especialmente ás traballadoras

A plataforma Galegas 8M subliña a necesidade de saír ás rúas para denunciar "o atropelo dos dereitos das mulleres", máis aínda nun contexto de pandemia e de crise económica que afectou especialmente ás traballadoras e no que, ademais, moitas problemáticas ficaron invisibilizadas e relegadas aos espazos privados, que gañaron importancia fronte ao espazo público. "O peso desta crise volveu recaer sobre nosoutras", sinala a plataforma, que denuncia "a privatización e precarización dos servizos públicos nos coidados". Tamén alerta da "violencia institucional á que nos vimos sometidas con fórmulas de conciliación como o traballo a distancia, trampa que supuxo que un importante número de mulleres sufrira o detrimento da súa saúde física, emocional e psicolóxica".

 "O peso desta crise volveu recaer sobre nosoutras", sinala a plataforma, que denuncia "a privatización e precarización dos servizos públicos nos coidados"

Fronte ás críticas recibidas dende algúns ámbitos pola organización destas mobilizacións, Galegas 8M subliña que "non imos asumir que se nos culpabilice socialmente por reivindicar os nosos dereitos, xusto nun momento no que a situación está sendo límite económica, social, familiar, mental e laboralmente para moitas de nós. Xusto nun momento no que somos vítimas dunha violencia estrutural de xénero que se ampara na nosa voluntariedade para cubrir servizos esencias, traballos que aínda hoxe seguen sendo invisíbeis e, por tanto, non valorados". "Se de algo sabemos as mulleres é de coidar, de coidarnos, as nosas mobilizacións serán espazos seguros nos que se manterá a distancia de seguridade, encheremos as rúas con responsabilidade", engaden.

Máis de 30 mobilizacións e un manifesto unitario

"Non imos asumir que se nos culpabilice socialmente por reivindicar os nosos dereitos, xusto nun momento no que a situación está sendo límite económica, social, familiar, mental e laboralmente para moitas de nós"

O manifesto unitario, que se lerá ao remate de todas as mobilizacións convocadas, céntrase na importancia dos coidados, subliñando que "a meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes ao sistema: a saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras…". O texto busca "concienciar da importancia de todos os traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae".

O manifesto incide na precariedade e a baixa valoración social e económica dos traballos de coidados que son remunerados, "mesmo a pesar de resultaren actividades esenciais", reclama a "corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos" e denuncia "a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,... que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas".

Haberá manifestacións en seis das sete cidades, pero tamén en vilas como Boiro, Noia, Cee, Lalín, Pontecaldelas, Vila de Cruces, Allariz, A Gudiña, Ribadeo, Barreiros, Chantada, Xermade, Xove ou Foz, por sinalar só algunhas das convocatorias. Estes son os horarios e lugares de inicio nas seis cidades galegas con convocatorias.

  • Vigo: 18 horas. Dende a Praza dos Cabalos ata As Travesas
  • A Coruña: 17 horas. Dende a Praza das Cigarreiras ata María Pita
  • Ourense: 17 horas. Dende o cruce de Xoán XXIII co Concello ata o CHUO
  • Santiago: 18 horas. Dende a Praza 8 de marzo ata a Praza do Obradoiro.
  • Lugo: 20 horas. Dende a Praza da Horta do Seminario ata a Praza de Santa María
  • Ferrol: 19 horas. Porta Nova

O papel dos homes na folga

Galegas 8M lembra os consellos que nos últimos anos vén dando para os homes que queiran apoiar a folga de mulleres deste 8 de marzo. Os homes asalariados deberán acudir aos centros de traballo para colaborar coas mulleres para que vaian á folga e coas mobilizacións que se convoquen durante a xornada, ficando o protagonismo en exclusiva ás mulleres tanto na axitación previa do 8 como no desenvolvemento da convocatoria o propio día.

Os homes asalariados deberán acudir aos centros de traballo para colaborar coas mulleres para que vaian á folga e coas mobilizacións que se convoquen durante a xornada, ficando o protagonismo en exclusiva ás mulleres

Non é aconsellable que os homes fagan folga, porque o paro é estritamente feminino, pero si poden "facilitar que as mulleres acudan á Folga" e axudar a visibilizar e difundir os paros no centro de traballo e no conxunto da sociedade. Así mesmo, é importante que os homes se ocupen dos traballos de coidados que as mulleres non levarán a cabo ese día (crianza, alimentación, doméstico, maiores), "evitando que estas fiquen pendentes e dupliquen o traballo das mulleres os días seguintes á folga".

Así mesmo, a plataforma pide "respecto" na orde das manifestacións e concentracións, ás que os homes poden acudir pero nunca protagonizar. "Apoiade, mais non protagonicedes, poñédevos despois do bloque non mixto de mulleres", sinálase

As mobilizacións do 8M buscan "visibilizar o invisíbel" © Galegas8M

Xornalistas Galegas

Pola súa banda, Xornalistas Galegas fixo un chamamento aos medios a "incidir no agravamento da desigualdade de xénero por mor da pandemia", reivindicando "a perspectiva feminista nos contidos para visibilizar accións en favor da igualdade e afastar os discursos discriminatorios". A asociación demanda unha maior presenza de voces femininas como protagonistas, fontes expertas e opinadoras. Así mesmo, no ámbito laboral interno dos medios de comunicación, a asociación reclama de novo unha aposta firme polo acceso de mulleres aos postos de responsabilidade e dirección das empresas.

Xornalistas Galegas compilou durante esta semana publicacións de medios galegos e estatais nos que se evidencia o retroceso en dereitos reais das mulleres neste ano de COVID.

A entidade destaca que nun recente informe sobre igualdade de xénero a Comisión Europea cualifica de “desproporcionado” e “dramático” o impacto da pandemia nos dereitos das mulleres e cifra en “anos ou ata décadas” o prazo necesario para compensar esta volta atrás. Para visibilizar este agravamento, o colectivo feminista compilou durante esta semana publicacións de medios galegos e estatais nos que se evidencia o retroceso en dereitos reais das mulleres neste ano de COVID. 

Baixo a etiqueta #8MmaliaAcovid recóllense decenas de informacións relativas ao impacto negativo da pandemia na realidade feminina en materias como a precariedade económica, a visibilidade profesional e social, por exemplo no deporte, a conciliación, a saúde ou a violencia de xénero.

Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia 

A Covid-19 "non só volveu as nosas vidas do revés, senón que sacou á luz desigualdades enquistadas na nosa sociedade que non resultaban tan evidentes"

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia publicou este domingo un documento no que destaca que a COVID-19 "non só volveu as nosas vidas do revés, senón que sacou á luz desigualdades enquistadas na nosa sociedade que non resultaban tan evidentes". "Varios estudos científicos conclúen que as mulleres sofren unha deterioración da súa saúde mental no contexto da pandemia, presentan unha maior tensión e máis trastornos depresivos ou de ansiedade, como consecuencia da contorna laboral e as cargas derivadas dos roles de xénero, como os coidados, tamén os emocionais", di.

O Colexio alerta de que "cando desaparecen os servizos públicos, as mulleres son as grandes perdedoras que renuncian á súa actividade profesional total ou parcialmente (a través de reducións de xornada, con traballos máis precarios e peor remunerados) para prestar os vitais coidados aos fillos e fillas e a persoas dependentes". E reclama que as administracións "incorporen a perspectiva de xénero para corrixir as graves repercusións que a COVID-19 tivo sobre as mulleres".

Imaxe da manifestación do feminismo galego de hai tres anos en Vigo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.