Dentro de dúas semanas terá lugar un novo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que nesta ocasión estará inevitablemente marcado pola Covid-19 e as medidas de prevención ante posibles contaxios. Aínda así, a pandemia non impedirá a celebración desta xornada de protesta, na que se levará a cabo unha folga de mulleres no ámbito laboral, no ensino, de coidados e de consumo. A plataforma Galegas 8M subliña que aínda que "a situación actual obríganos a repensar as nosas accións e xeitos de facer e organizar" e a pesar de "todas as restricións e limitacións", o movemento feminista galego "non vai ficar calado, nin os problemas das mulleres confinados tras as portas".
A pesar de "todas as restricións e limitacións", o movemento feminista galego "non vai ficar calado, nin os problemas das mulleres confinados tras as portas", salienta Galegas8M
Precisamente un dos efectos da pandemia foi a ocultación de moitos dos problemas que afectan ás mulleres polo feito de naceren mulleres, comezando pola propia violencia machista, pero tamén pola invisibilización do traballo de coidados. Precisamente por iso, o feminismo galego fará fincapé neste ano neste traballo de coidados, que xa centrou as reivindicacións do ano 2020. O lema escollido para o manifesto das distintas convocatorias é 'Sen coidados non hai vida. Mulleres en folga: esenciais, precarizadas e fartas!'.
A plataforma presentou este mércores o manifesto, que busca "concienciar da importancia de todos os traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida"
A plataforma presentou este mércores o manifesto, que busca "concienciar da importancia de todos os traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae". Galegas 8M lembra que "a meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes ao sistema: a saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras…". Ademais, o texto incide na precariedade e a baixa valoración social e económica dos traballos de coidados que son remunerados, "mesmo a pesar de resultaren actividades esenciais".
O texto incide na precariedade e a baixa valoración social e económica dos traballos de coidados que son remunerados, "mesmo a pesar de resultaren actividades esenciais"
É por iso que o manifesto reclama a "corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos". E denuncia "a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,... que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas". Ademais, subliña que durante a xestión da pandemia "as medidas laborais para a conciliación consistiron en reducir a xornada ou abandonara o traballo, abocando as mulleres a unha perda do seu nivel adquisitivo". Alertan, igualmente, sobre o "detrimento da saúde física, emocional e psicolóxica" sufrida polas mulleres a causa do teletraballo, realizado en paralelo ás súas duplas ou triplas xornadas de traballo de coidados.
O manifesto denuncia a precariedade das pensións das mulleres galegas, a emigración que sofren as mozas e lembra que a pandemia "levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza, e precariedade". Fai fincapé, ademais, nas violencias que sofren as mulleres embarazadas ou que son nais, aspectos que nos últimos meses foron denunciados por Materfem.
As mobilizacións públicas do vindeiro 8 de marzo, todas de ámbito local ou comarcal, levaranse a cabo "en columnas", mantendo as necesarias medidas de seguridade. Faise un chamamento "a quen non poda estar no espazo público" a "encher os balcóns de reivindicación e loita feminista"
Sendo conscientes das limitacións exercidas pola pandemia de Covid-19, Galegas 8M consideran "imprescindíbel a mobilización de rúa" e demandan que as reivindicacións do feminismo sexan "prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social para seguir esixindo que a vida está no centro e urxe que se lle dea o valor real a estes traballos". Destacan que as mobilizacións públicas do vindeiro 8 de marzo, todas de ámbito local ou comarcal, levaranse a cabo "en columnas", mantendo as necesarias medidas de seguridade, "porque tamén as mobilizacións deben reinventarse nos tempos nos que a vida toda debe reinventarse".
De igual xeito, fan un chamamento "a quen non poda estar no espazo público" a "encher os balcóns de reivindicación e loita feminista". "Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario", engaden.
Denúnciase "a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,... que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas"
O 8 de marzo "denunciaremos que non é posíbel compatibilizar os coidados dentro dun sistema capitalista que se rexe por unha lóxica de mercado. Que a crise económica dos últimos anos foi e está a ser utilizada para reprivatizar a reprodución social, así, tras os recortes no gasto público, en servizos de coidado, sanitarios e educativos, lograron que unha parte deles regresaran ao fogar recaendo máis unha vez sobre nosoutras", sinalan. Unha denuncia que hai uns días realizaba tamén a CIG, subliñando que máis de 10 mil mulleres galegas pasaran a incrementar as cifras de amas de casa.