Nos últimos meses do pasado ano, o grupo Maternidades Feministas (Materfem) puxo en marcha unha enquisa sobre os obstáculos cotiáns aos que se enfrontan as nais e as súas crianzas, un Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan á maternidade. A enquisa, anónima, estaba composta por dez seccións que recollía experiencias de violencia institucional, psicolóxica, económica, obstétrica e xinecolóxica ou sexual, ademais de estratexias e propostas de solución, e chegou a case 300 mulleres da comarca de Compostela.
O informe recolle numerosos exemplos de violencias e obstáculos, de maior ou menor intensidade, que fan máis difícil o día a día para nais e as súas fillas e fillos
A pandemia de Covid-19 atrasou a presentación do informe de resultados da enquisa, difundido o pasado luns, e que agora será entregado ás distintas administracións co obxectivo de "impulsar iniciativas que melloren as situacións discriminatorias e de violencias machistas". Na presentación, Mónica Rodríguez Vázquez, coordinadora do informe, destacou que "as cifras son contundentes: o 98,8% das mulleres participantes afirmou padecer violencia estrutural, preto do 97% das mulleres participantes viviu violencia psicolóxica e case o 99% das participantes viviu violencia cultural".
Para Vanesa Sánchez Villaverde, outra das impulsoras do proxecto, o Observatorio "é unha necesaria e potente ferramenta para que a partir dos datos e necesidades recollidas as institucións adopten as medidas oportunas e se lexisle en consecuencia", destacando que o informe non só revela "unha realidade silenciada", senón que tamén achega proposta concretas e facilmente aplicable "para construír melloras para a sociedade".
O Observatorio "é unha necesaria e potente ferramenta para que a partir dos datos e necesidades recollidas as institucións adopten as medidas oportunas e se lexisle en consecuencia", destacan
O informe recolle numerosos exemplos de violencias e obstáculos, de maior ou menor intensidade, que fan máis difícil o día a día para nais e as súas fillas e fillos: as institucións cheas de escaleiras, violencia nos partos, liñas de autobús que dificultan o acceso, imposibilidade de conciliar, xulgados que ignoran denuncias, despidos ao rematar a licenza de maternidade ou críticas contra a lactación materna, "entre outras violencias que enfrontan as mulleres nais, aínda que de tan cotiás a sociedade as asuma coma normais ou semellen invisíbeis", sinala o colectivo.
O 86,4% das mulleres participantes na enquisa sufriu algún tipo de "violencia institucional". Igualmente importante é a "violencia económica", sufrida por máis do 96% das participantes no estudo
O 86,4% das mulleres participantes na enquisa sufriu algún tipo de "violencia institucional", máis do 50% sufriuna "en contadas ocasións" e o 36% "bastantes veces", en referencia a problemas xurdidos na atención sanitaria (durante o embarazo e posteriormente), no acceso a edificios públicos ou no transporte público.
Máis frecuente aínda é a "violencia económica", sufrida por máis do 96% das participantes no estudo. O 48% considera que o permiso de maternidade é "insuficiente" e máis do 55% denuncia que "o feito de ser nai prexudicou a miña carreira laboral, como se tivese que escoller entre unha cousa e outra". De igual xeito, o 75% sinala que "hai falta de axudas a mulleres nais" e unha porcentaxe semellante critica que "os coidados non están valorados economicamente".
O estudo denuncia que moitas nais ven que en canto rematan a prestación –durante a cal non poden ser despedidas, tampouco no embarazo– finaliza tamén o seu contrato. Ou que a imposibilidade de chegar a fin de mes lles fai acumular xornadas e horas de traballos diversos e precarios, nunha situación de permanente inestabilidade. E subliña que a fenda salarial, o teito de cristal e o chan pegañento multiplícanse no caso das mulleres nais "aínda que non se amose en ningures, pois os medios, as políticas, os estudos, etc. esconden esta realidade baixo a continua glorificación das virtudes e felicidades da maternidade".
Materfem subliña que a fenda salarial, o teito de cristal e o chan pegañento multiplícanse no caso das mulleres nais "aínda que non se amose en ningures, pois os medios, as políticas, os estudos..., esconden esta realidade baixo a continua glorificación das virtudes e felicidades da maternidade"
O documento achega datos e, baixo a frialdade das cifras, as denuncias de casos reais a través da testemuña das mulleres que os sufriron: "Despedíronme dúas veces. Unha ao comunicar o primeiro embarazo e outra o volver da baixa do segundo. As dúas na mesma empresa"; "Estando traballando os dous ao poñerse mala a nena sempre tiña que pedir eu permiso para ir buscala e levala ao médico"; "Nunha empresa na entrevista laboral chegaron a facerme asinar un compromiso de que non ía faltar ao traballo por ter crianzas"; Non me era permitido subir con carriño no bus, só coa silla pechada e o bebé no colo". "No Álvaro cunqueiro tiven q cambiar os cueiros a miña filla nun alféizar da ventá porque non había cambiadores na zona de consultas de pediatría e unha muller montoume un pollo por facelo alí e chamoume porca".
O 86% das participantes na enquisa dixo ter sufrido violencia xineco-obstétrica, especialmente durante o parto, "a través de procedementos invasivos como o tacto vaxinal realizado por múltiples persoas, a episiotomía efectuada de forma rutinaria ou o subministro de fármacos e anestesia sen xustificación"
O informe fai especial fincapé na violencia xineco-obstétrica, definida como "calquera conduta, por acción ou omisión, que, realizada polo persoal sanitario, afecte ao corpo e aos procesos reprodutivos das mulleres, con consecuencias físicas e psicolóxicas". O 86% das participantes na enquisa dixo ter sufrido esta violencia nalgún momento, especialmente durante o parto, "a través de procedementos invasivos como o tacto vaxinal realizado por múltiples persoas, a episiotomía efectuada de forma rutinaria ou o subministro de fármacos e anestesia sen xustificación".
O 43% denuncia a realización do chamado 'punto do marido': un punto de sutura de máis á hora de coser a incisión da episiotomía que estreita a vaxina co obxectivo de producirlle máis pracer ao home nas relacións sexuais. Tamén se fai referencia á realización da manobra de Kristeller, que consiste en presionar o abdome da parturenta cara ao fondo uterino para que o bebé saia con maior rapidez ou á manobra de Hamilton, no que se introduce un dedo no colo uterino para desprender as membranas da bolsa de augas para inducir o parto, "co risco de rotura prematura da bolsa ou sangrado abondoso". No informe destácase que "estas prácticas lles foron realizadas sen consentimento e sen informalas debidamente das súas consecuencias".
O informe denuncia a utilización por parte do persoal sanitario dunha linguaxe que infantiliza ou humilla ás mulleres, cunha "falta de formación en xénero dos e das profesionais que atenden ás mulleres xestantes"
Así mesmo, o Observatorio denuncia que "alén dos aspectos físicos, esta violencia leva aparellada unha compoñente psicolóxica con secuelas aínda máis graves" e sinala que se aproveita "o momento de vulnerabilidade da muller grávida ou nai primeiriza", empregando o argumento de "se non o fas, a túa filla vai morrer", frase que Materfem sitúa na portada da publicación que recolle as conclusións do informe. Denúnciase, igualmente, a utilización por parte do persoal sanitario dunha linguaxe que infantiliza ou humilla ás mulleres, cunha "falta de formación en xénero dos e das profesionais que atenden ás mulleres xestantes". E critícase, en xeral, un "total abandono durante o posparto", así como a ausencia de recursos de atención psicolóxica perinatal, "especialmente no manexo das perdas xestacionais".
O Observatorio incide tamén na denominada "violencia cultural", aínda máis invisible e invisibilizada, e asentada na difusión dus determinados estereotipos sobre as mulleres, as mulleres embarazadas ou as mulleres nais. E sinala igualmente a "violencia infraestrutural" derivada do xeito en que as nosas cidades e vilas están urbanizadas e os seus edificios construídos: "Como pode ser que miles de nais aceptemos como normais as barreiras arquitectónicas en edificios e autobuses? Como acontece que, na cidade con máis días de chuvia de todo o estado, non existan parques infantís cubertos e o vexamos como un feito natural?", pregúntase.
Dedica un capítulo en exclusiva á "violencia psicolóxica", sufrida polo 96% das entrevistadas, de xeito especial durante o embarazo e nos primeiros meses da crianza
Fala tamén da "violencia sexual" sufrida polas mulleres embarazadas ou xusto despois de ser nais. E dedica un capítulo en exclusiva á "violencia psicolóxica", sufrida polo 96% das entrevistadas, de xeito especial durante o embarazo e nos primeiros meses da crianza. Así, o 76% sinala que recibiu "cuestionamentos e xuízos no relativo á maternidade (se dás a teta ou non, se sobreprotexes ou es desapegada, se voltas traballar ou quedas na casa...)". E o 78% di que sufriu unha excesiva "carga mental" na organización das tarefas da casa, mesmo cando a súa realización está repartida co home. De igual xeito, o 87% denuncia unha falta de formación sobre doenzas femininas (endometriose, depresión posparto, fibromialxia...), que deriva en que sexan consideradas "como se fosen invencións das mulleres".
O informe lembra que a maior parte destas violencias, mesmo as máis graves, non se denuncian
Finalmente, o informe lembra que a maior parte destas violencias, mesmo as máis graves, non se denuncian (apenas o 22% sinala que si presentou algún tipo de denuncia) e pregunta polos motivos. Un 23% afirma que "non sabía que podía facelo", un 32% "non sabía como facelo" e un 20% di que "non creo que sirva para nada". O Observatorio alerta de que os obstáculos para a presentación das denuncias existen realmente, pero conclúe que "a denuncia é un acto de sororidade para co resto das irmás. É unha maneira de plasmar sobre papel e sumar un relato propio a outros relatos".
O documento péchase cunha serie de estratexias e propostas de actuación para loitar contra esas violencias
O documento péchase cunha serie de estratexias e propostas de actuación para loitar contra esas violencias, dende cambios na lexislación, a esixencia de formación en xénero ao funcionariado, a ampliación dos permisos de maternidade, a posta en marcha dunha renda para mulleres ao coidado de crianzas de 0-3 anos, a promoción da prioridade para as persoas con crianzas, embarazadas e persoas con dificultade de movementos en todos os espazos públicos e privados ou a visibilidade social do traballo de coidados e a súa axeitada remuneración.