Unha avogada de Ferrol viuse obrigada este martes no Xulgado do Social número 1 de Vigo a abandonar a sala de vistas para darlle o peito ao seu bebé, de 43 días. Posteriormente ela mesma difundiu nas redes sociais unha imaxe na que se pode ver a escena -ela vestida coa toga aleitando a súa filla nun dos corredores-, denunciando que tivo que facelo ante a fixación da vista para esta data, a pesar de que a súa baixa de nacemento de 16 semanas aínda non rematou.
"Polo visto os bebés das avogadas necesítannos menos que os das demais traballadoras, porque suspendín o xuízo, con informe xinecolóxico, e citáronmo para 6 semanas despois da data probable de parto", escribiu
"Polo visto os bebés das avogadas necesítannos menos que os das demais traballadoras, porque suspendín o xuízo, con informe xinecolóxico incluído, e citáronmo para 6 semanas despois da data probable de parto. Ou non saben contar ou esquecen que as baixas de maternidade son de 16 semanas", escribiu en Facebook, nunha mensaxe que de inmediato recibiu numerosos apoios, destacando os dun gran número de avogadas, que tamén relataron casos semellantes.
"Comuniquei que ía estar de baixa por maternidade, dando por feito que un Xulgado do Social sabe que son 16 semanas, coa sorpresa de que colocaron o xuízo 6 semanas despois do parto. O meu cliente non quería que o representase outro avogado e non solicitamos un adiamento", explica en conversa con Praza.gal. "Podía terse resolto todo doutro xeito, pero a vista comezou con moito atraso e a nena tocáballe comer e comezou a chorar fóra. Como o letrado de Fogasa aínda non chegara, pedinlle ao xuíz se podía saír e de forma moi amable e dilixente permitiume facelo", destaca.
"Quixen subir a foto a Facebook para ilustrar unha realidade que nos sucede a moitas nais. Moitas compañeiras teñen que acudir a vistas no xulgado aos 15 días de dar a luz", explica
A avogada subliña que "a realidade é que non houbo ningún incidente, resolveuse todo con total normalidade". "Pero quixen subir a foto a Facebook para ilustrar unha realidade que nos sucede a moitas nais. Moitas compañeiras teñen que acudir a vistas no xulgado aos 15 días de dar a luz, e en ocasións apenas un par de días despois", denuncia. "Isto aplícase tamén aos homes: un avogado que vén de ser pai e que solicitou a baixa de paternidade non debería ter que acudir ao xulgado neses días, pero teñen que facelo", engade.
"Isto aplícase tamén aos homes: un avogado que vén de ser pai e que solicitou a baixa de paternidade non debería ter que acudir ao xulgado neses días, pero teñen que facelo", di
A letrada é tesoureira en Ferrol da Agrupación de Jóvenes Abogad@s de Ferrol, que xa fixo público o seu apoio. "Con toda a dilixencia e previsión do mundo pediu a suspensión do xuízo por coincidirlle con data próxima á prevista para o parto", lembra a entidade, que subliña que "neste caso, aínda considera que tivo sorte xa que o xuíz lle permitiu saír a dar para comer á nena mentres agardaban polo avogado do FOGASA, que se atopaba celebrando outro xuízo". "Esta é unha realidade presente en todos os xulgados de España que non podemos permitir", sinala a asociación, que reclama que se respecten as baixas de nacemento das avogadas e avogados.
"É sorprendente que teña moita máis repercusión o feito de que eu sacara o peito no xulgado para dar de comer á miña filla que as denuncias realizadas polo Consello Xeral da Avogacía", destaca
A avogada destaca que "é moi sorprendente que teña moita máis repercusión o feito de que eu sacara o peito no xulgado para dar de comer á miña filla que as denuncias públicas realizadas polo Consello Xeral da Avogacía, pedindo que se suspendan as vistas cando hai baixas por maternidade e paternidade".
O pasado 19 de febreiro o Consello Xeral da Avogacía Española (CGAE) reclamou a reforma das leis de enxuizamento para incluír a maternidade e a paternidade como causas de suspensión de vistas. Na actualidade, entre as causas de suspensión dunha vista a Lei de Enxuizamento Civil prevé a morte, enfermidade ou imposibilidade absoluta do letrado e a baixa por maternidade ou paternidade, así como a coincidencia de sinalamentos en diferentes órganos xurisdicionais. Porén, isto só protexe aos profesionais que exercen por conta allea, xa que ao estaren inscritos na Seguridade Social, recoñécenselles dereitos como permisos, períodos mínimos de descanso, vacacións ou baixas.
"O recoñecemento do dereito á conciliación debe ser lexislativo, non pode estar sometido á discrecionalidade dos tribunais", di o CGAE
Pola contra, os avogados autónomos (que son maioría na profesión), están suxeitos a outro réxime que non prevé este tipo de beneficios. Neste caso, moitos xuíces rexeitan a suspensión de vistas, argumentando que o avogado pode buscar a un compañeiro que o substitúa no xuízo. Porén, isto supón un prexuízo para os autónomos, xa que se deixan o caso, non cobran. "O recoñecemento do dereito á conciliación da avogacía debe ser lexislativo, non pode estar sometido á discrecionalidade dos tribunais", salienta Margarita Cerro, presidenta da Comisión de Igualdade do Consello Xeral da Avogacía.
"A realidade do sector é que o 90% dos avogados somos autónomos, cando menos en Ferrol. E ademais non é tan fácil pasarlle un caso a un compañeiro, casos nos que levas traballando meses e que só ti tes na cabeza todos os detalles", sinala. "Non pedimos nada que non teñan os demais traballadores e non pedimos nada que non pidan os demais autónomos, que tamén sofren este problema", conclúe.