As mulleres son o 58% dos xuíces e xuízas de Galicia, pero non foi ata este venres que unha muller foi elixida para presidir unha das salas do TSXG
No ano 2013 producíase no Estado español un fito histórico: por primeira vez o número de xuízas superou ao de xuíces, unha circunstancia que en Galicia xa tivera lugar un chisco antes. Esta tendencia continuou consolidándose dende entón, dado que as mulleres son ampla maioría nas novas xeracións de xuíces e xuízas, mentres que a maior parte dos profesionais que se xubilan son varóns.
Na actualidade (datos do 1 de xaneiro de 2019) as mulleres son o 57,9% dos xuíces e xuízas en Galicia, fronte ao 42,1% de homes. Porén, non foi ata este venres que unha muller foi elixida para presidir unha das salas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. María Dolores Rivera Frade tomou posesión como nova presidenta da Sala do Contencioso do TSXG, na mesma sesión da na Luis Fernando de Castro Mejuto se converteu en presidente da Sala do Social do alto tribunal galego.
Dores Rivera defendeu “o labor de xulgar sen lle dar as costas á realidade que nos rodea”
O nova presidenta da Sala do Contencioso defendeu “o labor de xulgar sen lle dar as costas á realidade que nos rodea”. Dores Rivera comprometeuse a promover mecanismos que conduzan a conseguir unha “sala moderna, dixitalizada, adaptada ás novas tecnoloxías”. Incidiu tamén na necesidade de que respecte no seu funcionamento o principio de seguridade xurídica, “evitando criterios e formas de actuación dispares entre seccións”. Rivera tamén se mostrou partidaria de “potenciar mecanismos alternativos de solución de conflitos”.
“O feito de que a muller sexa maioría na carreira xudicial española debe corresponderse con idéntica presenza nos altos cargos xudiciais”, salientou o presidente do TSXG
O propio presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, destacou a circunstancia de que Rivera sexa a primeira muller que ocupa unha presidencia de sala en toda a historia do Tribunal e da que foi Audiencia Territorial da Coruña: “O feito de que a muller sexa maioría na carreira xudicial española debe corresponderse con idéntica presenza nos altos cargos xudiciais”, salientou Díaz-Castroverde.
Desde 1992, cando ingresou na carreira xudicial, ata o ano 2000, Dores Rivera foi titular de xulgados de primeira instancia e instrución en Vilagarcía de Arousa e L’Hospitalet de Llobregat. Os seus seguintes destinos, entre 2000 e 2010, foron os xulgados número 1 e 2 do Contencioso-Administrativo de Compostela, desde onde pasou a ocupar unha praza na Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, que presidirá a partir de agora.
Nas Audiencias Provinciais galegas os homes son maioría (35 fronte a 25), unha diferenza que se incrementa no propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (27 a 12)
Aínda que as mulleres son ampla maioría no mundo da xudicatura, esa distribución non se traslada ás presidencias de sala e aos órganos de goberno. Ademais, determinados tribunais seguen a contar con moitos máis xuíces que xuízas. Así, as mulleres son clara maioría nos xulgados de instrución e primeira instancia (53 a 17), no Xulgado de Menores (4 a 0) e no Xulgado do social (16 a 10). Tamén, forma máis equilibrada, no Xulgado do Penal (12 a 9), mentres que no Xulgado do Contencioso-Administrativo o número homes e mulleres é idéntico (8 e 8). Pola contra, nas Audiencias Provinciais os homes son máis (35 fronte a 25), unha diferenza que se incrementa no propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (27 a 12).
Nas restantes comunidades autónomas e no conxunto do Estado a situación é moi semellante, con máis do 60% de mulleres nos xulgados de violencia de xénero, nos xulgados de instrución e primeira instancia, nos xulgados de menores e nos xulgados do penal e do social. Pola contra, no órganos superiores (aos que se accede despois de varias décadas de exercicio), os homes seguen a ser clara maioría: na Audiencia Nacional os varóns son o 56% dos xuíces e xuízas, nas Audiencias provinciais son o 61%, nos Tribunais Superiores o 63% e no Tribunal Supremo a porcentaxe masculina chega ao 81%.
En canto aos presidentes e presidentas de sala nos tribunais superiores nas restantes rexións e nacionalidades, atopamos unicamente unha presidenta de sala do penal fronte a 16 presidentes, 5 presidentas de sala do contencioso administrativo (fronte a 16 homes) e 8 presidentas de sala do social (fronte a 13 homes).
Nos xuíces e xuízas de menos de 40 anos hai un 77% de mulleres. Por riba de 61 anos hai un 78% de homes
A comezos deste ano 2019 había en Galicia 201 xuízas e 146 xuíces, sendo as mulleres clara maioría entre os maxistrados e maxistradas máis novas, sumando 52 profesionais de menos de 40 anos (un 77%) fronte a 15 homes (23%). No grupo de idade entre 41 e 50 anos hai tamén unha clara maioría feminina (66% fronte a 33%). Mentres, entre 51 e 60 anos as cifras iguálanse (51 xuízas e 52 xuíces) e por riba de 61 anos (os máis próximos a xubilarse) os homes son maioría, co 78% do total (45 xuíces e 15 xuízas).