As mulleres son maioría entre os xuíces en España, representando máis do 51% dos 5.219 maxistrados en activo. O pasado ano produciuse por vez primeira esta circunstancia histórica, cando as xuízas representaban o 50,1% do total, e nos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2014 esta tendencia consolídase. E semella que o seguirá facendo, se atendemos aos datos de novos ingresos nos últimos anos (o 63% dos novos xuíces son mulleres) e á composición das facultades de Dereito. Son os datos que presenta o Informe sobre a estrutura da carrera xudicial, presentado este venres polo Consejo General del Poder Judicial.
As mulleres son máis, e sobre todo entre as xeracións máis novas de xuíces. Entre aqueles que teñen menos de 30 anos as mulleres representan o 63%, nos que teñen entre 31 e 40 son o 66%, e nos que teñen entre 41 e 50 chegan ao 57,5%. Porén, por riba desa idade os homes seguen sendo maioría, representando o 60% nos que contan entre 51 e 60 e o 85% entre os que superan esa idade.
Nalgunhas instancias os homes seguen dominando amplamente. É o caso do Tribunal Supremo (88,3%) ou na Audiencia Nacional (64,1%), pero tamén as Audiencias Provinciais (66,1%)
Ademais, mentres as xuízas son maioritarias na meirande parte dos órganos e tribunais: no Xulgado do Penal (59%), no Xulgado do Social (53%), no Xulgado de Menores (58,2%), no Xulgado de Primeira Instancia (59,4%), no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución (65,1%), no Xulgado de Instrución (55,4%) ou no Xulgado de Violencia sobre a Muller (66,7%), entre outros, noutras instancias os homes seguen dominando amplamente. É o caso do Tribunal Supremo (88,3%) ou na Audiencia Nacional (64,1%), pero tamén as Audiencias Provinciais (66,1%) ou os tribunais superiores de xustiza de cada comunidade autónoma (66,4%). Estas diferenzas están tamén ligadas a unha fenda xeracional, pois se na maior parte dos ámbitos a media de idade dos maxistrados está por baixo do cincuenta anos, en órganos coma a Audiencia Nacional (57,1 anos), os tribunais superiores (54,7) ou os tribunais provinciais (55,7) superan por moito esa media.
En Galicia a maioría de mulleres é aínda máis clara, superando o 54% do total e con porcentaxes que superan o 60% entre os maxistrados de menos de 50 anos. Aínda así, os homes seguen sendo máis no TSXG (31 fronte a 11 mulleres) e nas audiencias provinciais (35 fronte a 19),
O informe tamén achega o dato de que o 100% dos maxistrados que pediron excedencia voluntaria para coidar dun fillo ou filla son mulleres, e tamén o 100% dos que solicitaron esa excedencia para coidar un familiar. En cambio, nas excedencias por interese particular dúas de cada tres peticións corresponderon a homes.