O Goberno de España endurece as medidas contra a gripe aviaria. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de ordenar o confinamento en todas as explotacións de aves de curral que se crían ao aire libre para a prevención e control desta doenza. Faino, explica, ante o "claro risco de contaxio" desde as aves silvestres ás de curral ao estaren a migrar moitas nestas e nas próximas datas cara á Península Ibérica desde países do centro e norte de Europa onde no último mes "incrementou notablemente o número de focos" da enfermidade.
O Goberno de España decreta o confinamento das aves de curral criadas ao aire libre ante o "claro risco de contaxio" desde aves silvestres
A orde, do 11 de novembro e publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) este xoves —data na que entra en vigor— establece o confinamento das granxas avícolas ao aire libre, sexa cal for o método de cría, incluíndo tamén as explotacións ecolóxicas, as que produzan ovos ou carne para a súa venda directa ao consumidor final ou as de autoconsumo.
A medida afecta, xa que logo, os máis de 153.603 galiñeiros para consumo propio que hai rexistrados en Galicia, ademais de calquera tipo de explotación de aves de curral a maior escala. A orde prohibe a cría e o mantemento ao aire libre deste tipo de aves e outras privadas de liberdade, aínda que indica que as autoridades poderán autorizar o seu mantemento fóra baixo unha serie de condicións.
A migración de aves desde países do centro e norte de Europa, cun "incremento notable" dos focos, obriga o Estado a tomar medidas
Poderíase permitir manter os animais ao aire libre colocando "teas paxareiras ou calquera outro tipo de dispositivo que impida a entrada de aves silvestres", pero" sempre que se alimente e abebere as aves no interior das instalacións ou nun refuxio que impida a chegada das aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos ou a auga destinadas ás aves de curral".
Entre as medidas indícase a prohibición da cría de patos e gansos con outras especies de ave de curral ou dar de beber auga a estas últimas procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, agás que esa auga sexa tratada.
Ademais, a orde do Ministerio explica que os depósitos de auga situados no exterior por motivos de benestar animal "quedarán protexidos dabondo contra as aves acuáticas silvestres".
Como se indicara xa nas medidas previas, queda tamén vetada a presenza de aves de curral ou outras en catividade en feiras, certames e celebracións semellantes, así como "calquera concentración" destes animais. A orde aclara que a Xunta —ou a comunidade autónoma que corresponda— poderán autorizar estas concentracións no caso de que as aves procedan dese territorio e sexan avaliados polo seu risco cun resultado favorable.
"Claro risco de contaxio"
Polo momento, e segundo informa o Ministerio, na actual tempada 2025-26 notificáronse en España un total de 14 focos en aves de curral, cinco en animais cercados e 68 en aves silvestres. En Galicia, segundo datos da Consellería do Medio Rural, son dez os casos de gripe aviar rexistrados, todos en aves silvestres, o último deles comunicado o pasado martes, o dunha gaivota na Coruña.
Xa que logo, o confinamento decretado desde este luns para as aves de curral en 40 concellos galegos esténdese agora a todo o territorio galego, ademais de a todo o Estado. O Ministerio de Agricultura explica que durante as últimas catro semanas incrementouse "notablemente" o número de focos de gripe aviar notificados nos países do centro e do norte de Europa, "territorios desde os que un gran número de aves migratorias se desprazan cara a España coa próxima chegada do inverno".
"Existe un claro risco de contaxio desde as aves silvestres ás explotacións nas que a cría se realiza ao aire libre", di o Ministerio, que aclara que, por iso, "procede adoptar, como medida cautelar, o confinamento destas aves".
A transmisión da gripe aviaria ao ser humano pode producirse por vía respiratoria pero require un contacto reiterado e directo coas aves infectados ou os excrementos
No caso de que un animal estea infectado, os síntomas nos casos leves son dificultades para respirar ou diminución nos ovos que pon. No caso de aumentar a gravidade, pode sufrir inchazón, perda de apetito ou sangrado.
Aínda que a gripe aviaria pode transmitirse ao ser humano por vía respiratoria, para que iso se produza o contacto debe ser reiterado e directo coas aves infectadas ou cos seus excrementos. O contaxio de humano a humano non é posible nin tampouco se transmite comendo a carne dun animal infectado ou os ovos.