Galiñas confinadas en 40 concellos: así son as medidas contra a gripe aviaria

Galiña nun concello galego CC-BY-NC-SA JRobles

O avance da gripe aviaria obriga a medidas como o peche das aves de curral en 40 concellos galegos; en Galicia confirmáronse dez casos en aves silvestres no que vai de ano

Desde este pasado luns están en vigor as medidas de prevención adoptadas en 40 concellos de Galicia para protexer as explotacións avícolas ante o incremento da gripe aviaria. Son actuacións detalladas na orde APA/2442/2006, tal e como explicou o Ministerio de Agricultura e Alimentación a pasada semana nun documento onde advirte de que en Europa foron detectados, desde o pasado mes de xullo, 139 focos desta doenza en aves de curral, 708 en aves silvestres e 33 en aves presas, case 90 deses casos en España. 

Un dos últimos comunicouno este martes a Consellería do Medio Rural. Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela atopada no municipio da Coruña e que foi trasladado logo ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros. Tras a análise do cadáver do animal, confirmouse o que é o décimo caso de gripe aviaria en aves silvestres en Galicia neste 2025, aínda que non se rexistrou ningún en aves de curral.

Ante a situación, a Xunta informou na pasada semana das medidas a aplicar desde esta semana nas zonas zonas de especial risco (ZER) e zonas de especial vixilancia (ZEV). Así, prohíbese a cría de aves de curral ao aire libre, aínda que permitindo excepcións no caso de existir medidas de bioseguridade que impidan o contacto directo —ou indirecto a través de auga ou alimento— destas aves de curral coas silvestres. Xa que logo, centos de galiñeiros deberán permanecer pechados e manter as pitas dentro nos concellos incluídos nesas dúas áreas.

A diminución das temperaturas e as migracións de Europa a Asia de aves provocan un "risco moi elevado en Galicia no resto do Estado"

Queda vetada tamén a cría de patos e gansos xunto a outros especies de aves de curral e o uso de aves anseriformes (nadadoras) e caradriformes como reclamos na caza. 

A orde prohibe tamén dar auga ás aves de curral procedentes de depósitos ás que poidan acceder silvestres, agás que esa auga sexa tratada para evitar os virus, e ordena a protección destas aves silvestres dos depósitos situados no exterior para determinadas aves de curral. 

Tamén se prohibe calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves presas e a presenza destas en centros de concentración de animais como mercados ou feiras gandeiras, aínda que a Xunta podería autorizar estas concentracións se antes hai unha avaliación do risco con resultado favorable. 

Galiñas nun galiñeiro CC-BY-SA Cottonbro

As medidas son aplicables nos seguintes concellos: os incluídos na zona ZER (A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra; Xove, na de Lugo; e Cerceda, Ordes e Tordoia, na da Coruña). E os da zona ZEV, que son Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, en Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra.

A medida afecta case 1.200 concellos no conxunto do Estado, sendo Castilla y León, con 250, e Catalunya, con 224, as comunidades con máis zonas con restricións, aínda que Castilla-La Mancha estenderá o confinamento a toda a rexión. 

A Xunta explica que a diminución previsible das temperaturas nestes vindeiros días, así como a existencia nestas datas das migracións anuais de aves procedentes do centro e norte de Europa e de Asia, que pasan pola península na súa ruta cara a África, son factores que contribúen a que "a situación de risco sexa moi elevada en Galicia e no resto do Estado, motivo polo cal se adoptaron as medidas descritas".

Desde a Consellería do Medio Rural insístese, ademais, na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas galegas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia  das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Unha granxa avícola CC-BY-SA Daisy

Non se transmite de humano a humano

"Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico, aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático", explica. 

No caso de que un animal estea infectado, os síntomas nos casos leves son dificultades para respirar ou diminución nos ovos que pon. No caso de aumentar a gravidade, pode sufrir inchazón, perda de apetito ou sangrado. 

Aínda que a gripe aviaria pode transmitirse ao ser humano por vía respiratoria, para que iso se produza o contacto debe ser reiterado e directo coas aves infectadas ou cos seus excrementos. O contaxio de humano a humano non é posible nin tampouco se transmite comendo a carne dun animal infectado ou os ovos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.