O contaxio e mutación de gripe aviaria nunha granxa de visóns de Carral pon en alerta os servizos europeos de vixilancia

En Galicia están o 80% das granxas de visóns americanos de todo o Estado © Igualdad Animal

O pasado mes de outubro detectouse nunha granxa de visóns de Carral un gromo de gripe aviaria que fora quen de mutar, conseguindo pasar de aves a mamíferos e infectando estes últimos

O pasado mes de outubro detectouse nunha granxa de visóns de Carral un gromo de gripe aviaria que fora quen de mutar, conseguindo pasar de aves a mamíferos e infectando estes últimos. O gromo provocou unha elevada mortalidade entre estes animais (na semana do 17 ao 23 de outubro morreron o 4% do total) e finalmente obrigou a sacrificar aos 52.000 visóns americanos desta granxa, situada ademais ao aire libre, o que incrementa o risco de contaxios a outras especies.

A revista europea sobre vixilancia, epidemioloxía, prevención e control de enfermidades infecciosas (Eurosurveillance) vén de publicar un informe que detalla as características deste gromo e riscos asociados a el, facendo fincapé na mutación que se produciu. Na elaboración do informe participaron científicos da Xunta de Galicia, do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete e do Istituto Zooprofilattico Sperimentale delle Venezie, laboratorio europeo de referencia para a gripe aviaria.

A análise do xenoma do virus descubriu a mutación pouco común © www.eurosurveillance.org

A investigación achou unha mutación pouco común denominada T271A, que aparecera no virus da gripe porcina que provocara unha pandemia en humanos no ano 2009. O informe alerta de que a mutación T271A "pode ter implicacións para a saúde pública”

Detectado un incremento na mortalidade dos animais, tomáronse mostras que foron analizadas no laboratorio de Algete (Madrid), descartando que a orixe puidese estar nun contaxio do coronavirus SARS- CoV-2. Porén, dado que nas semanas anteriores se producira un gran número de mortes de aves en distintas zonas de Galicia por mor da gripe aviaria (provocada polo virus H5N1), enfocouse a análise á procura deste patóxeno, confirmando a súa presenza.

Pero, ademais, na investigación achouse unha mutación pouco común denominada T271A, que aparecera no virus da gripe porcina que provocara unha pandemia en humanos no ano 2009. Esta descuberta levou ao Goberno galego a adoptar a decisión de sacrificar inmediatamente a todos os animais da granxa.

Galicia reúne 25 das 37 granxas de visóns americanos existentes en todo o Estado español, o 80% do total

Agora o informe alerta de que a mutación T271A "pode ter implicacións para a saúde pública”. A publicación subliña que "dada a preocupación que xera a susceptibilidade dos visóns a virus emerxentes como o virus HPAI H5N1 e o SARS-CoV-2, é necesario fortalecer a cultura de bioseguridade e bioprotección neste sistema de cría e promover a implementación de programas de vixilancia ad hoc para os virus de influenza A e outros patóxenos zoonósicos a nivel mundial". Os autores e autoras do informe conclúen que "estas intervencións son fundamentais para previr o contacto entre os visóns e os animais salvaxes, e para controlar os eventos de transmisión de enfermidades dos visóns aos traballadores e viceversa".

Visóns nunha imaxe da asociación ecoloxista Adega © Adega

Nos últimos tres anos a aparición de varios gromos de COVID-19 en visóns americanos en granxas de toda Europa elevou a preocupación sobre a posibilidade de que nestas instalacións se produzan mutacións perigosas de patóxenos que poden acabar afectando a outros animais e tamén aos seres humanos

Nos últimos tres anos a aparición de varios gromos de COVID-19 en visóns americanos en granxas de toda Europa elevou a preocupación sobre a posibilidade de que nestas instalacións se produzan mutacións perigosas de patóxenos que poden acabar afectando a outros animais e tamén aos seres humanos. Nos primeiros meses do ano 2021 detectáronse ata 15 gromos en granxas galegas. Cómpre lembrar que Galicia reúne 25 das 37 granxas de visóns americanos existentes en todo o Estado español, o 80% do total. Noutros países, como Dinamarca ou os Países Baixos a sucesión de gromos de SARS-CoV-2 levou a tomar a decisión de pechar moitas destas granxas, sacrificando a todos os animais.

No momento en que o gromo de Carral foi detectado, Medio Rural iniciou actuacións de vixilancia nas explotacións avícolas e de visóns existentes arredor do foco, co fin de detectar a existencia dalgunha outra explotación afectada, así como establecer medidas de confinamento no caso das aves e de reforzo das medidas de bioseguridade. Así mesmo, prohibiu na zona a celebración de concentracións de aves e a solta de aves cinexéticas para repoboación.

Adega lembra que estas instalacións "son unha bomba biolóxica que non só poñen en risco a biodiversidade autóctona, senón tamén a saúde pública ao seren gromos e focos de transmisión de enfermidades como o COVID ou a gripe aviaria"

Porén, para as organizacións ecoloxistas as medidas foron consideradas insuficientes, e ADEGA instou a pechar todas as granxas de visóns existentes en Galicia, lembrando que estas instalacións "son unha bomba biolóxica que non só poñen en risco a biodiversidade autóctona, senón tamén a saúde pública ao seren gromos e focos de transmisión de enfermidades como o COVID ou a gripe aviaria". 

A decisión de non pechar as granxas implica "xogar á ruleta rusa biolóxica expoñendo a nosa biodiversidade e a saúde pública a un risco inasumíbel, só para beneficio dun negocio minoritario e elitista cada vez máis cuestionado e prohibido en toda Europa", engadía en outubro a organización ambientalista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.